A Xunta subvencionará a contratación de internet vía satélite a 2.100 familias e empresas das zonas con máis dificultades de cobertura

Martes 11 de Setembro de 2012

A Xunta subvencionará a contratación de internet vía satélite a 2.100 familias e empresas das zonas con máis dificultades de cobertura

A Administración investirá máis de 1 millón de euros ata o 2014 na execución destas axudas

Están dirixidas a familias e pemes, que non dispoñan de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía

Sufragaranse con ata 500 euros os gastos de instalación e equipamento e a alta de liña e o primeiro mes serán gratuítos

Estas axudas serán xestionadas polos seis operadores de telecomunicación acreditados pola Xunta como entidades colaboradoras: Quantis, Tripla, Duo Telecom, Intermax Tecnology , Eurona e Mira Novas Tecnoloxías

Máis de 2.100 familias e pequenas e medianas empresas ubicadas nas zonas con máis dificultades de cobertura da Comunidade poderán acceder ás axudas que pon en marcha a Xunta para contratar o servizo de conexión a Internet vía satélite.

A cobertura de internet vía satélite é a sexta e última liña do Plan de Banda Larga da Xunta e está destinada ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite. Así o explicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Mar Pereira.

O Goberno galego investirá 1.077.000 euros ata 2014 nestas axudas, que serán tramitadas por seis operadores de telecomunicación acreditados pola Xunta como entidades colaboradas nunha convocatoria aberta e publicada o pasado mes de xullo.

Esta mañá o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Antonio Crespo,  formalizaba a colaboración cos operadores a través da sinatura dun convenio. Esta medida é posible grazas ao acordo asinado o pasado mes de abril entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Medio Rural e do Mar, que a través de Agader, achegará o importe total das axudas euros no período 2012-2014.

Beneficiarios e importe das axudas
Poderán solicitar as axudas aquelas familias e empresas con enderezo en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.

Establécese unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación e o custo do equipamento de usuario, cunha contía máxima de 500 euros e condicionado á permanencia no servizo durante un ano.

O usuario deberá contratar un servizo de banda larga vía satélite de cando menos 2Mbps de velocidade de baixada. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.

O prazo de solicitude destas axudas abrirase tras a súa publicación no DOG prevista para finais deste mes de setembro.

Entidades colaboradoras
As axudas tramitaranse a través de seis empresas provedoras do servizo de Internet vía satélite acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta, Quantis, Tripla, Duo Telecom, Intermax Tecnology, Eurona e Mira Novas Tecnoloxías. Este sector está composto principalmente por pequenas e medianas empresas de xeito que esta última liña do Plan contribuirá tamén a dinamizar a súa actividade.

Con estas axudas a Administración autonómica busca avanzar un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural, e contribuíndo a mellorar a súa competitividade.