A Xunta solicitou ao Ministerio de Xustiza unha ferramenta que lle permita realizar en galego os procedementos máis habituais

Mércores 28 de Xullo de 2010

A Xunta solicitou ao Ministerio de Xustiza unha ferramenta que lle permita realizar en galego os procedementos máis habituais

A ferramenta de tradución de procedementos que se viña usando resultou incompatible coa nova aplicación de xestión procesal

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ten solicitado ao Ministerio de Xustiza unha nova ferramenta que lle permita realizar en galego os procedementos da Administración de Xustiza máis habituais.

Esta petición realizouse no marco das diversas reunións que o departamento autonómico mantivo cos técnicos do Ministerio -provedor das aplicacións e ferramentas- para avaliar a implantación do Minerva NOX, a nova aplicación de xestión procesal que entrou en funcionamento nos xulgados galegos o pasado 4 de maio.

A anterior versión de Minerva, ao igual que ocorría coa súa predecesora -Libra-, dispoñía dunha colección de documentos traducidos pola Dirección Xeral de Xustiza ao galego a través dunha ferramenta específica. Esta ferramenta resultou incompatible coa actual aplicación informática Minerva NOX, imposibilitando a tradución dos documentos que se viña realizando.

Por iso, desde os primeiros días de implantación do Minerva NOX se lle solicitou ao Ministerio, verbalmente e por escrito, un novo editor de modelos dos documentos desta aplicación, que é a ferramenta que permite crear estes mesmos documentos en galego.