A Xunta salienta que case 40.000 menores de 19 anos dispoñen da tarxeta Xente Nova coa que realizaron 1,6 millóns de viaxes gratuítas no transporte metropolitano interurbano no último ano

Venres 22 de Setembro de 2017

A Xunta salienta que case 40.000 menores de 19 anos dispoñen da tarxeta Xente Nova coa que realizaron 1,6 millóns de viaxes gratuítas no transporte metropolitano interurbano no último ano

Vázquez Mourelle salienta o investimento de 1,5 millóns de euros nesta iniciativa que permitiu que un de cada sete viaxes metropolitanas pagadas con tarxeta foron para os máis novos e de balde
A Coruña é a área metropolitana con maior número de mozos beneficiarios, xa que se teñen distribuído máis de 14.000 tarxetas e Vigo é o concello de Galicia con máis titulares do dispositivo, con 4.200
A conselleira indica que os datos reflicten que esta iniciativa social, educativa e de concienciación, esperta o interese das familias e da mocidade galega
A directora da Amtega sinalou que a aplicación, que notificará ao usuario as novas recargas e a súa caducidade, está xa dispoñible para os sistemas operativos Android e IOS
Mar Pereira avanza que se está a traballar nunha seguinte versión desta aplicación, que permitirá pagar desde o dispositivo móbil ou coñecer a situación do autobús en tempo real

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto do director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, presentaron hoxe a nova aplicación para a mellora da utilización do Plan de transporte metropolitano, cuxo programa Xente Nova xa beneficia a case 40.000 menores de 19 anos que realizaron 1,6 millóns de viaxes gratuítas no transporte metropolitano interurbano no último ano.

Vázquez Mourelle concretou que o Executivo autonómico investiu 1,5 millóns de euros para ofrecer transporte público de balde aos máis novos. Engadiu que unha de cada sete viaxes metropolitanas pagadas con tarxeta foron para os mozos e ademais de xeito gratuíto.

A Coruña é a área metropolitana con maior número de mozos beneficiarios, xa que nesta zona téñense distribuído máis de 14.000 tarxetas e Vigo é o Concello de Galicia con máis titulares do dispositivo, con 4.200. Así, a titular de Infraestruturas sinalou que estes datos reflicten que esta iniciativa social, educativa e de concienciación, funciona e esperta o interese das familias e da mocidade galega.

O Goberno galego activou en agosto do ano pasado unha nova medida social, no marco do Plan de transporte metropolitano de Galicia, que ofrece máximas vantaxes para a mocidade: a tarxeta Xente Nova, iniciativa para nenos e mozos con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos, ambos incluídos. Isto supón a implantación dunha nova tarifa que é de cero euros para os viaxes de carácter interurbano que realicen dentro das cinco áreas de transporte metropolitano establecidas: A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo e Vigo, tendo tamén transbordos gratuítos entre o autobús interurbano e urbano, cando estes formen parte dunha viaxe metropolitana.

Con esta tarxeta os mozos galegos poden realizar de balde ata un máximo de 60 viaxes ao mes, polo que se lle garante unha viaxe de ida e volta gratis todos os días do mes, incluídas as fins de semana, facilitándolle así o acceso a servizos básicos como a educación ou a sanidade, pero tamén favorecendo as súas posibilidades de ocio.

‘App’

Esta nova aplicación presentada hoxe reporta novas vantaxes aos usuarios do Plan de transporte metropolitano de Galicia, favorecendo, ante todo, a aqueles usuarios que teñen dereito a bonificacións, xa sexan bonificacións sociais, como as establecidas para os estudantes da Universidade da Coruña ou como as que teñen activado certos concellos para os colectivos que máis o precisan; para as familias numerosas, que van do 20 ao 50%; para os usuarios habituais, do 15%; ou da tarxeta Xente Nova.

Trátase dunha aplicación que tamén abre unha nova canle de comunicación directa entre a Administración autonómica e os usuarios. Neste sentido, Vázquez precisou que se irán incorporando novos servizos que serán de utilidade para todos os cidadáns das áreas que forman parte do plan.

A directora da Amtega sinalou que a aplicación está xa dispoñible para os sistemas operativos Android e IOS. O seu uso é sinxelo e, unha vez instalada no dispositivo móbil, só hai que rexistrase e xa se poden incorporar á aplicación as diferentes tarxetas das que sexa usuario. A app mostra en orde cronolóxica os reembolsos pendentes de cobro por tarxeta e a data límite para cóbralos. Ademais, o usuario recibirá notificacións das novas recargas e da súa caducidade. A aplicación tamén permite facer suxestións a través dun formulario no que trasladar calquera proposta, recomendación ou mellora por parte dos usuarios.

Mar Pereira avanzou que se está a traballar nunha seguinte versión desta aplicación, que permitirá pagar desde o dispositivo móbil ou coñecer a situación do autobús en tempo real. A previsión e iniciar as probas destas novas funcionalidades a finais deste ano.

Estas iniciativas enmárcanse no Plan tecnolóxico do Transporte da Xunta de Galicia que, entre outros obxectivos, busca potenciar o uso do transporte con novos servizos de información para os cidadáns con sistemas que permitan tanto novos modelos de pago, como de transporte como o transporte a demanda.

Aposta polo transporte

A titular de Infraestruturas indicou que se está a celebrar a Semana Europea da Mobilidade, este ano baixo o lema Compartir lévate máis lonxe, unha iniciativa que busca sensibilizar dos beneficios que ten o uso de modos de transporte máis sostibles como son a bicicleta ou os desprazamentos a pé.

A conselleira destacou a forte aposta da Xunta polo transporte público, a través do Plan de transporte público de Galicia, que vén de poñerse en marcha, nunha primeira fase, o pasado 8 de agosto, e que ten por obxectivo facilitar os desprazamentos dos galegos, fundamentalmente no rural.

O Plan de transporte metropolitano de Galicia, en funcionamento en cinco áreas da Comunidade (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo) e en 65 concellos, tamén está a beneficiar ao 60% dos galegos. Trátase dun plan social que lle supón aos usuarios frecuentes que dispoñen da tarxeta aforros medios de 600 euros ao ano. Neste ano, ata agosto, téñense bonificado 9,3 millóns de billetes en Galicia, un 4% máis con respecto ao mesmo período de 2016.