Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta renova o seu apoio a Asociación puntoGal na recta final do proceso para conseguir o dominio galego na rede

A Administración autonómica achegou 490.000 euros nos últimos seis anos para o desenvolvemento das actividades necesarias para a presentación da candidatura

A previsión é que o ICANN dea a coñecer no verán a súa avaliación inicial sobre o “.gal”

O obxectivo é que Galicia teña proxección no mundo dixital cun dominio propio baixo o que poderán rexistrarse aquelas entidades, empresas ou persoas que se expresen en lingua galega e que contribúan ao fomento da nosa cultura

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o presidente da Asociación puntoGal, Manuel González, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para promover a candidatura do dominio .gal. A Amtega achega este ano 9.000 euros á Asociación para financiar trámites e xestións relativos á candidatura.

A Administración autonómica vén apoiando institucional e financeiramente esta iniciativa e desde 2007 achegou 490.000 euros á Asociación para o desenvolvemento das actividades necesarias para a presentación da candidatura. Deste importe, máis de 200.000 euros corresponden ao convenio asinado en 2012 entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Asociación puntoGal para financiar os custos de matrícula (150.000 euros), o aval esixido pola ICANN (40.000 euros), así como as accións de difusión e participación nas actividades co organismo internacional e outras entidades vinculadas ao regulamento da rede celebrarán nos vindeiros meses.

A Asociación puntoGal leva sete anos traballando para conseguir que a cultura e a lingua galegas teñan un espazo propio na rede e presentou formalmente a candidatura do dominio .gal hai un ano ante o organismo competente, o Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN).

O ICANN prevé dar o resultado das primeiras avaliacións antes de que remate o verán. Polo que, de superar este exame, PuntoGal podería estar na rede a finais deste ano ou principios de 2014. Este feito sería un logro de toda a sociedade galega, que apoiou a iniciativa dende os seus comezos.

Os beneficios dun dominio propio
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia recordou que o obxectivo deste proxecto é que Galicia teña proxección no mundo dixital cun dominio propio, que permita localizar os contidos e a información cultural sobre a Comunidade dun xeito máis fácil e promover a publicación de novos contidos dixitais no noso idioma

Mar Pereira destacou a repercusión económica e cultural que reportará ás empresas e á Comunidade contar cun dominio propio en Internet. Neste sentido, indicou que para que as empresas que comercialicen na Rede produtos en galego (como tradutores automáticos, medios de comunicación etc) ou relacionados con Galicia (servizos turísticos, produtos culturais, gastronomía, enoloxía etc.) ao facelo a través de .gal poderán destacarlle dende o primeiro momento a proximidade física ao cliente, ou a súa especialización no mercado ou nos produtos galegos. Isto axudará a aumentar os ingresos das empresas que aposten polos produtos en galego ou relacionados coa cultura galega.

Pola súa banda, o presidente da Asociación puntoGAL, Manuel González, explicou que a ICANN publicará a avaliación do .gal este verán. puntoGAL conta con, superado ese exame, ter o .gal na Rede antes de final de ano. González destacou que "a probable próxima consecución do .gal é un logro da sociedade galega no seu conxunto". González explica que foi o apoio de máis de 110 institucións de todos o espectros sociais e máis de 13.700 cidadáns o que permitiu que puntoGAL estea en condicións de superar o exame da ICANN.

Manuel González agradeceu o apoio económico da Amtega e destacou que o obxectivo do .gal é ser plenamente autosuficiente unha vez que funcione o rexistro. A Asociación puntoGAL é unha organización sen ánimo de lucro e reinvestirá todos os beneficios do .gal en fomentar o galego nas novas tecnoloxías.

O .gal servirá tamén -apuntou o presidente da Asociación puntoGAL- para que parte do diñeiro que hoxe invisten os galegos en rexistrar dominios non marche fóra do país. Ademais, o galego aumentará o seu prestixio na Rede ao dispor dun identificador de máximo nivel, favorecendo a divulgación da cultura galega e a comercialización dos produtos culturais elaborados en Galicia.

Autofinanciamento
PuntoGal será unha iniciativa que se autofinanciará. A Asociación comprometeuse diante da ICANN a que, unha vez consolidado o proxecto, se reinvistan todos os beneficios en programas que fomenten o galego nas novas tecnoloxías. Así o fai xa a Fundació puntCat coa súa Obra Social dende hai tres anos.

O .cat, para a lingua e cultura catalás, logrou rexistrar máis de 65.000 identificadores dende a súa aprobación hai cinco anos, o que pon de manifesto a viabilidade dos dominios lingüísiticos.

Os dominios, un mercado en crecemento
O mercado de dominios mantense en forte crecemento malia a crise económica. A nivel mundial a taxa de crecemento varía entre o 12 e o 20% nos últimos exercicios. O pasado mes de abril o número de dominios .es rexistrados en Galicia foi de 74.900, 15.000 máis que en 2012. A taxa de novas altas que oscila en torno a 10.000 novos dominios .es anuais, nun contexto de estancamento ou recesión económica.

Apoios á Asociación PuntoGal
A Asociación PuntoGal é unha iniciativa sen ánimo de lucro que, constituída co obxectivo de conseguir a creación do dominio .gal en internet, vén realizando nos últimos anos todos os trámites precisos para acadar este obxectivo ante o organismo competente, o ICANN.

En total son máis de 110 as entidades adheridas a PuntoGal, incluídas as principais institucións culturais (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega etc.) e educativas (Universidade de Santiago, Universidade de Vigo, Universidade da Coruña etc) e os principais centros de investigación tecnolóxicas até ducias de pequenas asociacións cuturais e profesionais, xunto con máis de 20 centros de emigrantes noutras comunidades autónomas e noutros países como Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, A Arxentina, Os Estados Unidos, O Uruguai e O Brasil.