A Xunta reducirá en 1,7 millóns de euros o custo das liñas telefónicas que non están integradas na rede corporativa da administración

Domingo 30 de Xaneiro de 2011

A Xunta reducirá en 1,7 millóns de euros o custo das liñas telefónicas que non están integradas na rede corporativa da administración

A Administración autonómica acadou un desconto medio de máis do 60% no gasto destas liñas telefónicas e dentro deste prezo unha tarifa plana cun número ilimitado de chamadas metropolitanas, nacionais e provinciais

As novas condicións estanse a aplicar desde primeiros de mes en todos os centros dependentes da Administración con liñas que non están integradas na súa Rede Corporativa

Esta medida permite que as consellerías poidan controlar mellor os gastos dos centros que dependen delas e que están a empregar algunhas destas liñas de telefonía

O Goberno galego aforrará este ano 1,7 millóns de euros no custo de máis de 3.100 liñas de teléfono que non están integradas na Rede Corporativa da Xunta e que dan servizo a 1.500 centros dependentes de consellerías e organismos autonómicos. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica renegociou as condicións contractuais destas liñas para acadar un control adecuado do gasto e unha mellor optimización dos recursos, obtendo mellores condicións nos centros nos que prestan servizo. 

Rede Corporativa

Actualmente, a Xunta de Galicia ten unha Rede Corporativa de voz que dá servizo a máis de 150 edificios e dispón de 14.000 extensións espalladas por toda Galicia. Tras un proceso de auditoría detectáronse máis de 3.100 liñas telefónicas fixas que non se atopan integradas nesta Rede Corporativa e que, polo tanto, non tiñan as mellores condicións económicas para os servizos que reciben. Para acadar un mellor control do gasto a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Modernización, renegociou con Telefónica a situación contractual destas liñas.

Mellores condicións

O gasto destas liñas non integradas na Rede Corporativa foi en 2009 foi de 2,7 millóns de euros e tras renegociar as melloras nas condicións con Telefónica a Xunta abonará 1 millón de euros en 2011. O operador Telefónica  ofreceu á Administración autonómica un desconto medio de máis do 60% no gasto destas liñas telefónicas e dentro deste prezo unha tarifa plana cun número ilimitado de chamadas metropolitanas, nacionais e provinciais. Para o resto de chamadas (de fixo a móbil, internacionais fixas e móbiles, números especiais e de valor engadido) inclúe un número máximo de minutos que corresponde ao consumido no ano 2009 cun incremento do 16%.

Esta medida permite que as consellerías poidan controlar mellor os gastos dos centros que dependen delas e que contan con algunha destas liñas que non están integrados na Rede Corporativa. Estas condicións aplicaranse a todos os centros dependentes da Xunta de Galicia que están nesta situación e que a data de 1 de xaneiro de 2011 teñan algún contrato de telefonía fixa con Telefónica de España, sen alteración algunha dos seus contratos vixentes, e sen ningún compromiso adicional de manter os contratos á finalización dos mesmos.