Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta preséntalles o Arquivo Dixital de Galicia aos profesionais do Sistema de Arquivos da Comunidade

É a estrutura tecnolóxica e organizativa que lle dará soporte ao modelo de xestión de documentos electrónicos.

Incluirá dúas áreas diferenciadas: o Arquivo Electrónico Administrativo e o Arquivo Electrónico do Patrimonio Documental.

Permitirá eliminar progresivamente o papel na Administración, xestionar con todas as garantías de seguridade e dispoñibilidade a documentación dixital e albergar os fondos dixitalizados do patrimonio documental.

É unha das iniciativas do Proxecto ARPAD de cooperación transfronteiriza, liderado pola Amtega, en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación, Vicepresidencia, Facenda, a Comunidade Intermunicipal do Minho-Lima, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Tui.

 A directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo inauguraron esta mañá a xornada técnica de presentación do Arquivo Dixital de Galicia aos profesionais do Sistema de Arquivos de Galicia. No acto, que tivo lugar no auditorio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, participou tamén a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño.


Preto de 50 profesionais do Sistema de Arquivos de Galicia –integrado polos arquivos da Xunta de Galicia, dos concellos e das deputacións provincias, das universidades galegas e de institucións como o Parlamento de Galicia, o Consello de Contas, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, entre outros– participan na xornada, centrada no Arquivo Dixital de Galicia.

Arquivo Dixital Integrado
Durante a inauguración, a directora da Amtega explicou que o futuro Arquivo Dixital é unha estrutura tecnolóxica e organizativa que dará soporte ao modelo de xestión de documentos electrónicos e que incluirá dúas áreas diferenciadas: o Arquivo Electrónico Administrativo e o Arquivo Electrónico do Patrimonio Documental.

Pola súa banda, Anxo Lorenzo recordou que a Consellería de Cultura e Educación, como órgano de dirección do Sistema de Arquivos de Galicia, “procura a creación de canles de comunicación, colaboración e impulso entre os arquivos que conforman o sistema e os seus profesionais”. Nese sentido, explicou que o obxectivo da xornada é darlles a coñecer aos arquiveiros e arquiveiras “os avances levados a cabo nun proxecto de tanto alcance como é o Arquivo Dixital de Galicia”.

Regulación dos arquivos no ámbito electrónico
O secretario xeral tamén recordou que desde este ano Galicia conta coa primeira lei específica de arquivos e documentos para desenvolver as súas competencias nesta materia, “unha norma que ten como obxectivo impulsar o sistema arquivístico galego e que regula por vez primeira o papel dos arquivos no ámbito electrónico”.

En referencia ás áreas do Arquivo Dixital, Pereira sinalou que o Arquivo Electrónico Administrativo é a pedra angular da Administración electrónica, xa que permitirá eliminar progresivamente o papel na Administración e xestionar e conservar con todas as garantías de seguridade e dispoñibilidade a documentación dixital durante todo o ciclo de vida administrativa.

É chave para garantir a interconexión dos servizos coas entidades locais e reforzará os servizos do Centro de Proceso de Datos do Gaiás como nodo central de custodia de toda a información do Arquivo Dixital, desde onde se facilitarán procedementos administrativos e se lles prestará servizos de aloxamento documental ás entidades locais galegas.

O Arquivo Electrónico do Patrimonio Documental albergará os fondos dixitalizados do patrimonio documental. Este Arquivo Electrónico do Patrimonio Documental arrancará coa dixitalización de 50.000 documentos dos Arquivos do Reino de Galicia, do Histórico Provincial de Ourense, e Municipal do Concello de Tui.

Novo modelo de xestión documental
O Arquivo Dixital de Galicia é o eixo central da xornada, na que se abordarán ao longo da mañá os avances na implantación do novo modelo de xestión de documentos electrónicos e de difusión do patrimonio documental, do modelo funcional e tecnolóxico que adopta, así como do marco normativo que ofrece a nova Lei de arquivos e documentos de Galicia en relación ao papel dos arquivos no medio electrónico e, en concreto, en relación ao Arquivo Dixital de Galicia.

Para abordar estes contidos intervirán nas xornadas a subdirectora xeral de Arquivos, Marina García Pita; o técnico da Amtega Jorge Chacón Souto e os integrantes do grupo de traballo ARPAD Mar García Miraz, Gabriel Quiroga Barro e Carlota Bustelo.

Proxecto ARPAD
A creación do Arquivo Dixital de Galicia é unha das liñas de traballo do Proxecto de cooperación transfronteiriza ARPAD, liderado pola Amtega, xunto co outros sete socios: a Secretaría Xeral de Cultura, a Dirección Xeral de Administración Local; o Centro Informático para a Xestión Tributaria a Xestión Tributaria Económico-Financiera e Contable (CIXTEC); a Comunidade Intermunicipal do Minho-Lima, que integra dez concellos do norte de Portugal; o Concello de Tui e a Deputación de Pontevedra.

O Proxecto ARPAD enmárcase no Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España – Portugal (POCTEP) e está dotado con 4,7 millóns de euros, cofinanciados nun 75% por fondos FEDER. Os obxectivos desta iniciativa son, xunto coa creación do Arquivo Dixital de Galicia, a conservación e difusión do patrimonio documental conxunto, a habilitación de servizos dixitais e a eliminación do papel nas relaciones administrativas na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

As actuacións previstas, que se desenvolverán ao longo do ano 2015, complementan as medidas que está a desenvolver a Xunta de Galicia no Plan de Modernización da Administración autonómica para ofrecer uns servizos públicos dixitais de calidade desde o sector público galego.