A Xunta presenta o plan de despregamento da TDT e acendidos dixitais na área técnica de Domaio

Mércores 24 de Febreiro de 2010

A Xunta presenta o plan de despregamento da TDT e acendidos dixitais na área técnica de Domaio

A Xunta de Galicia presentou hoxe en Vigo o Plan de Despregamento da TDT e Acencidos Dixitais na Área Técnica de Domaio (Pontevedra), que xunto coa de Páramo (Lugo) abrangue as zonas afectadas pola Fase III do Plan Nacional para o apagamento analóxico.

O secretario xeral de Medios do Goberno galego, Alfonso Cabaleiro Durán, explicou hoxe os detalles do plan de transición da televisión analóxica á dixital nesta área nunha rolda de prensa na que compareceu xunto co coordinador da Oficina Técnica da TDT Galicia, Miguel Pérez, co subdirector xeral de Enxeñería e Planificación da Xunta, Ignacio Otero, e coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares.

A Área Técnica de Domaio está composta por 61 concellos, dos cales 56 pertencen á provincia de Pontevedra e 5 á da Coruña, e que dependen directa ou indirectamente do emisor principal de Domaio. En total suman 980.000 cidadáns que a partir do vindeiro mes de abril pasarán a recibir o sinal de televisión unicamente mediante tecnoloxía dixital.

O proxecto de transición da televisión analóxica á dixital na Área Técnica de Domaio ten como obxectivo igualar a cobertura dixital da TDT á da cobertura analóxica para todas as canles, públicas e privadas, naciais e autonómica, mediante a posta en marcha de 47 novos centros emisores de extensión da TDT no rural. Estes novos equipamentos están valorados en máis de 2 millóns de euros e o seu financiamento corre a cargo da Xunta de Galicia e do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, correspondéndolle ademais ao Goberno autonómico a execución do plano de extensión.

A transición á televisión dixital da Área Técnica de Domaio é un proceso que se desenvolve en tres niveis. O primeiro deles ten que ver coa rede principal cuberta polo operador Abertis Telecom, que afecta ás canles nacionais e que xa está acendida en toda a provincia. Igualmente ocorre co operador público Retegal, que tamén ten acendida toda a rede de cobertura do múltiplex autonómico, agás os centros de Xesteiras e Tomiño, que se activarán proximamente.

No segundo nivel do proceso de acendido da TDT trabállase pola homoxeneización de coberturas, de tal xeito que naquelas zonas nas que non se están a difundir as canles nacionais mediante TDT, Retegal está a asumir o seu acendido dixital.

O terceiro nivel refírese á extensión da cobertura no medio rural, que se conseguirá mediante os 47 centros emisores de TDT, chamados gap-fillers ou encheocos, e que van reemprazar os equipos microemisores que existían ata o de agora. Ademais do cofinanciamento Xunta-Ministerio destes equipamentos, este plano de actuación require da colaboración dos concellos, que deben asumir as infraestruturas de soporte, postes, casetas, subministración de enerxía eléctrica, etc. Está previsto que con estes 47 novos emisores aumente nun 2% a poboación con acceso á TDT.

Na provincia de Pontevedra unha ducia de concellos se beneficiaron do apagón das fases I e II con resultados moi positivos. Na actualidade, antes de proceder ao acendido destes novos 47 centros emisores de TDT, a cobertura do sinal de televisión dixital na provincia é do 97% da poboación, e se agarda que unha vez rematado todo o despregamento a cobertura chegue ao contorno do 99%.

Estreita colaboración cos concellos

No marco dos traballos do Plan de Despregamento da TDT e Acendidos Dixitais na Área Técnica de Domaio, a Xunta púxose en contacto con todos os concellos afectados e coas deputacións provinciais, informándolles da situación e solicitándolles a súa colaboración para a coordinación das actuacións necesarias. Así mesmo, os técnicos do Goberno autonómico e as empresas instaladoras están a rematar un percorrido por todos os concellos destinado a informarlles das necesidades en cada caso.

A Xunta propuxo solucións técnica alternativas para aqueles concellos da Área Técnica de Domaio afectados polo apagón da Área Técnica de Meda, concluído a comezos de febreiro, para a instalación de transmodulares que permitan que os repetidores analóxicos dos concellos sigan funcionando nesta tecnoloxía.

O Goberno galego remarca que ningún fogar quedará sen servizo da TDT, que chegará mesmo aos que non vían a televisión analóxica, xa que se ofertará unha solución de sinal dixital por satélite. Con este obxectivo, a Xunta acordou co Ministerio de Industria e co operador Abertis Telecom ser validador dos receptores da TDT por satélite, unha tecnoloxía que xa está a funcionar en 300 fogares galegos. Ademais, desde a Secretaría Xeral de Medios organizáronse cursos de formación para preto de 200 empresas instaladoras de telecomunicacións, que pasarán a ser validadoras de equipos de recepción de TDT por satélite.

Paralelamente, o Executivo autonómico está a colaborar co Ministerio de Industria no despregamento dun Plan de Comunicación de Proximidade, que inclúe puntos fixos de información e varios furgóns que se desprazan polos distintos concellos para solucionar as dúbidas dos cidadáns. Ademais, desde o 9 de febreiro estase a emitir, en todas as canles en emisión analóxica, cada hora, un rótulo informativo sobre a proximidade do apagón analóxico.

Un plan de apagados progresivos a partir do 10 de marzo

Na actualidade, a Xunta de Galicia está a negociar co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo o plan de ceses de emisión de televisión analóxia nos concellos das áreas técnicas de Domaio e Páramo. A proposta ministerial consiste en comezar os apagóns de xeito progresivo o vindeiro 10 de marzo para rematar antes do 3 de abril, manexando como data probable do apagamento final o 30 de marzo. O calendario definitivo que se estableza será presentado aos medios na primeira semana de marzo.

A Xunta de Galicia lémbralles aos cidadáns que aínda seguen a ver a televisión mediante tecnoloxía analóxica que non deben agardar ata o último día e lles recomenda que se vaian adaptando á TDT con anticipación para evitar quedar sen servizo co apagamento analóxico. O Goberno galego resolve as dúbidas dos cidadáns en relación con este asunto a través do teléfono 012.