A Xunta presenta as novas ferramentas tecnolóxicas dispoñibles para vivir en galego

Domingo 20 de Febreiro de 2011

A Xunta presenta as novas ferramentas tecnolóxicas dispoñibles para vivir en galego

Trátase de Windows7, Office 2010, Dynamics CRM e Sharepoint

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presentará o 24 de febreiro estes novos recursos de Microsoft no marco da campaña Vive en galego

A lingua galega amplía a súa presenza no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación. Faino a través das versións dos últimos produtos tecnolóxicos para traballar e vivir en galego:Windows7Office 2010, Dynamics CRM e Sharepoint.

O vindeiro 24 de febreiro, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a empresa Microsoft presentarán estes novos produtos en galego no marco da campaña Vive en galego, un proxecto que busca difundir na sociedade as últimas ferramentas tecnolóxicas dispoñibles na lingua propia de Galicia.

No acto, que terá lugar ás 19:00 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, participarán o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; e a xerente de Relacións Institucionais de Microsoft Ibérica, Montserrat Pardo. O actor Rubén Riós será o encargado de conducir o acto, que contará coa actuación musical da gaiteira Susana Seivane.

O sector tecnolóxico, clave para garantir o futuro da lingua

incorporación da lingua galega ás novas tecnoloxías é un obxectivo prioritario para a difusión do galego na sociedade. Ademais diso, nos contextos laborais en Galicia, nos que a lingua ten unha importante presenza, a aparición de novas aplicacións ofimáticas en galego aseguran un desenvolvemento máis eficiente das tarefas.

En consecuencia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística mantén unha colaboración permanente coas empresas tecnolóxicas para promover e facilitar o desenvolvemento profesional e as relacións sociais en galego. Con este fin, o departamento facilítalles asesoramento e revisión na localización en galego dos seus produtos. Estas iniciativas para favorecer a incorporación do galego ao ámbito tecnolóxico enmárcanse nos obxectivos recollidos no Plan xeral de normalización da lingua galega de “fomentar a presenza do galego nas novas tecnoloxías”, “lograr unha oferta ampla e competitiva de produtos e recursos informáticos en galego” e “potenciar a presenza do idioma en internet”.

As tecnoloxías xogan cada día un papel máis importante nas tarefas cotiás, profesionais e de relación social, por iso conectar o galego aos avances que se producen neste sector constitúe unha estratexia clave para garantir o futuro do idioma. Ao mesmo tempo, o ámbito tecnolóxico é de crucial importancia para proxectar o idioma e vinculalo con valores de contemporaneidade, evolución e prestixio.