A Xunta presenta a Memoria Dixital de Galicia no foro estatal sobre cultura intelixente de Red.es

Xoves 16 de Marzo de 2017

A Xunta presenta a Memoria Dixital de Galicia no foro estatal sobre cultura intelixente de Red.es

A directora da Amtega e o secretario xeral de Cultura participaron no encontro, no que entidades de ámbito estatal expuxeron proxectos de transformación dixital no eido cultural
A Administración autonómica puxo en marcha o pasado mes de xullo este proxecto para dixitalizar o patrimonio material e inmaterial galego
Xa están accesibles máis de 47.000 documentos en formato dixital do Arquivo Dixital Patrimonial a través do portal Galiciana

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaron esta mañá en Madrid a iniciativa Memoria Dixital de Galicia no Foro “Cultura Intelixente”, organizado pola entidade estatal Red.es.

No encontro, no que participaron preto de 30 representantes de entidades estatais para debater e intercambiar experiencias sobre transformación dixital no eido cultural, o Goberno galego deu a coñecer esta iniciativa posta en marcha en 2016 para crear un novo modelo de xestión e conservación do patrimonio cultural galego baseado nas TIC, que garanta a súa preservación, difusión e a accesibilidade desde calquera lugar do mundo. O obxectivo é consolidar un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia.

Iniciativas en marcha

A Memoria Dixital de Galicia é un proxecto complexo que se desenvolverá a medio e longo prazo, pero que na actualidade xa ten en marcha unha plataforma fundamental, Galiciana. Esta iniciativa, que naceu como a biblioteca dixital de Galicia, incorporou o pasado mes de outubro o Arquivo Dixital Patrimonial, que conta actualmente con 904.175 rexistros e con 47.130 documentos dixitalizados.

Xunto co proxecto da Memoria Dixital de Galicia, no ámbito dos servizos bibliotecarios Mar Pereira e Anxo Lorenzo tamén abordaron a plataforma para o préstamo de libro electrónico GaliciaLe –que en 2016 ampliou os seus fondos a 2.154 títulos– e mais o novo sistema integrado de xestión bibliotecaria para a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, para a creación dun catálogo colectivo de todas as bibliotecas e a xestión integrada dos seus recursos. Segundo anunciaron, este ano púxose en marcha a segunda fase deste proxecto, coa incorporación daquelas bibliotecas públicas municipais que contan co sistema bibliotecario de xestión Meiga.

Pola súa banda, Red.es presentou durante a xornada os dous proxectos nos que estivo traballando co Ministerio de Defensa e coa Biblioteca Nacional de España (BNE). Ademais, o resto de participantes do Foro, entre os se atopaban representantes do Instituto Cervantes, do Museo do Prado ou do Museo Reina Sofía, entre outros, compartiron as súas iniciativas a este respecto.

Memoria Dixital de Galicia 

A Memoria Dixital de Galicia é unha estratexia impulsada desde o ámbito público, a través da Consellería de Cultura, Educación Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa sociedade galega e con todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego, baixo a denominación das institucións da memoria, entre os que están o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ou as Universidades públicas galegas.