Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta premia a colaboración do profesorado na creación de novos contidos dixitais dentro do Proxecto Abalar

O conselleiro de Educación e a secretaria xeral de Modernización entregaron os premios aos gañadores da primeira convocatoria para crear novos materiais docentes dixitais

Os galardóns forman parte da liña de axudas para o desenvolvemento da sociedade da información da Secretaría Xeral de Modernización

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira; fixeron hoxe entrega dos Premios ao Desenvolvemento de Contidos Educativos Dixitais, un acto celebrado no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) e ao que tamén asistiron a delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo; o delgado da Xunta na provincia de Ourense, Rogelio Martínez; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira; e o xefe territorial de Educación en Lugo, José Jesús Ramos Ledo.

Un total de 9 proxectos recibiron hoxe o seu galardón en recoñecemento ao traballo desenvolvido na elaboración de novos materiais didácticos. Tal e como explicou o conselleiro, é a primeira vez que se conceden uns premios destas características, que teñen como obxectivo o desenvolvemento curricular a través da produción e publicación de obxectos de aprendizaxe dixitais a través de soportes tecnolóxicos en diferentes materias e niveis educativos. A convocatoria vai integrada no Proxecto abalar, e persigue o seu mesmo fin de integrar as novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no sistema de ensino.

Premiados
Na categoría de terceiro ciclo de educación primaria otorgouse un 3º premio ao proxecto ‘Mates con Martín e Martina. El tesoro de la gruta. Operaciones con decimales’, elaborado po Carmen López, do IES A Sangriña (A Guarda).

No que toca á categoría de primeiro ciclo de educación secundaria., entregáronse 5 cuartos premios, 2 terceiros premios e 1 primeiro premio. Desta forma na modalidade de Xeografía e Historia resultaron galardoados con cuartos premios os proxectos ‘Climas do mundo’, de Alberte Xosé Méndez (CPI de Atios, Valdoviño); e ‘Forum Gigurrorum’, de José Luis Rodríguez (IES Cosme López Rodríguez, A Rúa).

Os restantes cuartos premios foron recaer á modalidade de Lingua castelá e Literatura, na que foron recoñecidos os traballos ‘El juego de la lengua’, de Jorge Pedrosa e Isabel Vázquez (IES de Teis e CEIP Eduardo Pondal, de Vigo); ‘La narración’, de Mª Isabel Blanco e Mª Consuelo Vázquez (IES nº1 e IES Manuel García Barros, A Estrada); e ‘Camino de leyendas’, de Antonio Frade (IES Poeta Díaz, Guitiriz).

Os terceiros premios foron para o proxecto de Lingua galega e literatura ‘Ortografía’, de Beatriz Real (IES de Sabón, Arteixo); e para o de Ciencias da Natureza ‘A atmosfera terrestre’, de Juan Vicente Poza e Mª José Mariño (IES A Basella, de Vilanova de Arousa e IES da Illa de Arousa).

O único proxecto que acadou o primeiro posto foi ‘Os peixes’, na modalidade tamén de Ciencias da Natureza, elaborado por José Carlos Vázquez, do IES Monte da Vila (O Grove).

Unha vez entregados os premios Xesús Vázquez Abad destacou que “as profesoras e profesores que están aquí hoxe recollen o merecido recoñecemento ao seu esforzo no desenvolvemento de novos materiais docentes e novos contidos educativos dixitais, para facelos accesibles a través de medios electrónicos e interactivos. Como saben, o proxecto Abalar, que chega este curso a trinta e tres mil alumnas e alumnos de máis de trescentos setenta centros de toda Galicia ten como obxectivo a integración das TIC na práctica educativa, transformando deste xeito os centros de ensino tradicionais en centros dixitais”.

Estratexia educativa
O conselleiro engadiu que “Abalar é, polo tanto, unha estratexia educativa global e integradora, definida para maximizar o aproveitamento dos recursos na mellora das competencias do noso alumnado, en resposta aos retos que impón a educación do século XXI. Da súa man está a chegar o cambio de modelo educativo a Galicia, apoiado na formación do profesorado e na modernización do ensino. Non se trata unicamente de dotar ao ensino galego de infraestruturas e servizos axeitados para o uso cotián da tecnoloxía por parte da comunidade educativa. Imos máis aló e no proxecto Abalar, na súa universalización nas escolas e institutos, vai implícito un ambicioso reto: conseguir unha auténtica cohesión social, acadando que os nosos escolares non vexan condicionado o seu futuro educativo por mor da súa situación xeográfica ou da súa orixe familiar”.

Fomentar a colaboración 
Mar Pereira recalcou que o obxectivo da convocatoria é fomentar a colaboración do profesorado na creación de novos contidos educativos dixitais no contexto do Proxecto Abalar. Unha iniciativa moi complexa feita realidade “grazas ao alto grao de implicación e interese amosado polo profesorado e a participación no desenvolvemento tecnolóxico dun conxunto de empresas, maioritariamente galegas, pero tamén de ámbito nacional con presenza en Galicia”.

A responsable de Modernización destacou que unha das liñas de actuación nas que se están facendo grandes esforzos é no impulso da formación aos profesores e profesoras dos centros Abalar para poidan aproveitar ao máximo o equipamento e os recursos das aulas dixitais. Durante o curso pasado formáronse nas TIC preto de 300 coordinadores Abalar e máis de 4.000 docentes.

Tamén destacou a consolidación do espazoAbalar como punto de encontro na Rede de toda a Comunidade educativa que, un ano despois do seu lanzamento deste espazo, conta xa con máis de 790 recursos educativos, máis de 290.000 visitas, e máis de 225.000 contidos descargados polos usuarios. Unha mostra máis da implicación e do interese que ten toda a comunidade educativa galega (pais, nais, docentes, alumnado, etc) no emprego das novas tecnoloxías na educación dos rapaces e rapazas galegos.

Finalmente, Mar Pereira destacou a extensión de infraestruturas de telecomunicacións en toda a Comunidade como o elemento chave para integrar as TIC en todos os ámbitos da sociedade. Neste sentido lembrou que, a día de hoxe, son xa 160 os centros educativos das catro provincias galegas que se poden conectar á rede con velocidades de 100Mpbs grazas as actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta.