A Xunta porá en marcha un servizo de videointerpretación para persoas xordas do que se poderán beneficiar máis de 84.000 galegos

Venres 04 de Febreiro de 2011

A Xunta porá en marcha un servizo de videointerpretación para persoas xordas do que se poderán beneficiar máis de 84.000 galegos

A Secretaría Xeral de Modernización asinou esta maña un convenio coa Federación de Persoas Xordas de Galicia para implantar estes dispositivos

O acceso á videointerpretación estará dispoñible no Rexistro Xeral da Xunta e nos rexistros das delegacións da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo así como a través de Internet

É unha iniciativa pioneira en España que está a impulsar a Confederación Estatal de Personas Sordas para eliminar as barreiras de comunicación entre persoas xordas e persoas oíntes

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica implantará un sistema de videointerpretación en lingua de signos para persoas xordas en cinco puntos presenciais da Administración autonómica e a través de Internet. O departamento autonómico achegará 61.400 euros á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para instalar este servizo co que se contribúe á accesibilidade deste colectivo á información e á comunicación coa Administración en igualdade de condicións.

Así se recolle no convenio de colaboración asinado esta mañá entre a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, e o presidente da FAXPG, Feliciano Sola. Coa formalización deste acordo, Galicia convértese na asegunda Comunidade Autónoma que ofrece o servizo de videointerpretación en lingua de signos para persoas con algunha discapacidade auditiva. Esta é unha iniciativa que está a desenvolver a Confederación Estatal de Personas Sordas (á que está asociada a FAXPG) a través da plataforma SVisual.

Acceso presencial e vía web
A videointerpretación, que estará dispoñible nun prazo aproximado de tres meses, terá 7 puntos de acceso, seis deles presenciais -no Rexistro Xeral da Xunta e nos rexistros das delegacións da Xunta en A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo-, e un a través de Internet. Esta prestación permite ás persoas xordas interactuar coa Administración a través do teléfono.

Nos puntos de acceso presenciais a persoa xorda terá a súa disposición un videoteléfono instalado no propio rexistro para poñerse en contacto co servizo de videointerpretación da FPXG. Desde este servizo facilitarase a interpretación da lingua oral á lingua de signos entre o empregado do rexistro e a persoa xorda.

O acordo asinado hoxe permitirá tamén que as persoas xordas poidan empregar a videointerpretación través de Internet. Neste caso o usuario precisa dun ordenador con webcam e un teléfono co que contactará co servizo de videointerpretación indicando a persoa, entidade ou servizo co que desexa facer a súa consulta. Utilizando unha liña paralela, o videointérprete contactará co destinatario e lle indicará que se vai a establecer a comunicación. A partir dese momento o videointérprete actuará de ponte entre a lingua de signos e a lingua oral, permitindo así a comunicación entre a persoa xorda e a persoa oínte.

Beneficiarios
A secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira indicou que máis de 84.000 galegos con algunha discapacidade auditiva poderán beneficiarse desta iniciativa que se poderá estender a outros servizos da Xunta unha vez que se comprobe o seu óptimo funcionamento.

A responsable do departamento autonómico recordou que, segundo datos facilitados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), o número total de persoas residentes en fogares galegos que declaran ter algunha discapacidade ascende a 292.900, o que supón un 11,3% da poboación galega.

Para Mar Pereira, estes datos confirman que o futuro da sociedade da información en Galicia ten que pasar necesariamente por asegurar a participación de toda a cidadanía en igualdade de condicións, o que implica “non só facilitar o acceso ao emprego das TIC senón desenvolver mecanismos apropiados para que aqueles colectivos con algún tipo de barreira, sexan quen de superala e incorporalas a súa vida cotiá.” Estes obxectivos están recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal que entende que a alfabetización dixital é cousa de todos e que as TIC deben actuar como factor impulsor das transformacións necesarias cara a supresión das barreiras de comunicación existentes.

Eliminar barreiras
Pola súa banda, o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Feliciano Sola, indicou que o proxecto SVIsual é unha iniciativa pioneira en España implantado na Comunidade Autónoma de Galicia grazas a colaboración coa Confederación Estatal de Personas Sordas (CNSE) e a súa Fundación “co obxectivo de eliminar as barreiras de comunicación existentes entre persoas xordas e persoas oíntes”

Sola destacou que “grazas ás novas tecnoloxías,tanto as persoas oíntes como as persoas xordas na súa diversidade poderán usar SVIsual a través da lingua de signos española ou calquera outra modalidade comunicativa que soliciten en función das súas necesidades grazas os servizos de signo e voz ou mensaxería instantánea, que contribúen a ofrecer un servizo personalizado.”

O presidente da FPXAG fixo fincapé en que con este proxecto garantiranse os dereitos das persoas xordas coma cidadáns de pleno dereito de acceso a información e a comunicación así como a lei de igualdade de oportunidades no discriminación e accesibilidade universal