Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta porá en marcha no primeiro trimestre do ano unha nova sede electrónica centrada nos servizos aos cidadáns

É un dos obxectivos do Plan de Goberno e Administración Dixital 2020 para consolidar o proceso de transformación dixital que se está a levar a cabo en Galicia
A directora da Amtega inaugurou hoxe o Seminario “Modernización Dixital das Administracións Publicas”, no que tamén participou a directora xeral de Pesca, e o xerente do Sergas
Mar Pereira adiantou outros obxectivos para 2018 como a aprobación da Lei de Administración dixital de Galicia, o inicio da reformulación das Oficinas de Rexistro ou a creación da figura do funcionario habilitado
No eido do Mar, Mercedes Rodríguez subliñou que a plataforma tecnolóxica da pesca ofrece servizos ao sector para servirlle de apoio na xestión dos recursos pesqueiros e na súa rastrexabilidade e tamén información sobre o eido marítimo-pesqueiro

A Xunta porá en marcha no primeiro trimestre deste ano unha nova sede electrónica, centrada nos servizos ao cidadán, adaptada a un mellor uso dende dispositivos móbiles e con posibilidades de personalización en función do perfil do cidadán ou empresa. Este foi un dos obxectivos que destacou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na inauguración esta mañá do Seminario “Modernización Dixital das Administracións Públicas en Galicia” no que tamén participou a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa.

Mar Pereira sinalou que Galicia vén traballando na transformación dixital da Administración desde o ano 2010 cun Plan de Modernización que permitiu á Comunidade chegar á entrada en vigor das novas leis estatais 39 e 40/2015 coas principais pezas dunha administración integramente dixital en marcha e adiantarse, incluso, a algunhas das esixencias que estaban marcadas para 2018. É o caso do Arquivo Electrónico ou da posta en marcha da dixitalización do Rexistros Xeral e das Delegacións provinciais da Xunta.

A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta lembrou hoxe que o Goberno galego iniciou o pasado a elaboración da Lei de Administración dixital de Galicia, que se prevé aprobar en 2018 e que dotará á Comunidade dun marco normativo único que eliminará a dispersión normativa existente, potenciará un novo modelo de complementariedade entre administracións e permitirá ofrecer nunha maior eficacia, eficiencia e simplificación dos procedementos.

Entre as medidas máis inmediatas do Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020, a directora da Amtega sinalou o inicio da reformulación das Oficinas de rexistro como oficinas de atención, que facilitarán a relación de cidadán e empresas coa administración a través dos medios dixitais; a posta en marcha da figura do funcionario habilitado e o rexistro de apoderamentos, que posibilitarán a autorización dunha persoa ou funcionario para realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa.

Dixitalización no eido do Mar

Ademais, a xornada contou coa participación da directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, que falou da modernización dixital no eido do mar e do traballo da plataforma tecnolóxica da pesca, un proxecto da Xunta que se materializa na web pescadegalicia.gal e que facilita ferramentas de xestión ao sector e información sobre o eido marítimo-pesqueiro.

Neste sentido, a directora xeral explicou que a plataforma ofrece unha serie de servizos aos sectores produtivos e comercializadores, para servirlles de apoio na xestión dos recursos pesqueiros e na súa rastrexabilidade, en concordancia coas esixencias legais existentes. Ademais, este espazo inclúe datos do rexistro de buques pesqueiros, estatísticas de pesca fresca en Galicia, de acuicultura e outra información de interese sobre o sector e para o sector como os tamaños mínimos autorizados para a extracción de especies ou o calendario de mareas.

Outro proxecto da Consellería do Mar que destacou a directora xeral é o dos caixeiros automáticos Ticpesc, instalados nos portos pesqueiros e que permiten ao sector realizar diversas xestións e consultas relacionadas coa súa actividade as 24 horas do día durante os 365 días do ano. A través destes caixeiros, sinalou Mercedes Rodríguez, no 2017 o sector emitiu preto de 66.800 documentos da actividade pesqueira (documentos de transporte, de orixe e de rexistro, entre outros).