A Xunta porá en marcha a plataforma de Mobilidade 4.0 para avanzar cara un modelo de transporte dixital e sostible

Xoves 04 de Agosto de 2022

A Xunta porá en marcha a plataforma de Mobilidade 4.0 para avanzar cara un modelo de transporte dixital e sostible

• Desenvolverá un planificador multimodal, que integrará toda a oferta de transporte público da comunidade autónoma
• O viaxeiro poderá acceder a esta información a través dunha nova web e app que lle permitirá planificación de viaxes, información en tempo real ou a xestión de pagos e bonificacións
• Posibilitará novos métodos de pago no transporte público como o pago con móbil, con tarxeta bancaria ou coa nova tarxeta de mobilidade de Galicia (TMG) sen contacto
• Enmárcase no Plan de Transporte Público de Galicia que, entre outros obxectivos, busca facilitar a accesibilidade ao transporte público para reforzalo como alternativa fronte ao vehículo particular


A Xunta porá en marcha a Plataforma de Mobilidade 4.0 para impulsar unha transformación dixital dende o punto de vista do usuario, que lle ofreza novos servizos, e avanzar cara un transporte público dixital e sostible. O Consello do Goberno galego aprobou hoxe o contrato que permitirá o deseño, desenvolvemento, implantación, soporte, mantemento e operación desta plataforma por un valor estimado de 9,4 millóns de euros, contemplando as posibles modificacións e prórrogas.

A nova plataforma financiase con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, concretamente no marco dos compoñentes 1 e 6. Esta iniciativa está enmarcada no Plan de Transporte Público de Galicia que, entre outros obxectivos, busca facilitar a intermodalidade e a accesibilidade ao transporte públicos para reforzalo como alternativa fronte ao vehículo particular e en liña con establecido no Plan Estratéxico de Galicia 21-30, eixe “E2. Galicia verde e sostible”, e no eixo 5 da estratexia Galicia Dixital 2030, Conectividade dixital do territorio” e o programa 14: Transporte e mobilidade Dixital e sostible.

 

Web e app como puntos de acceso e xestións das viaxes

A plataforma galega de Mobilidade 4.0 irá acompañada do desenvolvemento dun portal web e unha aplicación móbil que disporá, entre outras funcionalidades, dun planificador multimodal, que integrará nun punto único toda a oferta de transporte e mobilidade da comunidade autónoma baixo unha visión MaaS (Mobilidade como Servizo). Este novo portal irá incorporando a información de todos os modos de transporte alternativos ao vehículo privado, ofrecerá información en tempo real e permitirá empregarse como un sistema de rexistro, de pago e de reserva de servizos válido. A nova plataforma integrarase co sistema de Axuda á explotación de la mobilidade de Galicia (SAEGAL).

 

Novo paradigma de pago

Outro dos obxectivos desta iniciativa é introducir un novo paradigma de pagos denominado pago baseado en conta (Account Base Ticketing - ABT) que supón un cambio do modelo actual “pague e viaxe” a un modelo “viaxe e xa pagará”.  Deste xeito o viaxeiro poderá elixir o pago mediante móbil, tarxeta bancaria ou una nova Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) sen contactos. Para isto, os soportes físicos actuais (tarxeta TMG) converteranse en meros “tokens” de identificación do pasaxeiro no autobús, simplificando a acción que realizan as máquinas canceladoras. Estas só deberán identificar ao viaxeiro, onde se sube e onde se baixa. Cando as máquinas envíen esta información ao sistema central, será este último quen realice o cálculo do prezo da viaxe tendo en conta o perfil do usuario e os descontos aos que teña dereito e procederá ao cobro da viaxe no moedeiro virtual do usuario (modo prepago) ou no medio de pago definido por o usuario (modo postpago). O contrato contempla a expedición de 120.000 novas tarxetas.

 

Máis de 15 millóns de viaxeiros en 2022

No primeiro semestre deste ano o transporte público regular por estrada deu servizo a 15 millóns de viaxeiros. En 2021 realizáronse máis de 14,4 millóns de viaxes, a través das 127 concesións de transporte público, e superáronse os 57 millóns de quilómetros de servizo ao ano a través de 3.470 liñas, 53.000 paradas e 2,3 millóns de servizos de transporte ao ano. Estas cifras, aínda condicionadas pola emerxencia sanitaria derivada da pandemia, dan conta da importancia e demanda deste servizo que é previsible que se vexan incrementadas de xeito significativo.