A Xunta pon en marcha unha nova actuación da Memoria Dixital de Galicia cunha liña de axudas de 900.000 euros para dixitalizar fondos en papel

Venres 20 de Xullo de 2018

A Xunta pon en marcha unha nova actuación da Memoria Dixital de Galicia cunha liña de axudas de 900.000 euros para dixitalizar fondos en papel

• Entidades públicas e privadas sen fins de lucro poderán solicitar subvención dun mínimo de 10.000 euros e un máximo de 90.000
• Os recursos dixitais que se xeren nestes proxectos difundiranse a través do portal Galiciana
• É unha das medidas da Memoria Dixital de Galicia para promover a conservación do fondo patrimonial galego e o seu acceso universal

O auditorio Neira Vilas da Biblioteca da Cidade da Cultura acolleu esta mañá unha xornada informativa sobre a convocatoria de axudas para facilitar a dixitalización dos fondos patrimoniais a entidades públicas e organizacións privadas sen fins de lucro. O encontro foi inaugurado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que  lembraron que esta medida enmárcase na iniciativa da Memoria Dixital de Galicia. 

A directora da Amtega sinalou que esta iniciativa suma un paso máis no obxectivo un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e facilitar os seu acceso universal. Mar Pereira incidiu en que a iniciativa da Memoria Dixital aposta polo establecemento de sinerxías e modelos colaborativos entre as entidades públicas, privadas e calquera axente con responsabilidade no patrimonio cultural para acadar o maior nivel de catalogación, preservación e difusión, independentemente da súa ubicación ou propiedade.

Pola súa parte, o secretario xeral de Cultura incidiu en que “as axudas que hoxe presentamos contribúen á conservación e á difusión do patrimonio bibliográfico, arquivístico e museográfico galego a través da plataforma Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia”. “Así –dixo–, ao abeiro da Memoria Dixital de Galicia tratamos non só de garantir a preservación futura do noso patrimonio cultural, senón tamén de potenciar a súa divulgación e de facilitar o seu acceso á cidadanía en calquera momento e lugar”.

Liña de axudas de 800.000 euros

A liña de axudas contan cun importe total de 800.000 euros e está destinadas á dixitalización de fondos documentais en soporte papel (publicacións seriadas, manuscritos, mapas, material gráfico como fotografías, gravados, carteis, debuxos, monografías e folletos, e partituras, partituras anotadas ou manuscritos de música). Cómpre destacar que os recursos dixitais que se xeren nos proxectos subvencionados se difundirán a través do portal Galiciana

Subvencións de ata 90.000 euros

A convocatoria subvenciona proxectos cun importe mínimo de 10.000 euros e máximo de 90.000 euros. As entidades beneficiarias recibirán un anticipo do 80% da subvención concedida este ano e o 20% restante en 2019, unha vez acreditado o remate dos traballos de dixitalización. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes desde o día seguinte á súa publicación no DOG, o pasado 18 de xullo. 

As axudas están dirixidas aos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma, entidades locais, e entidades delas dependentes, universidades públicas e o Consello Galego de universidades, entidades privadas sen fins de lucro que dispoñan de activos do patrimonio cultural de Galicia, reais academias e as academias de Galicia, oficialmente establecidas e recoñecidas.

Iniciativas en marcha

Xunto con esta liña de axudas a Memoria Dixital de Galicia aséntase noutras iniciativas, xa en marcha, vinculadas a dixitalización e difusión do patrimonio cultural galego.

Unha delas é o novo portal Galiciana.gal, posto en marcha o pasado mes de decembro co obxectivo de consolidarse como a porta de acceso á todos os fondos dixitais das a bibliotecas, arquivos e museos de Galicia. Neste momento facilita a consulta de máis de 310.000 obxectos dixitalizados de 10 coleccións procedentes de fondos xestionados pola Xunta - como os da Biblioteca Dixital de Galicia e os do Arquivo Patrimonial de Galicia-  e doutras entidades como as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Padre Sarmiento.

Outra das iniciativas que se vén de completar  no marco da Memoria Dixital de Galicia é a dixitalización de preto de 370.000 imaxes e documentos procedentes do Catastro do Marqués de Ensenada, do Arquivo da Casa de Comercio e Banca Bengoechea e do xornal “El Pueblo Gallego”. Estes fondos estarán dispoñibles para a súa consulta a través do portal Galiciana

Está en marcha o proxecto transfronteirizo “Geoarpad”, liderado pola Xunta, en colaboración con outros 12 socios de ambos lados da fronteira ten como obxectivo dixitalizar e xeolocalizar o patrimonio material e inmaterial de Galicia e o norte de Portugal para contribuír á súa posta en valor e difusión así como ao seu aproveitamento en sectores como o turismo, a investigación ou a educación.

Ademais, está a traballarse na renovación do portal de toponimia de Galicia. Actualmente, o Nomenclátor de Galicia conta con 41.409 topónimos e no últimos dez anos recolléronse preto de medio millón de  microtopónimos na terceira parte do territorio galego. Prevese a creación dunha aplicación para que os cidadáns poidan colaborar na recolección destes topónimos.

Memoria Dixital de Galicia

A Memoria Dixital de Galicia é unha estratexia impulsada desde o ámbito público, a través da Consellería de Cultura, Educación Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa sociedade galega e con todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego, baixo a denominación das institucións da memoria, entre os que están o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ou as Universidades públicas galegas.