Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta pon en marcha o Plan de modernización tecnolóxica da mobilidade, que porá á disposición dos viaxeiros un transporte público máis accesible

Feijóo sinala que a iniciativa beneficiará aos 20 millóns de viaxeiros que anualmente empregan as máis de 1.300 liñas e as máis de 14.100 paradas existentes na Comunidade
Explica que, cun investimento de 6,6 millóns de euros ata 2020, permitirá consolidar o Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade, que trasladará a información en tempo real da posición dos autobuses, dos desfases das rutas ou do número de viaxeiros
Indica que a explotación desta información con técnicas de Big Data permitirá avanzar as tendencias na demanda do transporte e anticiparse ás necesidades dos viaxeiros
Destaca a posta en funcionamento do portal de transporte público de viaxeiros, que será a porta de acceso a todos os servizos dispoñibles, é dicir, un único punto no que se centralizará toda a información dos servizos de transporte regular

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a posta en marcha do Plan de modernización tecnolóxica da mobilidade, que porá á disposición dos viaxeiros un transporte público máis accesible. Unha iniciativa que beneficiará aos 20 millóns de viaxeiros que anualmente empregan as máis de 1.300 liñas e as máis de 14.100 paradas existentes na Comunidade, así como un mellor servizo tanto para os que o prestan –os operadores- como para os que o utilizan.

Cun investimento de 6,6 millóns de euros ata 2020, Feijóo aseverou que esta iniciativa permitirá consolidar o Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade, peza fundamental deste novo modelo, que trasladará a información en tempo real da posición dos autobuses, dos desfases das rutas ou do número de viaxeiros. Unha información dispoñible tanto para a Administración como para os operadores, que permitirá optimizar os servizos e planificar as rutas.

Ademais, a explotación desta información con técnicas de Big Data permitirá avanzar as tendencias na demanda do transporte e anticiparse ás necesidades dos viaxeiros.

Por outra banda, e co obxectivo de facer que esa información en tempo real sexa útil para os cidadáns, o presidente da Xunta subliñou a posta en funcionamento do portal de transporte público de viaxeiros, que será a porta de acceso a todos os servizos dispoñibles. Trátase dun único punto no que se centralizará toda a información dos servizos de transporte regular: as rutas, os tempos de espera en cada parada, incidencias ou a solicitude de transporte baixo demanda. Esta información estará dispoñible a través de diferentes canles e soportes: web, app, paneis embarcados ou paneis en estacións de autobuses.

Así mesmo, tamén se porá en marcha un servizo de queixas e incidencias multicanle (presencial, telefónico, web) para que os viaxeiros poidan informar de calquera deficiencia ou diminución da calidade de servizo.

Ademais de recoller novos métodos de pago para os viaxeiros, como o pago desde un dispositivo móbil, onde o usuario tamén recibirá a notificación das recargas dispoñibles, o plan tamén aposta por dixitalizar os procesos que desenvolven os operadores, creando unha plataforma tecnolóxica que integrará a información relativa aos contratos de transporte e ao seu sistema de tramitación.

Deste xeito, os operadores e profesionais accederán á plataforma a través da Oficina Virtual, o que lles permitirá realizar desde un único punto todas as xestións relativas ao sector coa Administración.