A Xunta pon á disposición dos profesionais da administración pública de Galicia o novo tradutor automático ‘Gaio’

Martes 19 de Novembro de 2013

A Xunta pon á disposición dos profesionais da administración pública de Galicia o novo tradutor automático ‘Gaio’

A implementación desta ferramenta tecnolóxica reforzará a presenza do galego na documentación técnica e administrativa, páxinas web e correos electrónicos da Administración autonómica e local

O proxecto, desenvolto pola empresa galega Imaxín Software, intégrase no catálogo de servizos dixitais que a Administración galega lle está a facilitar ás entidades locais para impulsaren a implantación da eAdministración a través do Plan eConcellos

O secretario xeral de Política Lingüística, a directora da Amtega e o director xeral de Administración Local presentárono hoxe na Cidade da Cultura de Galicia

O Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura de Galicia acolleu esta mañá a presentación do novo tradutor automático Gaio, posto en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da empresa galega Imaxín Software, para reforzar a presenza do galego nas administracións autonómica e local e facilitarlles aos profesionais públicos a tradución directa e inversa do galego ao castelán na documentación técnica e administrativa, páxinas web e correos electrónicos, ademais de consolidar a aplicación da toponimia oficial de Galicia.

Na presentación da ferramenta participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a directora da Amtega, Mar Pereira Álvarez; o director xeral de Administración Local, Norberto Uzal Tresandí, e a responsable da Área Multimedia de Imaxín Software, Luz Castro Pena.

Terminoloxía específica
O Gaio facilítalle ao persoal da Administración a tradución de grandes volumes de documentación técnica e administrativa, así como a tradución inmediata de páxinas web, actas, informes e outra documentación, correos e documentos completos. Unha das principais novidades da nova ferramenta é que contempla terminoloxía específica administrativa e nomenclatura propia das entidades, como nomes de consellerías, Concellos, altos cargos, órganos de goberno ou integrantes das corporacións locais, e que permite, por primeira vez desde a Administración local, desde Xustiza ou desde o Sergas a tradución de documentos completos nos formatos txt, html, doc, docx, pptx, xlsx, odt, ods, odp e pdf. Deste xeito, o Gaio posibilita a tradución directa e inversa do galego ao castelán e mais ao portugués.

Todas estas novidades e funcionalidades do sistema foron abordadas nunha sesión técnica formativa que se desenvolveu no CINC logo da presentación do Gaio, na que participaron técnicos da Xunta de Galicia e do ámbito municipal vencellados aos proxectos de Eido Local e da Rede de Dinamización Lingüística. O novo tradutor automático xa está en funcionamento para os profesionais municipais e autonómicos a través do portal Eido Local e da intranet da Xunta.

Galego, lingua da Administración
García Gómez recordou que “O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) avoga por perfeccionar e potenciar a tradución automática como forma de asegurar a libre circulación do galego nos sistemas avanzados da vida moderna e por poñer cantos medios técnicos, lingüísticos e terminolóxicos cumpran para asegurar o seu uso nas actividades profesionais”. En palabras do secretario xeral “coa implementación do Gaio, a Xunta de Galicia, dálle resposta a estas directrices que marca o PXNLG de actualizar os recursos técnicos para facilitar o traballo en galego dos funcionarios, o que permitirá consolidar o galego como idioma xeral de referencia na Administración autonómica, xeneralizar o seu uso como lingua principal de traballo e de comunicación cos administrados na Administración local e asegurarlle a oferta positiva do galego á cidadanía no marco dos procesos que leva adiante a Administración de xustiza, así como no ámbito da sanidade”.

Axenda Dixital 2014.gal 
Pola súa banda a directora da Amtega sinalou que “a tecnoloxía é un aliado indispensable na difusión da lingua e da cultura e que neste sentido o tradutor automático Gaio contribuirá á normalización da idioma e facilitará o traballo diario dos profesionais do sector público galego. Por iso –engadiu- o Gaio estará á disposición dos traballadores autonómicos, por medio da intranet da Xunta, e á dos empregados públicos dos Concellos da Comunidade, grazas ao portal Eido Local, a porta de entrada dos municipios aos servizos da Administración electrónica. Unha iniciativa promovida pola Xunta a través da Amtega e a Dirección Xeral de Administración Local coa colaboración da Fegamp, dentro do Plan eConcellos, que conta con máis de 3.600 usuarios e que recibe unha media de 34.000 visitas ao mes”.

A responsable da política tecnolóxica da Xunta recordou que esta iniciativa se enmarca nas liñas de actuación da Axenda Dixital 2014.gal para a construción dunha comunidade con identidade de seu na era dixital e que se materializan no apoio do Goberno galego a iniciativas como punto.gal, para conseguir un dominio galego en Internet, que culminaba con éxito o pasado mes de xuño; ou á campaña por un twitter en galego, que alcanzou máis de 30.000 seguidores.

Eido Local, o portal dos Concellos de Galicia
O director xeral de Administración Local puxo en valor a colaboración entre distintos departamentos da Xunta de Galicia que está a permitir a incorporación de novos servizos que se prestan aos Concellos galegos a través do Portal Eido Local. Neste sentido, deulles os parabéns á Secretaría Xeral de Política Linguística e a Amtega polos esforzos realizados para levar a cabo este proxecto para poñer a disposición dos empregados públicos galegos unha potente ferramenta tecnolóxica a prol da normalización da lingua propia de Galicia.

Norberto Uzal lembrou que a posta a disposición do novo tradutor automático supón un paso máis no camiño de incrementar o catálogo de servizos que se ofertan aos Concellos de Galicia desde o Portal que xestiona a Dirección Xeral de Administración Local en colaboración coa Amtega.

Normalización do idioma e recursos compartidos
Coa posta en marcha desta ferramenta a Administración autonómica continúa avanzando en tres liñas: na contribución do uso correcto do galego no traballo diario dos empregados públicos, na normalización do idioma en diferentes eidos profesionais e na implementación de recursos compartidos entre administracións grazas á tecnoloxía.

O novo tradutor sumarase ao catálogo de recursos lingüísticos que a Administración autonómica contribuíu a pór á disposición dos empregados públicos e da cidadanía nos últimos anos. Tal é o caso do corrector Galgo 2.0, do bUSCatermos, do dicionario Digalego e da Enciclopedia Galega Universal, do Dicionario de pronuncia da lingua galega en liña ou do Dicionario da Real Academia Galega en liña.