Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

A Xunta pon á disposición do Consello Consultivo ás súas plataformas de Administración dixital para facilitar a súa adaptación á Lei 39

• Mar Pereira e José Luis Costa asinaron hoxe un convenio que articula o acceso do Consello Consultivo ao catálogo de servizos dixitais da Amtega

• Esta colaboración enmárcase no Plan de Administración e Goberno Dixital 2020 da Xunta, que aposta pola interoperabilidade e a reutilización das plataformas e recursos dixitais

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa, asinaron hoxe un convenio de colaboración para facilitar á adaptación deste órgano á Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Este acordo facilitará ao Consello Consultivo o acceso ao catálogo de servizos dixitais que a Amtega ten á disposición doutras administracións públicas no marco do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020. Un dos principios deste Plan é a aposta pola interoperabilidade e a reutilización das plataformas e recursos dixitais entre os diferentes niveis administrativos para simplificar o acceso á Administración electrónica, tanto aos empregados públicos como aos cidadáns e empresas.

A colaboración entre a Amtega e o Consello Consultivo comezará coa posta á disposición deste órgano do Portasinaturas, a plataforma da Xunta que permite asinar documentos de xeito electrónico, evitando desprazamentos, o uso do papel e axilización da tramitación.

Progresivamente e, en función das necesidades que se determinen, o Consello Consultivo poderá acceder a outros servizos como as notificacións electrónicas, a plataforma de interoperabilidade, ou o Arquivo Electrónico.

Segundo recolle o acordo asinado hoxe, o Consello Consultivo achegará a Amtega 73.800 euros ata 2021 para financiar as actuacións previstas.

Plan de Administración e Goberno Dixital 2020

A Xunta de Galicia vén traballando na dixitalización da Administración cunha folla de ruta desde o ano 2010, primeiro con Plan de Modernización da Administración Autonómica, co que se asentaron as bases da Administración electrónica e agora co Plan de Administración e Goberno Dixital 2020 co que se dá resposta ás esixencias do novo marco normativo. Un Plan aprobado en 2015 cun investimento de 27,7 millóns de euros en 5 anos que nos permitiu afrontar as esixencias das Leis 39/40 desde un bo punto de partida.

Como complemento ao cumprimento destas leis, a Xunta está a tramitar a Lei de Administración Dixital de Galicia para universalizar o uso e o acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais, así como os instrumentos de funcionamento interno para a xestión dixital da Administración.