Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta organiza o primeiro hackathon virtual de Galicia co obxectivo de desenvolver solucións innovadoras dirixidas ao comercio, a industria e o emprego

• Do 27 ao 30 de xuño, empresas, centros de coñecemento e persoas innovadoras traballarán en 5 retos cos que adaptar o tecido empresarial á nova realidade
• #HACKatHOME conta coa colaboración de preto de corenta entidades, entre as que se atopan clústers empresariais, empresas tractoras, as tres universidades galegas e centros tecnolóxicos
• O prazo de inscrición no evento, do que se informou esta mañá nun seminario online, está aberto ata este domingo 21 de xuño


A Axencia Galega de Innovación (Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria celebrou esta mañá un seminario online de presentación do #HACKatHOME, o primeiro hackathon virtual de Galicia, que se celebrará do 27 ao 30 de xuño co obxectivo de desenvolver solucións innovadoras que dean resposta ás necesidades xeradas pola pandemia na industria, o comercio e o emprego.

A directora de Gain, Patricia Argerey, explicou que a nova realidade demanda de novas ideas para adaptarse en ámbitos como a seguridade das persoas, a mellora dos espazos de traballo para evitar a dispersión do virus, incrementar a seguridade dos espazos comerciais, optimizar o teletraballo, coordinar equipos nun contexto de separación física ou reducir as necesidades de desprazamento da industria, entre outros.

Co obxectivo de desenvolver ideas innovadoras que ofrezan solucións físicas ou virtuais a esta nova realidade nace este hackathon virtual que unirá, de xeito remoto, a persoas de diferentes ámbitos relacionados coa innovación, co apoio de empresas tecnolóxicas, universidades e centros tecnolóxicos. O #HACKatHOME ofrece unha experiencia intensiva e inmersiva de creación de catro días de duración na que se intentará desenvolver dun xeito áxil prototipos e solucións innovadoras con formato transversal, aberto e de aplicación o máis inmediata posible no ámbito industrial, comercial e do emprego.

Patricia Argerey apuntou que esta iniciativa se enmarca, por un lado, na estratexia de fomento do emprendemento da Xunta de Galicia e, por outro lado, no fomento da Compra Privada Innovadora como unha ferramenta que permite promover a innovación desde a demanda, a través da compra de produtos ou servizos que aínda non existen no mercado e que requiren un proceso de co-deseño e co-creación entre comprador e provedor.

“Neste caso -sinalou- pretendemos dinamizar a identificación de solucións ás necesidades do tecido empresarial galego no ámbito da loita contra a covid-19 e os seus efectos, aliñando a I+D+i co tecido empresarial, potenciando as capacidades para a innovación que temos no noso ecosistema e estimulando o investimento en actividades de ciencia, tecnoloxía e innovación”.

Sobre o #HACKatHOME
Do 27 ao 30 de xuño, empresas tecnolóxicas, universidades e persoas innovadoras traballarán para dar solución a 5 retos cos que adaptar o tecido empresarial á nova realidade. O #HACKatHOME pretende involucrar a estudantes e profesionais da programación, a investigación, o deseño e, en definitiva, a calquera persoa que crea que traballando en grupo e colaborando é posible sentar as bases coas que construír solucións, tanto físicas como dixitais, para afrontar os cambios aos que se enfronta a sociedade.

Os participantes poderán presentarse individualmente ou en grupo, pero todas as persoas formarán equipos de traballo co fin de aproveitar a sinerxía á que dá lugar a cooperación. Durante 4 xornadas intensivas de traballo, cada equipo presentará unha ou varias propostas de produtos físicos ou solucións TICs e converteraas nun prototipo mínimo viable.

Os integrantes contarán, para o seu desenvolvemento, coa axuda dun equipo de mentores e titores vinculados ao mundo empresarial que os asesorarán sobre as liñas xerais dos proxectos e os detalles técnicos e poderán gozar, para atopar inspiración, dunha serie de minieventos paralelos ao hackathon.

#HACKatHOME conta coa colaboración de preto de corenta entidades, entre as que se contan clústers e asociacións empresariais de Galicia (Clúster TIC, Aclunaga, Cointega, Bioga, Clúster Alimentario de Galicia, Ceaga, Federación Galega de Comercio, Clúster Madeira, DiH DATAlife e Clúster Saúde Galicia), empresas de primeiro nivel (Grupo Nueva Pescanova, Imatia, Zendal, Televés, Kelea, Hack a Boss e No Legaltech), as tres universidades galegas e centros de coñecemento, centros tecnolóxicos (Instituto Tecnológico de Galicia, Gradiant, Atiga, CTAG e CETIM), outras organizacións e axentes (Cesga e Ilustre Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Galicia), así como distintos departamentos da Administración autonómica.

Solucións a cinco retos
O obxectivo de #HACKatHOME é darlle solución a cinco retos e non existe para conseguilo ningún tipo de límite en canto a ideas ou utilización de tecnoloxías: desde propostas de aplicación hardware e prototipos de software ata propostas de redefinición de metodoloxías. Poderán utilizarse para o seu desenvolvemento aplicacións software, tecnoloxías móbiles, realidade aumentada, xeolocalización, machine learning, intelixencia artificial, robótica, blockchain, internet das cousas, etc.

O período de inscrición de #HACKatHOME permanecerá aberto ata as 23:59 horas do 21 de xuño. Tras 4 xornadas de traballo intenso, os 3 mellores proxectos contarán cun apoio económico de 1000 euros e un seguimento específico por parte das entidades colaboradoras do hackathon.