Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

A Xunta ofrece este ano máis de 1.200 horas de formación sobre administración dixital aos empregados públicos

• As directoras da Amtega e da EGAP xunto co presidente do CPEIG inauguraron hoxe unha nova edición do Curso Superior en Administración Electrónica
• Un total de 80 profesionais da Administración galega participan neste itinerario formativo, que rematará o 27 de novembro
• É un dos 55 cursos do Plan que acompaña ao proceso de transformación dixital que se está a abordar na Administración autonómica


A formación é unha das liñas de actuación do Plan de Goberno e Administración Dixital 2020 co que se está a consolidar o proceso de transformación dixital da Administración autonómica. Así o destacou esta mañá a directora da Amtega, Mar Pereira, na inauguración do Curso Superior de Administración Electrónica, na que tamén interviñeron a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez.

O curso, no que participan 80 empregados públicos ata o 27 de novembro, afonda na concepción da Administración electrónica desde unha perspectiva técnico-xurídica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da Comunidade.

Máis formación, maior niveis de uso

Mar Pereira, lembrou que a Amtega colabora coa EGAP no desenvolvemento dun Plan para reforzar a formación do empregado público no ámbito da Administración dixital e da Protección de Datos, que a finais de ano terá ofrecido 1.200 horas formativas a través de 55 cursos presenciais e online. 

A directora da Amtega subliñou que a importancia da formación reflíctese na futura Lei de Administración Dixital de Galicia, actualmente en tramitación, que contempla un Plan de Capacitación Dixital para garantir aos empregados públicos o acceso á formación necesaria para desempeñar a súas funcións nun contexto dixital e intensificar o uso dos servizos dixitais.

O sistema de indicadores do Plan apunta a un incremento no uso dos servizos dixitais tanto dentro e fóra da Administración. A nivel interno no primeiro semestre do ano os empregados públicos realizaron 3,3 millóns de consultas á Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, un 113% máis que en 2017; máis de 137.000 notificacións electrónicas, case o triple do mesmo semestre de 2017 e asinaron máis de 1,1 millóns de documentos electrónicamente. Por parte dos cidadáns, Pereira destacou que este ano, por primeira vez, as xestións online coa Xunta superan as presenciais.

Pola súa banda, a directora da EGAP recoñeceu que as institucións públicas están obrigadas a coñecer as necesidades dunha cidadanía cada vez máis influenciada polas TIC e a adaptar os procedementos tradicionais a esta nova etapa, de xeito que se poida consolidar unha Administración eficaz e eficiente no cumprimento dos fins que ten asignados.

Ademais, resaltou que a importancia da administración electrónica e á súa complexidade xustifican esta nova edición do curso superior de administración electrónica o cal, a través dunha docencia semipresencial, permitiralles aos empregados públicos estudar aspectos concretos coma o sistema único de rexistro, a identidade dixital, a interoperabilidade de datos e documentos, a sede electrónica e a carpeta do cidadán, o impacto do Regulamento xeral de protección de datos ou a factura electrónica, entre outros moitos.