Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta lanza o Plan Dico Mindset para dinamizar o sector dos contidos dixitais en Galicia

• A directora da Amtega e os presidentes dos Clústers TIC e do Audiovisual presentaron hoxe o Plan aos axentes do sector

• Unha das iniciativas será a integración de tendencias interactivas ás emisións da televisión pública autonómica para adaptarse aos novos hábitos de consumo

• Amtega e CRTVG colaborarán na incorporación das segundas pantallas a través da realidade aumentada e na creación unha canle temática interactiva

• A Xunta ten en marcha diferentes proxectos tractores neste ámbito como a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia-Norte de Portugal ou o novo espazo de produción de contidos dixitais educativos, DIxit


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e os Clústers TIC e do Audiovisual de Galicia celebran hoxe a xornada de presentación do Plan DICO Mindset de impulso aos contidos dixitais aos axentes implicados. O obxectivo do Plan, aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de marzo, ten o dobre obxectivo de impulsar a innovación tecnolóxica no ámbito dos contidos dixitais e desenvolver proxectos tractores para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo.

O Plan elaborouse en base a un exercicio de reflexión conxunta no que se implicou aos principais axentes do panorama dos contidos dixitais tanto do ámbito público como privado para a identificar as oportunidades que afronta este sector, que neste momento aglutina en Galicia en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.

Proxectos Tractores

Na xornada de hoxe expuxéronse as liñas estratéxicas do Plan así como os proxectos tractores que ten en marcha a Xunta neste ámbito e que poden ser de interese de cara a novas liñas de negocio para empresas tecnolóxicas e audiovisuais.

Por unha banda, están a iniciativa Geoarpad para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia e o Norte de Portugal. Un proxecto enmarcado na Memoria Dixital de Galicia para universalizar o acceso do patrimonio material e inmaterial galego a través da Rede.

No ámbito da educación, a Xunta ten en marcha a entrada en funcionamento dun novo espazo de contidos educativos baseados en tecnoloxías innovadoras, DIxit. Esta iniciativa forma parte de Abalar,  o proxecto de transformación dixital da educación que a  Xunta vén evolucionando desde 2010.

Ademais, estase a impulsar a creación de produtos ou servizos innovadores con base nos contidos dixitais en áreas de interese xeral como o turismo.

Colaboración coa CRTVG

Unha das liñas de actuación do Plan é da colaboración coa CRTVTG para incorporar tendencias interactivas nas súas emisións, avanzando no posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo de contidos con tres liñas de actuación:

Incorporaranse á experiencia de usuario as segundas pantallas con contidos de realidade aumentada e realidade virtual para dispositivos móbiles, sincronizados con programas que se emiten na actualidade; empregaranse modelos de análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, para crear de canles multimedia adaptados aos comportamentos da audiencia. Crearase unha canle temática interactiva capaz de albergar e producir produtos audiovisuais para o ámbito educativo.

Con estas iniciativas búscase dar un paso máis na adaptación da oferta da televisión pública autonómica á experiencia de usuario que esixe a audiencia, incorporando as posibilidades de interactividade, personalización e especialización que facilita o contexto dixital e internet.

Orzamento do Plan

A execución do Plan obedece a unha filosofía de coordinación e colaboración entre distintas entidades do ámbito público (Amtega, Igape, CRTVG, Agadic, etc.), que se estende tamén aos actores do ámbito privado (Clúster TIC, Clúster Audiovisual, empresas tractoras, etc.). En total, DICO Mindset conta cun investimento de máis de 13 millóns de euros, dos que máis de 1,6 millóns de euros se corresponden con capital privado, no período 2018-2020.