A Xunta investiu preto de 5,5 millóns de euros no 2011 na mellora dos equipamentos e as infraestruturas tecnolóxicas do ámbito xudicial galego

Xoves 05 de Xaneiro de 2012

A Xunta investiu preto de 5,5 millóns de euros no 2011 na mellora dos equipamentos e as infraestruturas tecnolóxicas do ámbito xudicial galego

En 2011 instaláronse 22 novos sistemas de videoconferencia elevando a 55 o total destes dispositivos nas sedes xudiciais galegas

Renováronse un total de 1.271 de ordenadores de máis de 5 anos de antigüidade

Dixitalizouse o traballo dos forenses do Imelga co novo sistema informático Simelga, o recordatorio de citas vía sms e a dotación dun maletín con equipamento tecnolóxico para as gardas

Iniciouse o proceso de acreditación dixital dos profesionais do eido xudicial co reparto de 1.500 das novas tarxetas de empregado público

Desenvolveuse un sistema centralizado do Rexistro de Parellas de Feito que permitirá avanzar na tramitación electrónica dos procedementos e interoperar con outras comunidades autónomas

Púxose en marcha un novo servizo para xestionar o envío telemático dos pagos aos profesionais da asistencia xurídica gratuíta

Impartíronse 5.000 horas de formación sobre as aplicacións Minerva Nox, Fortuny, Lexnet, Inforreg e os sistemas audiovisuais, dos que se beneficiaron preto de 3.000 usuarios

No 2012 instalaranse 80 novos equipos de gravación de vistas

Para este ano está prevista a posta en marcha dun portal da Xustiza con toda a información sobre os servizos e recursos dispoñibles

O Goberno galego investiu no 2011 preto de 5,5 millóns de euros na mellora e renovación do equipamento e as infraestrutura tecnolóxicas do eido xudicial. Son actuacións que se enmarcan no Plan Senda 2014 para integrar as TIC na Xustiza e das que fixeron balance esta mañá, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín.

O investimento 2011 contou cunha achega do 30% da entidade estatal red.es e un 6% de fondos FEDER e permitiu avanzar na folla de ruta marcada polo Senda 2014 para modernizar a Xustiza en Galicia.

Infraestruturas
Entre as accións que se desenvolveron na área de infraestruturas está a dotación durante 2011 de 22 sistemas de videoconferencia en órganos xudiciais cuxa implantación se completará durante este mes e ás que hai que engadir as 500 licenzas de videoconferencia persoal. En total quedarán instalados 55 equipos de videoconferencia que dan servizo ao 63% das salas de vistas e ao 100% dos órganos preferentes (salas do penal, menores, violencia de xénero e vixilancia penitenciarias). A dotación de sistemas de videoconferencias nas salas de vistas permite a redución de custos, evita desprazamentos e redunda nunha axilización dos procesos.

Equipamento e medios
Dotar de equipamento e medios axeitados aos profesionais da Xustiza en Galicia é outro dos obxectivos do Senda 2014. Nesta liña en 2011 continuouse coa renovación do equipamento ofimático cunha antigüidade superior a 5 anos coa instalación de máis de 1.271 ordenadores nas sedes xudiciais de A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo e Pontevedra. Con esta actuación renovouse preto do 85% dos postos de traballo anteriores a 2007 e en 2012 esta porcentaxe incrementarase ata o 95%.

Por outra banda, o pasado ano a Xunta facilitou a xuíces e fiscais o acceso remoto desde as súas casas aos recursos dispoñibles dende a rede interna da Xunta a través de dispositivos de conexión 3.

Acreditación Dixital
En novembro do pasado ano púxose en marcha a primeira fase do Proxecto Kronos que permitirá que 1.500 empregados públicos da Administración autonómica e da Xustiza en Galicia dispoñan nos primeiros meses de 2012 da tarxeta intelixente que os acredita dixitalmente e lles asinar electrónicamente os documentos dos procedementos telemáticos. A día de hoxe xa arredor de 250 tarxetas distribuídas.

Con esta medida, a Xunta proporciona aos profesionais da Administración unha das ferramentas necesarias para avanzar cara a verdadeira administración electrónica e garantir aos cidadáns o seu dereito a relacionarse de xeito electrónico coas institucións públicas.

Lexnet
Dentro do proxecto de modernización da Administración da Xustiza, os sistemas de información constitúen un piar fundamental por iso se tomaron medidas para consolidar o seu uso. Deste xeito, no último ano implantáronse e realizáronse actualizacións no sistema de Rexistro Civil Inforeg, en Lexnet e abordáronse melloras informáticas no Rexistro de Parellas de Feito e no servizo de asistencia xurídica gratuíta.

Ao longo de 2011 completouse a implantación do sistema de comunicacións seguras Lexnet nos 45 órganos xudiciais da provincia da Coruña e consolidouse o seu uso con máis de 1 millón de notificacións nesta provincia en 2011. Nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra estase a finalizar a implantación e a formación para acadar en 2012 o uso efectivo deste sistema. Lexnet permite o intercambio seguro de información a través da vía telemática entre xulgados, procuradores e avogados.

Inforeg
Por outra banda, estase a rematar a posta en marcha do sistema de Rexistro Civil en Liña (Inforeg) ao que teñen acceso xa o 99% dos Xulgados de Paz e completouse a formación aos usuarios destes organismos. Este sistema permite realizar de forma centralizada a inscrición e certificación de nacementos, matrimonios, defuncións e tutelas nos 45 Rexistos Civís municipais e nos 270 Xulgados de Paz repartidos por toda Galicia.

Ademais no último trimestre de 2011 iniciouse o proceso de dixitalización dos libros rexistrais posteriores e 1950 en 23 Xulgados de Paz, o que permitirá introducir no sistema informático InforReg a información recollida nestes documentos en papel.

Durante 2011 elaborouse un catálogo de máis de 40 formularios do Rexistro Civil en lingua lalega, dispoñibles para a súa descarga directa pola cidadanía a través da web Consellería de Presidencia. Así o cidadán pode ten acceso desde á we, entre outras, á solicitude de cambio de nome polo equivalente en galego; de adecuación do apelido ao galego; de inversión da orde dos apelidos; de cambio de nome polo usado habitualmente; de certificación (de nacemento, matrimonio e/ou defunción).

Rexistro de Parellas de Feito e Asistencia Xurídica Gratuíta
Desenvolveuse un sistema centralizado de rexistro de parellas de feito para a Comunidade Autónoma que permitirá avanzar na tramitación electrónica dos procedementos vinculados a este rexistro e na interoperabilidade do rexistro con outras comunidades autónomas.

Tamén se puxo marcha o servizo web no sistema informático de asistencia xurídica gratuíta para o envío telemático das xustificacións trimestrais que envían os Colexios de Avogados e Procuradores de Galicia á Dirección Xeral de Xustiza en concepto de compensación económica aos profesionais da quenda de oficio e/ou asistencia letrada. Este novo procedemento permite avanzar na xestión electrónica e axilizar o s pagos a estes profesionais.

Formación
Para lograr a adaptación dos usuarios aos novos sistemas de información e a implantación de novos avances tecnolóxicos no ámbito xudicial, o Plan Senda 2014 contempla unha liña específica de formación que no 2011 supuxo case 5.000 horas formativas impartidas nas catro provincias galegas, das s que se beneficiaron preto de 3.000 usuarios.

No 2011 a formacion centrouse nas aplicacións para a xestión procesual Minerva Nox, Fortuny, Lexnet, no sistema de rexistro civil Inforreg e nos sistemas audiovisuais, tanto de gravación de vistas como de videoconferencias.

Dixitalización do labor forense
A finais de 2011 a Secretaría Xeral de Modernización puxo en marcha un conxunto de medidas para informatizar o labor dos profesionais do Instituto de Medicina Legal de Galicia. A primeira, a implantación do Simelga, un sistema informático de xestión propio para o Instituto de Medicina Legal de Galicia, adaptado ás necesidades específicas dos profesionais desta Comunidade e xestionado integramente pola Xunta de Galicia.

A implantación de Simelga complementouse cun novo sistema de envío de recordatorios de citas forenses á cidadanía mediante mensaxería móvil e a pilotaxe dun maletín con equipamento tecnolóxico para facilitar o traballo en mobilidade dos médicos forenses durante as gardas.

Nodo Tecnolóxico
Un dos obxectivos do Senda 2014 é o de establecer un nodo galego das tecnoloxías no ámbito xudicial para posibilitar a interconexión e o intercambio de información entre organismos e comunidades.

Para a creación deste nodo tecnolóxico ampliouse a capacidade das liñas de comunicación no 68,5% das sedes xudiciais e máis do 90% dispoñen xa de liña de respaldo, que garanten a continuidade da comunicación en caso de caídas das liñas.

Ademais, estanse a renovar as infraestruturas dos Centros de Procesos de Datos de 9 sedes xudiciais situadas nas sete cidades principais de Galicia e a adquisición de equipamentos para estes centros que permiten a mellora e a eficiencia das tecnoloxías. Os CPDs concentran os servidores, sistemas de almacenamento e recursos necesarios que dan soporte aos sistemas que xestionan os procesos xudiciais.

Liñas 2012 
Durante 2012, e no marco o convenio IUS+Red asinado entre a Xunta, red.es e o Ministerio de Xustiza, está prevista a instalación de 80 sistemas de gravación de vistas e a instalación en 121 salas da aplicación de gravación vistas eFidelius.

Ademais, continuarase co reforzo das infraestruturas xudiciais, atendendo especialmente aos criterios de dispoñibilidade e seguridade e traballarase no deseño e posta en marcha do Portal de recursos xudiciais. Será un espazo web pensado para o cidadán e no que un dos primeiros servizos que se ofrecera será o Directorio de Xustiza coa ubicación de todas as sedes e recursos xudiciais da comunidade.