A Xunta investirá 4,7 millóns de euros en licenzas de microsoft fronte aos 10,5 millóns de euros que investiu o goberno anterior polo mesmo período de tempo

Martes 19 de Outubro de 2010

A Xunta investirá 4,7 millóns de euros en licenzas de microsoft fronte aos 10,5 millóns de euros que investiu o goberno anterior polo mesmo período de tempo

Esta redución de custos conséguese agrupando, por primeira vez, os contratos das consellerías e organismos dependentes da Xunta

Non se trata dunha “adxudicación masiva” senón dunha negociación conxunta de contratos que permite aforrar un promedio do 37% en tres anos

Redúcense en preto de 4.500 as licenzas de Microsoft Office facilitando o impulso do software libre nos postos de usuario

O Goberno galego non só non “despilfarra” na compra de licenzas de Microsoft senón que mellora substancialmente a situación herdada do Goberno bipartito con esta empresa. Tras renegociar o contrato para a adquisición de licenzas de Microsoft, a Xunta pasará de pagar 10,5 millóns de euros en 3 anos a 4,7 polo mesmo período de tempo, cumprindo así coa política de austeridade que está a aplicar o Goberno galego.

Esta redución de custos conséguese agrupando, por primeira vez, os contratos das consellerías e organismos dependentes da Xunta o que permite, maior transparencia na contratación, mellores condicións de compra e a redución de preto de 4.500 licenzas de Microsoft Office facilitando o impulso do software libre nos postos de usuario. De feito, non se adquire ningunha nova licenza de Office senón que se renova unha parte das existentes.

Non se trata dunha “adxudicación masiva” senón dunha negociación conxunta de contratos que permite aforrar un promedio do 37% en tres anos, reducir un 18% os prezos fronte á situación anterior na que cada consellería realizaba os concursos por separado e diminuír o número de licenzas de Microsoft Office para ir incorporando o Open Office nos postos de usuario. Cómpre destacar tamén que as licenzas non se desactivan e as aplicacións se poden seguir usando con total validez legal.

Unificación de recursos
Por outra banda, a Xunta está a traballar na creación nun Centro de Proceso de Datos Integral que integrará as funcións dos máis de 80 CPDs existentes agora na Comunidade e que se prevé que entre en funcionamento no verán de 2011. Este actuación permitirá un aforro de 3 millóns de euros anuais en facturas eléctricas, infraestruturas TIC e alugueres e resposta ao compromiso do Goberno de unificar a xestión dos recursos tecnolóxicos. Un compromiso que xa se materializou coa creación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica como departamento autonómico que aglutina as competencias en materia de novas tecnoloxías

A racionalización do gasto en licenzas de Microsoft non é unha medida illada no impulso do software libre senón que está integrada na estratexia de promoción e impulso do código de fontes abertas que establece o Plan de Acción 2010 nesta materia. Un plan dotado con 800.000 euros para este ano que auna esforzos, aproveitando mellor os fondos públicos para achegar o software libre á Administración, á cidadanía e ao sector empresarial.