A Xunta inicia a tramitación da Lei de administración dixital, que permitirá un marco normativo único e ofrecer servizos máis sinxelos e eficaces

Xoves 01 de Xuño de 2017

A Xunta inicia a tramitación da Lei de administración dixital, que permitirá un marco normativo único e ofrecer servizos máis sinxelos e eficaces

Feijóo afirma que unha das principais novidades do documento será a creación dun sistema de indicadores que facilite seguir os avances na dixitalización da Administración
Indica que está dispoñible a consulta pública previa no portal de transparencia da Xunta, co fin de iniciar a súa tramitación parlamentaria no segundo semestre deste ano
Avanza que no último trimestre deste ano entrará en funcionamento a nova sede electrónica da Xunta, máis adaptada a dispositivos móbiles e con posibilidade de personalizala en función do perfil do cidadán ou empresa
Di que se reformularán as Oficinas do rexistro e sinala a creación da figura do funcionario habilitado e do rexistro de apoderamentos, para que unha persoa autorizada ou un funcionario realicen trámites telemáticos en nome doutra persoa

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o inicio da tramitación da Lei de administración dixital de Galicia que permitirá un marco normativo único e ofrecer servizos máis sinxelos e eficaces.

Trátase dunha lei que dotará á Comunidade dun marco legal único que recollerá todos os aspectos necesarios para acadar unha Administración 100% dixital. Nel vanse sistematizar todos os decretos, ordes e outras disposicións sobre as relacións administrativas dixitais que a Xunta vén elaborando desde o ano 2010, poñendo fin á dispersión normativa que hai na actualidade para lograr unha maior eficacia e simpleza dos procedementos.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo afirmou que unha das principais novidades do documento será a creación dun sistema de indicadores que facilite seguir os avances na dixitalización da Administración.

Así, entre os aspectos que concretará a Lei de administración dixital de Galicia están: os dereitos e deberes dos cidadáns e da Administración nas súas relacións; os dereitos e deberes dos empregados públicos; os instrumentos de funcionamento interno para a xestión dixital da Administración; o impulso específico que precisa a dixitalización das relacións con sectores coma o turístico, o industrial ou o rural; os medios necesarios para a cooperación con outras Administracións públicas; os órganos de goberno necesarios para o desenvolvemento dixital; e os sistemas de seguridade necesarios para que esta dixitalización se leve a cabo con todas as garantías, entre outras medidas.

Logo de precisar que está dispoñible a consulta pública previa no portal de transparencia da Xunta de Galicia, co obxectivo de que sexa aprobada definitivamente polo Consello e inicie a súa tramitación parlamentaria no segundo semestre deste ano, Feijóo aseverou que entre este ano e o seguinte avanzarase, tamén, noutros aspectos relativos á dixitalización.

Ao respecto, afirmou que no último trimestre deste ano entrará en funcionamento a nova sede electrónica da Xunta, máis adaptada a dispositivos móbiles e con posibilidade de personalizala en función do perfil do cidadán ou empresa. Así mesmo, reformularanse tamén as Oficinas do rexistro e crearase a figura do funcionario habilitado e do rexistro de apoderamentos, para que unha persoa autorizada ou un funcionario poida realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa.