Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta informa aos concellos sobre o funcionamento da plataforma de acceso telemático aos documentos que requiren de visado do Colexio de Arquitectos

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a directora da Amtega inauguraron o primeiro webinario para presentar esta iniciativa, dirixido hoxe aos municipios de máis de 20.000 habitantes e ás catro deputacións provinciais
• O servizo de interoperabilidade é o resultado do convenio asinado en 2020 entre a Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
• As administracións locais poden acceder directamente a un único arquivo con toda a documentación para as tramitacións urbanísticas e licencias que requiran do visado, mentres que as persoas só terán que dispoñer dun código


O nodo de interoperabilidade da Xunta pasaXe! permite xa que os concellos poidan acceder de forma telemática á documentación visada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) necesaria para as tramitacións urbanísticas e de licencias.
 
Os municipios galegos de máis de 20.000 habitantes e as catro deputacións provinciais participaron hoxe na primeira das sesións informativas de presentación deste servizo de consulta telemática de expedientes de obras visadas polo COAG.
 
A xornada divulgativa desenvolveuse en formato de webinario e foi inaugurada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; e a decana do COAG, Elena Ampudia.
 
Este sistema, desenvolvido pola Amtega, é o resultado do convenio de colaboración asinado en 2020 entre o COAG e a Xunta para o establecemento de mecanismos de interoperabilidade entre o procedemento de tramitación telemática de traballos profesionais do Colexio e os procedementos de carácter urbanístico das diferentes administracións galegas.
 
Na presentación das sesións informativas aos concellos, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, manifestou que para o seu departamento acadar unha plena aplicación da tecnoloxía dixital nos procesos de tramitación urbanística e ordenación do territorio é unha cuestión prioritaria, pola “maior axilidade, rapidez, inmediatez e transparencia” que achega tanto ao administrado como ás administracións.
 
Así, lembrou que o Goberno galego tamén está a impulsar a Plataforma urbanística dixital de Galicia, recollida na Lei do solo autonómica. O grupo de traballo está integrado por expertos e técnicos do ámbito tecnolóxico e do urbanismo, que seguen avanzando nos contidos e aplicacións para facela realidade.
 
Cada día, maior demanda
Pola súa banda, a directora da Amtega, Mar Pereira, salientou a importancia que adquiriu a plataforma de interoperabilidade, desenvolvida pola Xunta de Galicia, para facer fronte ao incremento das tramitacións electrónicas, sobre todo durante a pandemia. Neste sentido, lembrou que en 2020 incorporáronse ao catálogo de servizos de interoperabilidade do nodo pasaXe! seis novas tramitacións, entre as que se atopan o Carné Xove ou as consultas de permisos de conducir ou datos sobre vehículos.
 
En 2020 foron realizadas a través de pasaXe! máis de 12 millóns de consultas, o que supón un incremento de máis dun 51% con respecto ao ano anterior. Estas consultas evitan que persoas ou organismos teñan que aportar documentación que xa obra en poder dalgunha das administracións. A plataforma, que opera dende o Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta na Cidade da Cultura, permite a interconexión entre as administracións autonómica, central e local.
 
Os sistemas de tramitación do COAG están agora tamén conectados co nodo pasaXe!, ao que poden acceder as entidades locais adheridas ao convenio entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia para a prestación mutua de solucións básicas de administración electrónica —218 dos 313 concellos de Galicia asinaron o convenio—. Para poder facelo, os concellos deberán realizar un trámite de alta e enviar un formulario asinado electronicamente ao soporte técnico (CAU) do portal Eido Local.
 
A documentación accesible por parte dos concellos contará coa conformidade da persoas solicitante da licencia ou tramitación urbanística, así como dos técnicos redactores do traballo profesional vinculado. O sistema permite eximir ás persoas solicitantes da obriga que achegar a documentación, e bastará con que proporcionen na solicitude o código de descarga correspondente que lle foi proporcionado polo técnico redactor.
 
Será aplicable a todas as actuacións incluídas no catálogo de tramitacións de traballos profesionais do COAG relativas, entre outras, a edificación, obras ordinarias, derrubas, urbanización, planeamento, inspección técnica de edificios, certificados de eficiencia enerxética, informes periciais ou memorias.
 
Os sistema facilita e simplifica a tramitación por parte da persoa solicitante e permite que a documentación poida ser supervisada nun único arquivo pdf de estrutura normalizada, independentemente do tamaño ou do número de documentos que o conformen.
 
O nodo de interoparabilidade pasaXe! da Xunta de Galicia inclúe tramitacións da propia Administración autonómica, da Administración xeral do Estado e organismos como a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Dirección Xeral da Policía, a Dirección Xeral do Catastro, Dirección Xeral de Tráfico, o Instituto Cervantes, o Imserso, o INSS, o Instituto Nacional de Estatística, a Muface, o Sepes, a Seguridade Social, a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, así como as oficinas tributarias de outras comunidades autónomas.
 
A Xunta puxo en marcha pasaXe! en 2014 para a obtención de informacións das persoas ou empresas elaborada pola Administración dun xeito sinxelo, seguro, centralizado e con respecto á privacidade.