A Xunta incorporará 81 novos centros a E-DIXGAL o vindeiro curso e amplía este Programa de libro dixital a 3º e 4º de ESO noutros 139

Xoves 13 de Maio de 2021

A Xunta incorporará 81 novos centros a E-DIXGAL o vindeiro curso e amplía este Programa de libro dixital a 3º e 4º de ESO noutros 139

• É a primeira vez que un alumno poderá estudar con este sistema durante seis cursos consecutivos
• A mellora na convocatoria enmárcase na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030 e no Plan EDU100, co obxecto de impulsar a dixitalización do ensino

A Xunta de Galicia incorporará o vindeiro curso 2021/2022 ao programa de libro dixital E-Dixgal un total de 81 novos centros e ampliará a participación doutros 139 aos cursos de 3º e 4º de ESO, a principal novidade da convocatoria deste ano. Ademais, dous centros educativos que xa o desenvolven en Secundaria incorporan a iniciativa tamén á etapa de Primaria. Deste xeito, o número total de centros integrados no E-Dixgal elévase a 551, dos que 197 son da provincia da Coruña, 90 da de Lugo, 46 da de Ourense e 218 da de Pontevedra.
 
Das novas incorporacións, 29 son centros da provincia da Coruña e 14 son da provincia de Lugo. No caso da provincia de Ourense súmanse á iniciativa un total de sete centros, mentres que na provincia de Pontevedra os centros novos serán 31. Así mesmo, o CPI de Xanceda (Mesía) e CPR Plurilingüe Padres Somascos, (A Guarda) que xa desenvolven o E-Dixgal en Secundaria, ampliarano o vindeiro curso tamén a Primaria.
 
Os centros de nova incorporación en Primaria comezarán a traballar co libro dixital o vindeiro curso en 5º, e estenderano o seguinte a 6º. No caso dos que se sumen ao proxecto na etapa de Secundaria, comezarán en 1º de ESO e terán o compromiso de ir estendéndoo progresivamente ata completar os catro cursos.
 
Duplícase a cifra en secundaria
A convocatoria deste ano incluía por primeira vez a posibilidade de ampliar o programa aos cursos de 3º e 4º de ESO (ata o momento está implantado en 5 e 6 de Primaria e en 1º e 2º de ESO). Serán en total 139 os colexios e institutos que se acollan a esta ampliación, o que suporá case duplicar o número de alumnos de ESO con E-Dixgal en Galicia. Deles, 46 son centros da provincia da Coruña, 28 da provincia de Lugo, cinco da provincia de Ourense e 60 da provincia de Pontevedra.
 
Esta mellora supón, ademais, que por primeira vez un alumno galego poderá estudar con libro dixital gratuíto durante seis cursos consecutivos.
 
Estratexia Galega de Educación Dixital 2030
A ampliación do proxecto E-Dixgal é unha das liñas de acción da Estratexia Galega de Educación Dixital 2030, a folla de ruta coa que o Goberno galego vai impulsar a dixitalización do sistema educativo, e que inclúe medidas como a dotación de espazos maker e polos creativos nos centros, ou a implantación da Intelixencia Artificial no curriculum de todas as etapas educativas.
 
Así mesmo, enmárcase no Plan EDU100 (Plan de Infraestruturas Dixitais Educativas 2021-2023), coordinado pola Amtega, que supón un investimento 134,6M€ nos próximos tres anos. Ao seu abeiro o Consello da Xunta autorizou xa a adquisición de 45.000 ultraportátiles e equipos para 2.000 aulas, así como a compra de 55.000 equipos fixos e portátiles destinados a docentes. Tamén se deu luz verde á adquisición de 5.000 paneis interactivos para aulas de centros educativos, que cumprirán co obxectivo de que o 100% das aulas de centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade entre 1º de Primaria e 2º de Bacharelato sexan dixitais; capacidade de conexión de ata 1Gbps e wifi en todos os espazos docentes.