Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta incopora novos contidos innovadores DIXIT á iniciativa Abalar

• Regletas dixitais, figuras 3D e experimentos para matemáticas, bioloxía e xeoloxía facilitan a aprendizaxe interactiva
• Docentes de diferentes centros educativos xunto con profesionais do sector TIC e do audiovisual elaboran estes recursos empregando tecnoloxías como a realidade aumentada, a gamificación ou a intelixencia artificial
• Xa están en marcha novos grupos de traballo para elaborar recursos das materias de Xeografía e Historia, Física e Química e linguas estranxeiras

A iniciativa DIXIT, que impulsa creación  de contidos educativos dixitais innovadores coa implicación do profesorado e os sectores TIC e audiovisual, vén de incrementar a súa oferta incorporando novos recursos para as materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, que xa están dispoñibles no Repositorio de Contidos de  espazoAbalar e na plataforma do libro dixital.

No caso de  Matemáticas, incorpóranse novas regletas dixitais, orientadas á aprendizaxe de conceptos matemáticos abstractos a través da manipulación e de figuras 3D, o  que facilita a interiorización de algoritmos e conceptos matemáticos complexos.

Alumnos e profesores contan con dous novos bloques de contidos, un de sumas e restas con unidades, decenas e  centenas, a través  dun taboleiro dinámico, que mellora a visualización para traballar o cálculo. E outro de multiplicación, dedicado á comprensión e práctica de  múltiplos dun número, conceptos como dobre e triplo, multiplicacións de varios números, mínimo común múltiplo etc.

Ademais, engádese o Laboratorio de xeometría 3D, orientado ao estudo da xeometría no espazo cun enfoque dinámico de visualización e manipulación de figuras en tres dimensións.

A materia de Bioloxía e Xeoloxía conta cun novo  Snack  Experiment dedicado á unidade de xeoloxía, na que os alumnos aprenden de forma sinxela un experimento e aplican de forma guiada o método científico que lles permite sacar conclusións por eles mesmos.

Neste snack aprenderán a preparar un medidor de  ph para diferenciar entre unha substancia aceda ou básica a primeira ollada, cun cambio de cor. A diferenza dos cinco  anteriores, este  snack  experiment ofrece unha experiencia  adaptativa coa posibilidade de elixir entre distintos camiños que axustan o contido segundo a decisión do alumno.

Complétase a unidade de ecosistemas cun novo contido que ofrece unha alternativa interactiva para a aprendizaxe dos ecosistemas e as relacións das especies nunha rede  trófica.

En breve estará dispoñible, tamén, o primeiro material dedicado ao  ecosistema “charcas  intermareales” que integra unha fase final na que o alumno, aplicando o método científico á observación de variables dependentes e independentes que afectan o ecosistema, así como á interpretación de gráficos, poderá extraer conclusións e verificar as súas hipóteses previas.

Novos contidos en máis materias

O obxectivo de DIXIT, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Educación,  é aproveitar as capacidades técnicas e innovadoras dos sectores tecnolóxico e audiovisual e os coñecementos pedagóxicos do profesorado galego, tendo en conta as súas necesidades, para incrementar a oferta de recursos dixitais dispoñibles para a comunidade educativa galega.

Xa están en marcha novos grupo de traballo para crear novos contidos para estas e outras materias como linguas estranxeiras, Xeografía e Historia e Física e Química, que empregarán as tecnoloxías máis avanzadas como a realidade aumentada, a gamificación ou a intelixencia artificial.