A Xunta impulsa un Nodo de cooperación 5G para avanzar no obxectivo de que Galicia sexa das primeiras comunidades en dispoñer desta tecnoloxía

Venres 26 de Outubro de 2018

A Xunta impulsa un Nodo de cooperación 5G para avanzar no obxectivo de que Galicia sexa das primeiras comunidades en dispoñer desta tecnoloxía

• Feijóo afirma que con este nodo búscase que Galicia se sitúe como territorio preferente para pilotar as primeiras solucións baseadas na tecnoloxía 5G
• Avanza que nos vindeiros días asinarase un acordo entre a Amtega, o operador público Retegal e os operadores Telefónica, Vodafone e Orange, dotado con 2 millóns de euros
• Sinala que o 5G pode ser a tecnoloxía que facilite a transformación dixital do rural; a mellora na atención a persoas maiores ou enfermos crónicos; o desenvolvemento da automoción; ou os servizos turísticos máis especializados, entre outros
• Indica que Galicia conta con tecido suficiente para poder experimentar e facer avances concretos, grazas a un sector TIC competitivo; a universidades e centros tecnolóxicos de primeira orde en ámbitos como as telecomunicacións; ou a proxectos innovadores relacionados coas tecnoloxías 5G

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, indicou hoxe, durante a rolda de prensa posterior ao Consello, que a Xunta vai impulsar un convenio de colaboración para impulsar un Nodo de cooperación rexional 5G e avanzar así no obxectivo de que Galicia sexa unha das primeiras comunidades en dispoñer desta tecnoloxía. Esta iniciativa busca que Galicia se sitúe como territorio preferente para pilotar as primeiras solucións baseadas en tecnoloxía 5G, encabezando algúns dos proxectos previos ao despregamento destas redes.

O xefe do Executivo galego avanzou que nos vindeiros días asinarase un acordo entre a Amtega, o operador público Retegal e os operadores Telefónica, Vodafone e Orange, dotado con 2 millóns de euros. Así, baixo a coordinación de Retegal, os tres operadores asinantes realizarán cada un deles polo menos dous prototipos baseados nesta tecnoloxía. Os operadores desenvolverán estes pilotos en colaboración coas empresas tecnolóxicas galegas para lanzar as primeiras probas no período 2019-2020.

Sobre a tecnoloxía 5G

Segundo detallou o presidente da Xunta, a tecnoloxía 5G ofrecerá anchos de banda de 1GB cun período de latencia de 1 milisegundo, o que supón unha capacidade de resposta máis rápida que o ollo humano. Por tanto, trátase dunha tecnoloxía indispensable na evolución de elementos innovadores como o coche conectado, as cidades intelixentes ou a conexión masiva de obxectos á Rede.

No caso de Galicia, a 5G pode ser a tecnoloxía que facilite a transformación dixital do rural, posibilitando o acceso a internet ultrarrápido; a mellora na atención a persoas maiores ou enfermos crónicos e a prestación de servizos médicos a distancia; o desenvolvemento da automoción a través do vehículo conectado; os servizos turísticos máis especializados; a mellora da eficiencia e xestión das infraestruturas portuarias; ou novas oportunidades na xeración de contidos aplicables tanto ao consumo televisivo como á educación.

Segundo o titular da Xunta, Galicia convértese así nunha das primeiras rexións europeas que conta con tres multinacionais, Telefónica, Vodafone e Orange, que queren investir en Galicia, posto que conta con tecido suficiente para poder experimentar e facer avances concretos, grazas a un sector TIC competitivo, con 3400 empresas e 21.000 profesionais traballando no sector; a universidades e centros tecnolóxicos de primeira orde en ámbitos como as telecomunicacións; a proxectos innovadores relacionados coas tecnoloxías 5G, como o corredoiro entre Vigo e Oporto para realizar ensaios transfronteirizos sobre o vehículo conectado; ou a un Consorcio Aeronáutico no polo de Rozas.