A Xunta impulsa o fomento das tecnoloxías triplicando a oferta de cursos do Plan formación 2012 na rede de aulas CeMIT

Mércores 14 de Decembro de 2011

A Xunta impulsa o fomento das tecnoloxías triplicando a oferta de cursos do Plan formación 2012 na rede de aulas CeMIT

Impartiranse 3.000 cursos nos 98 centros que integran a Rede, presente en 92 concellos galegos

Prevé acadar 15.000 usuarios ao longo do ano incrementando nun 50% os de 2011

O programa formativo contempla 13 itinerarios formativos adaptados ao nivel de coñecemento e capacidades de cada colectivo

O Plan 2012 incorpora novidades enfocadas a mellorar a aprendizaxe con probas de nivel e aproveitamento que permitirán orientar mellor aos usuarios sobre o itinerario que máis se axusta as súas necesidades

Ponse en marcha un Aula de formación virtual que achegará a alfabetización dixital e a formación multimedia e audiovisual a un maior número de beneficiarios

O investimento previsto para 2012 na xestión da Rede e no Plan de Formación é de 2.300.000 euros

O Plan de Formación 2012 da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia (Rede CeMIT) ofrecerá 3.000 cursos gratuítos o vindeiro ano, triplicando a oferta formativa de 2011. Ademais, tamén se prevé incrementar en preto do 50% o número de usuarios acadando os 15.000 ao longo do ano.
 
O Plan de Formación 2012 impartirá nas 98 aulas que compoñen a Rede CeMIT un programa dirixido á tres colectivos: á cidadanía en xeral, con formación en alfabetización dixital, multimedia e audiovisual, aos profesionais TIC en colaboración co CNTG e aos empregados públicos a través da EGAP. Ao longo do ano o plan impartirá arredor de 20.000 horas de formación, o dobre de 2011.  A Xunta destinará en 2012 un orzamento de 2,3 millóns de euros na xestión da Rede e no Plan de Formación.
 
Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, e a directora xeral de Formación e Colocación, Ana Díaz.
 
Itinerarios formativos adaptados ao usuarios
O Plan 2012 incorpora novidades enfocadas a mellorar a aprendizaxe e ao aproveitamento da formación. Así establécense 13 itinerarios formativos con 60 cursos para as distintas áreas en función dos colectivos e as súas necesitades.  Os itinerarios formativos abranguen a alfabetización dixital básica, a formación destinada a empresarios e emprendedores, equipamento TIC, redes sociais, imaxe e audio, formación a desempregados, ofimática en software libre, operacións a través de Internet, creación multimedia e web 2.0, administración electrónica, capacitación especialización e software libre, ocio en Internet e multimedia e ferramentas TIC.   .
 
Cando o usuario acceda á Rede realizará unha proba de nivel para que o Axente TIC lle poida recomendar a realización do itinerario máis axustado ás súas necesidades. Así mesmo os cursos rematarán cunha proba de aproveitamento para coñecer o nivel de aprendizaxe do usuario.
 
Outra das novidades do Plan 2012 é o impulso da teleformación coa posta en marcha dun Aula de formación virtual que achegará a alfabetización dixital e a formación multimedia e audiovisual a un maior número de usuarios. Por outra banda, e co obxectivo de adaptarse mellor ás necesidades dos usuarios o Plan  revisarase con carácter trimestral.
 
Formación especializada
A formación específica para os empregados públicos e os profesionais TIC galegos desenvólvese en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG ). En 2012 a EGAP ten previstos 24 cursos e máis de 3.400 horas formativas e o CNTG impartirá 38 curso e preto de 2.000 horas de formación.
 
Ademais da formación, o catálogo de servizos da Rede CeMIT contempla tamén actividades de divulgación para a sensibilización e o fomento do uso das TIC coa organización de charlas e xornadas con expertos en materia de novas tecnoloxías. Paralelamente, continuarase co servizo de Aula Aberta, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
 
Balance 2011
A Rede CeMIT, que se puxo en marcha en 2011 para impulsar o uso das TIC na sociedade galega, superou os obxectivos previstos este ano. Así os 2.116 cursos celebrados supuxeron máis do dobre dos 1.000 previstos e as horas de formación superaron as 18.000 fronte as 10.000 contempladas inicialmente. Ademais, mellorouse a interconexión das aulas incorporándoas á Rede Corporativa da Xutan, desenvolvéronse novos recursos como a web CeMIT o repositorio documental e os equipos das aulas estanse a dotar con sistemas operativos de software libre.
 
Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia
Con respecto aos resultados acadados este ano no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), que tamén forma parte da Rede Cemit, é preciso destacar que a Consellería de Traballo e Benestar está a poñer a disposición dos traballadores galegos, tanto ocupados como desempregados, o acceso a unha formación gratuíta e altamente cualificada e demandada no sector TIC.
 
Estas actividades formativas teñen unha clara orientación laboral e preto dun 40 por cento dos alumnos en situación de desemprego conseguiron, grazas á programación ofertada no curso 2010-2011, insertarse no mercado de traballo mediante a sinatura dun contrato laboral.
 
O programa que se está a impartir este curso 2011/2012 é punteiro a nivel de España, tanto pola diversidade de temas que se están a abordar como pola elevada calidade dos currículos formativas que se incluíron. Entre setembro deste ano e xullo de 2012 impartiranse en total máis de 80 actividades formativas dirixidas aos profesionais do sector TIC.
 
Puntos de acceso a internet no Camiño de Santiago
Como dotación complementaria as aulas CeMIT sitas nas en vilas de paso do Camiño de Santiago, contan con puntos de información multimedia con acceso a internet dispostos no edificio onde se encontran as ditas aulas CeMIT. Un punto de acceso a internet (PAI) basicamente trátese dunha pantalla táctil de 32”, colocada nunha envolvente metálica e protexida cun vidro de seguridade que a protexa contra golpes. Na actualidade existen 8 puntos de acceso a internet (PAI) dispostos noutras tantas vilas de paso do Camiño de Santiago: Betanzos, Arzúa, Melide, Sarria, Padrón, Redondela, Santiago e Pontedeume.
 
Conexións por videoconferencia con Papá Noel e Concurso de Curtas co Móbil
Entre as actividades complementarias que organiza a Rede CeMIT están as conexións con Papá Noel a través de videoconferencia con Laponia que se están a realizar diariamente, ata o vindeiro luns 19 de decembro. Deste xeito, o alumnado de educación infantil de 24 concellos de Galicia ten a oportunidade de facer as súas peticións de Nadal directamente a Papá Noel aproveitando e utilizando as vantaxes das novas tecnoloxías.
 
Ademais, a rede de centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta é a responsable da convocatoria do I Concurso de Curtas realizadas co móbil, dirixido a xoves matriculados na ESO ou no Bacharelato dos centros educativos da comunidade galega. Este concurso, que se convoca por primeira vez na Administración autonómica a través de Facebook, ten como finalidade non soamente espertar a creatividade audiovisual dos nosos estudantes, senón fomentar o traballo en equipo e dar a coñecer as posibilidades que se abren no campo da formación e coñecemento das novas tecnoloxías que se veñen ofrecendo a través das actividades programadas nas aulas CeMIT do seu concello ou comarca.
 
Actualmente estase desenvolvendo a primeira fase do concurso, dedicada á inscrición e recollida de curtas, que dura ata o 29 de febreiro de 2012. O 7 de marzo empezará a segunda fase, na que os vídeos estarán subidos a internet e abertos para a súa votación mediante o sistema de ‘Gústame’ de Facebook.
 
Rede Cemit
A Rede Cemit, está integrada por 98 aulas presentes en 92 concellos e 53 comarcas O obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
 
As aulas, que contan cun axente TIC que impulsa as actividades do centro definidas no Plan de Formación, . O contido do Plan de Formación e a carta de servizos están dispoñibles non enlacehttp://cemit.xunta.es.