Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta habilita no seu portal un catálogo coas máis de 300 webs e canles de redes sociais da Administración Autonómica

No espazo Portais A-Z facilitase aos usuarios a localización de 226 páxinas web e 97 contas en redes sociais que a Xunta ten operativas na rede

Coa creación deste catálogo cúmprese un dos obxectivos marcados no Decreto que regula a presenza da Administración xeral en internet, aprobado o pasado mes de outubro

A web da Xunta vén de habilitar o espazo Portais A-Z para facilitar aos usuarios a localización todos os portais web e canles de redes sociais que a Administración autonómica ten operativas na rede.

En Portais A-Z, situado na parte superior dereita de www.xunta.es, o usuario atopará unha listaxe en orde alfabética dos 226 os portais web e as 97 contas en redes sociais como Facebook, Twitter, Tuenti, Flickr, Youtube e Vimeo que os diferentes departamentos da Xunta teñen en funcionamento e permanentemente actualizados nestes momentos.

Categorizados por departamentos e temas
Cada un dos portais e redes deste directorio está categorizado en función do órgano da Administración galega ao que se adscribe a web e tamén en base á súa temática (administración pública; ciencia e tecnoloxía; cultura, ocio e deporte; economía, empresa e emprego; ensino e formación; medio ambiente; saúde, asistencia sanitaria e servizos sociais e territorio, vivenda e transporte).

O usuario conta cunha opción de busca selectiva para buscar cada portal por departamento ou área temática. Ademais pode realizar a busca a partir do título ou por tipoloxía, que permite diferenciar as iniciativas que son portais web daquelas que se corresponden con canles nas redes sociais.

Enlaces directos ás webs
A elección dos nomes dos portais realizouse en base a criterios que faciliten a súa localización por parte da cidadanía, por exemplo, antecedendo as siglas ou acrónimos aos propios nomes naqueles casos nos que se estas son empregadas de forma máis habitual por parte dos usuarios.

Cada un dos portais deste espazo contén un enlace directo á páxina en cuestión e, en breve, incorporará tamén unha breve descrición do seu contido. Así mesmo, os usuarios poden elixir entre dous tipos de visualización (en unha ou dúas columnas) para navegar da forma que lle sexa máis cómoda.

Portais A-Z concíbese como un espazo dinámico que será obxecto de actualización continua
Mediante a ferramenta do catálogo de portais, que os responsables web dos diferentes departamentos da Xunta terán accesible desde a intranet corporativa. Todos aqueles portais e redes sociais que a Xunta de Galicia poña en marcha, ou as baixas que poidan ocasionarse, poderán consultarse en calquera momento neste novo espazo.

Decreto que regula a presenza da Administración na Rede
Coa habilitación deste catálogo a Xunta de Galicia avanza no cumprimento dos obxectivos do Decreto que regula a presenza da Admi¬nistración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet, aprobado o pasado mes de outubro. A norma establece as medidas para impulsar o uso das redes sociais e para avanzar en aspectos clave da eAdministración como a reutilización da información, a transparencia e a accesibilidade.

A Administración autonómica incrementou progresivamente a súa presenza nestas canles e actualmente arredor de 15 departamentos da Xunta teñen contas en redes sociais como Facebook, Twitter, Tuenti, Flickr, Youtube e Vimeo e portal corporativo www.xunta.es conta con preto de 5.000 seguidores en Facebook e Twitter.