A Xunta extende as actividades da Mobile Week a Área Metropolitana da Coruña e á Capital de Galicia

Martes 30 de Outubro de 2018

A Xunta extende as actividades da Mobile Week a Área Metropolitana da Coruña e á Capital de Galicia

• A Administración autonómica suma 20 iniciativas á MWC e amplía a súa área de influencia ata a Cidade da Cultura
• A Amtega formalizou hoxe a súa colaboración coa sinatura dun convenio que achegará 30.000 euros á iniciativa
• Galicia é a Comunidade elixida pola Mobile World Capital Barcelona para o primeiro evento que celebra fóra de Cataluña
• Entre 21 e o 28 de novembro a MWC fusionará arte, ciencia e tecnoloxía para poñer á cidadanía no centro da revolución dixital

A Xunta de Galicia formalizou esta mañá a súa participación na Mobile Week Coruña (MWC) coa sinatura dun convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Club Financiero Atlántico, que posibilitará a achega de 30.000 euros a esta iniciativa.

Ademais, a Amtega colabora coa MWC ampliando o a súa área de influencia cunha vintena de actividades na propia cidade herculina e nos Concellos de Abegondo, Betanzos, Sada e Santiago de Compostela.

Da Coruña ao Gaiás

A Axencia pública autonómica contribúe así coa vocación da Mobile Week de irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade. Entre o 21 e o 28 de novembro as aulas CeMIT de Abegondo, Betanzos, Sada e A Coruña acollerán cursos e obradoiros de alfabetización dixital, formación específica sobre o uso dos servizos dixitais, programación Scratch, busca de traballo en internet e charlas divulgativas sobre os novos perfís dixitais.

A programación está dispoñible na web da MWC https://www.mobileweekcoruna.com/es/eventos/, na que tamén están as actividades previstas na Cidade da Cultura. O polo tecnolóxico do Gaiás súmase á Mobile con dúas xornadas sobre Ciberseguridade o 21 de novembro, una dirixida ás pemes e outra á cidadanía.

As actividades complétase con visitas ao Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta, o Corazón Dixital de Galicia para o que os interesados se poden inscribir a través do mail cemit@xunta.gal.

Actividades e expertos

Entre o 21 e 28 de novembro,  Mobile  Week Coruña ofrecerá unha programación transversal e gratuíta en máis de 20 espazos ao longo dos 10 distritos da cidade da Coruña, a súa área metropolitana e a Cidade da Cultura, de Santiago de Compostela. Relatorios, charlas mesas redondas, demostracións, exposicións de arte, talleres e xornadas infantís, entre outras, darán lugar a abordar os retos, os límites e as oportunidades de transformación dixital.

A iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek  TALKS, un ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas,  mWeek  LAB, demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia,  mWeek  KIDS, actividades para toda a familia e, por último,  mWeek  GALLERY, un programa cultural paralelo organizado en colaboración con institucións e entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas.

Para fomentar a reflexión ao redor da transformación dixital e potenciar o papel do Eixo Atlántico como axente crave da dixitalización do territorio,  Mobile  Week Coruña contará con relatores expertos en innovación, como Silvia Leal, profesionais do ámbito dixital, Adolfo Fernández (Google), e representantes do ámbito universitario como Carmen Fernández  Morante, decana da Facultade de Educación da  Universidade de Santiago.