Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta e o sector tecnolóxico colaboran para captar talento dixital entre os galegos do exterior

• En marzo abrirase a canle Retorna Dixital, dentro do portal Retorna, para facilitar o encontro entre perfís dixitais interesados en voltar á Galicia e empresas TIC
• A directora da Amtega e o secretario xeral de Emigración mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo coas empresas asinantes do Pacto Dixital de Galicia
• Son as primeiras en adherirse á iniciativa co compromiso de publicar as ofertas de emprego ás que poderán subscribirse as persoas interesadas
• A Oficina Retorna encargarase da coordinación entre empresas e profesionais
• Esta iniciativa enmárcase no Plan DigiTalent, que a vindeira semana abrirá a convocatoria de bolsas para incorporar perfís non dixitais ao sector TIC
• Ademais, celebrará 70 charlas sobre tendencias dixitais en centros educativos en lanzará unha nova convocatoria de “Tecnólogo por un día”


O vindeiro mes de marzo activarase a canle Retorna Dixital, un espazo dentro do portal Retorna da Xunta, que busca captar talento entre os galegos do exterior para o sector tecnolóxico. Así o explicaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o secretario de Emigración, Antonio Rodríguez, durante a xuntanza de traballo que mantiveron coas empresas asinantes do Pacto Dixital e o Clúster TIC galego para explicarlles os detalles da iniciativa.

A canle Retorna Dixital, que se xestionará dende a Oficina Retorna, permitirá que as empresas adheridas publiquen as súas ofertas de emprego tecnolóxico, ás que calquera galego ou galega do exterior poderán remitir o súa solicitude. A Oficina Retorna coordinará esta canle de contacto directo entre o sector dixital e os interesados en retornar a Galicia, e que complementará cos seus servizos de acompañamento ao retornado.

Ademais das empresas adheridas, que asumen o compromiso de publicar as súas ofertas laborais, o portal disporá dun directorio de empresas tecnolóxicas que os profesionais interesados en retornar a Galicia poderán consultar e contactar directamente. 

As empresas asinantes do Pacto Dixital Indra, Everis, Iecisa, Televés, R Altia, Coremain, Telefónica, Vodafone, DXC e o Clúster TIC Galicia xa figuran como empresas adheridas e a iniciativa Retorna Dixital está aberta á incorporación de calquera outra empresas tecnolóxica que así o solicite.

Máis de 3.400 empresas no Hipersector TIC galego
Retorna Dixital, enmárcase no Plan DigiTalent da Xunta que se está a desenvolver en colaboración co sector tecnolóxico para impulsar as vocacións tecnolóxicas fomentar os novos perfís dixitais e reforzar as capacidades dos profesionais que teñen que liderar a transformación dixital. 

Cómpre lembrar a elevada demanda de profesionais especializados por parte do sector tecnolóxico e as dificultades que atopa para cubrila. O Clúster TIC apunta a unhas 1.000 vacantes actualmente en Galicia. O hipersector TIC galego emprega a máis de 23.300 profesionais, a cifra máis alta dos últimos cinco anos e concentra máis de 3.400 empresas. 

Actividades 2020 Plan DigiTalent
No encontro abordouse, tamén, o calendario de actividades do Plan DigiTalent para o presente ano. Entre os primeiros fitos do 2020, está convocatoria das Bolsas DigiTalent, que se lanzará a vindeira semana, e que oferta 32 prazas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura para realizar prácticas formativas en 21 empresas do sector tecnolóxico. 

Ademais, co obxectivo de promover as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos, impartiranse a partir de marzo máis de 70 charlas en centros educativos de Galicia vinculadas a novas tendencias dixitais como a Intelixencia Artificial, Blockchain, Ciencia do dato ou a Ciberseguridade, entre outras. Os encargados de impartir os relatorios serán profesionais de Altia, DXC Technology, everis, Iecisa, Indra, Orange e Vodafone, e os centros tecnolóxicos  Gradiant e CiTius. 

Antes do remate do curso, lanzarase a cuarta edición do programa “Tecnólogo por un día”,  que ofrece a máis de 50  estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar en primeira persoa como é un día de traballo no marco das profesións dixitais da man de Altia, Coremain, everis, Optare Solutions, Sixtema e Tecalis. 

A estas actividades súmanse as 21 iniciativas propias das empresas que colaboran no Plan. Toda a actualidade sobre as iniciativas incluídas no catálogo DigiTalent, está dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recolle  as datas, localizacións e instrucións para a participación en cada unha delas.