A Xunta e o Goberno Central poñen en marcha un plan para implantar o expediente xudicial electrónico en Galicia no 2015 e impulsar a modernización tecnolóxica da xustiza

Martes 02 de Xullo de 2013

A Xunta e o Goberno Central poñen en marcha un plan para implantar o expediente xudicial electrónico en Galicia no 2015 e impulsar a modernización tecnolóxica da xustiza

Esta iniciativa conta cun investimento de 5 millóns de euros, dos que o Ministerio de Industria Enerxía e Turismo, a través de Red.es, achega 4 millóns de euros e a Xunta, a través da Amtega, 1 millón de euros

Os dous obxectivos principais do Plan son a implantación do expediente xudicial electrónico e a posta en marcha da sede electrónica do ámbito xudicial

Para alcanzalos crearase un arquivo dixital único que xestione os documentos e expedientes xudiciais, poranse en marcha unidades de dixitalización, informatizaranse os rexistros de entrada e repartición de documentos e terase en conta a cooficialidade lingüística na práctica xudicial

Estas medidas realizaranse garantindo a interoperabilidade de sistemas e aplicacións e a súa reutilización por parte doutras Comunidades Autónomas

A Xunta colaborará co Goberno Central no Sistema Integrado de Xustiza (SIJ), realizando un conxunto de iniciativas TIC no ámbito xudicial galego que se porán a disposición doutras Comunidades. Esta cooperación formalizouse nun convenio asinado en abril deste ano entre a Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Ministerio de Xustiza, o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e a entidade pública Red.es.

As actuacións definidas concrétanse nun Plan de Proxectos, que se desenvolverán ata 2015 cun investimento de cinco millóns de euros, dos que o Ministerio de Industria Enerxía e Turismo, a través de Red.es, achega 4 millóns e a Xunta, a través da Amtega, o millón restante.

Os dous obxectivos principais do Plan son a implantación efectiva do expediente xudicial electrónico en Galicia e a posta en marcha da sede electrónica da Administración de Xustiza, que permitirá a tramitación telemática aos cidadáns e aos profesionais do ámbito xudicial. Estas dúas liñas de acción implican o desenvolvemento dun conxunto de medidas como a creación dun arquivo dixital único que xestione os documentos e expedientes xudiciais, a posta en marcha de unidades de dixitalización ou a informatización dos rexistros de entrada e repartición de documentos.

O Plan foi presentado esta mañá polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, o secretario xeral da Administración de Xustiza do Ministerio, Joaquín Silguero, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o director de Programas de Red.es, Francisco Javier García no acto interveu tamén o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas.

Expediente Xudicial Electrónico
A implantación efectiva en 2015 do expediente xudicial electrónico suporá a redución drástica do papel nos procedementos xudiciais, substituíndo os documentos físicos por documentos electrónicos, o que axilizará a tramitación, incrementará a seguridade da información, permitirá o acceso de todos os intervenientes do proceso á documentación e facilitará un importante aforro económico.

Para conseguir este obxectivo crearase un arquivo dixital que almacenará e xestionará os documentos e expedientes xudiciais electrónicos de xeito centralizado. Este arquivo permitirá a consulta dos expedientes desde dispositivos electrónicos e en función dos usuarios e das súas competencias.

Esta medida irá acompañada da creación de unidades de dixitalización para catalogar e dixitalizar de xeito eficiente a documentación que se presente en papel. Ademais, Galicia implantará o novo sistema para a informatización das Oficinas de Rexistros e Repartición, que está a desenvolver o Ministerio de Xustiza.

O Plan considera tamén a creación dun sistema informático de xestión de arquivos físicos e pezas de convicción, que permitirá a localización de calquera expediente en papel en calquera sede xudicial así como a identificación e xestión dos bens incautados nun procedemento xudicial, facilitando aos cidadáns os servizos para que poidan identificar estes bens e tramitar a súa devolución.

Cooficialidade lingüística e Sistema de Gravación de Vistas
As medidas para a implantación do expediente electrónico xudicial terán en conta a cooficialidade lingüística que a día de hoxe non permiten determinados sistemas de xestión procesual como Minerva.

Ademais, Galicia liderará a evolución do sistema de gravación de vistas con firma dixital eFidelius, que permitirá incorporar as gravacións dos xuízos ao expediente xudicial. A Comunidade será provedora do software deste sistema, das súas melloras e novas funcionalidades ao resto do Estado. A Xunta implantará este sistema en todas as salas de vistas da Comunidade, grazas á colaboración de Red.es.

Sede Xudicial electrónica
A creación da sede xudicial electrónica facilitará a comunicación telemática entre cidadáns e profesionais do ámbito xudicial coa Administración de Xustiza con todas as garantías técnicas e xurídicas. Esta plataforma tecnolóxica posibilitará a presentación electrónica daqueles documentos que non precisen da asistencia de avogado, a xestión de notificacións electrónicas, a consulta personalizada do expediente xudicial electrónico, a realización de trámites de pagamento de taxas... Estará dispoñible dende o portal www.exustiza.es, a futura porta de entrada na rede á Administración de Xustiza en Galicia.

Primeira Comunidade en colaborar co Estado
Coa posta en marcha deste Plan, Galicia convértese na primeira Comunidade en colaborar co Estado no desenvolvemento do Sistema Integrado de Xustiza. Un grupo de traballo interdisciplinar, integrado por representantes de todos os departamentos asinantes do convenio que será o encargado de realizar o seguimento das actuacións previstas no Plan.

Estas medidas realizaranse garantindo a compatibilidade dos software desenvolvidos para facilitar a interoperabilidade de sistemas e aplicacións así como a súa reutilización por parte doutras Comunidades Autónomas. O uso compartido de recursos, sistemas e infraestruturas entre Administracións permite reducir custos, evitando a duplicidade de investimentos.

Actuacións que complementan o Plan Senda
Estas actuacións permitirán implementar as medidas que está a desenvolver a Xunta de Galicia a través do Plan Senda 2014, que investiu nos tres últimos anos preto de 14 millóns de euros na renovación de infraestrutura, equipamento e na implantación e consolidación de diferentes sistemas de información nos órganos xudiciais galegos.