A Xunta e o Estado crean un grupo de traballo para mellorar a integración das plataformas tecnoloxícas do ámbito xudicial

Domingo 12 de Maio de 2019

A Xunta e o Estado crean un grupo de traballo para mellorar a integración das plataformas tecnoloxícas do ámbito xudicial

• O obxectivo e facilitar a automatización dos procesos e a mellorar a experiencia de usuario
• Iniciarase a análise de ferramentas tecnolóxicas que permitan avanzar cara á transcrición automatizada das vistas
• En Galicia as medidas do Plan Senda están a incrementar o uso dos medios dixitais
• En 2018 quintuplicouse o uso da sinatura dixital no ámbito xudicial, o que evitou que xuíces, fiscais, letrados e funcionarios asinar en papel preto de 900.000 documentos
• Crecen máis dun 34% ás consultas online aos expedientes xudiciais a través do visor
• Xa están dispoñibles máis de 32 millóns de documentos en formato electrónico no Repositorio Unificado Xudicial, o dobre que en 2017

A sede da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) acolleu esta semana a constitución dun grupo de traballo integrado por representantes da Xunta e do Ministerio de Xustiza para avanzar de xeito conxunto na transformación dixital da Xustiza. No encontro, participaron a directora da Amtega, Mar Pereira; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; e a directora xeral de Modernización do Ministerio de Xustiza, Sofía Duarte; e a secretaria da Sala de Goberno do TSXG, Concepción Otero, xunto con técnicos de ambas administracións.

O grupo de traballo acordou avanzar na implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE) nun modelo de cooperación, que permita unha maior integración das plataformas tecnolóxicas desenvoltas polo Estado e as implantadas en Galicia no marco do Plan Senda. 
Esta medida permitirá mellorar a automatización dos procesos e a experiencia de usuario. Ademais. abordarase unha análise de ferramentas tecnolóxicas que permitan avanzar cara á transcrición automatizada das vistas.

Avances na implantación do EXE
Galicia ten en marcha todas as pezas do Expediente Xudicial Electrónico e os indicadores de uso estanse a incrementar progresivamente. En 2018 asináronse dixitalmente preto de 900.000 documentos nos xulgados galegos, unha cifra cinco veces superior á rexistrada  o ano anterior. 

O incremento do uso da sinatura dixital está directamente relacionado co aumento de órganos xudiciais habilitados con esta funcionalidade, que pasaron de 2 a principios de 2017 a 136 ao remate de 2018. Ademais, a integración da sinatura dixital co sistema de xestión procesual Minerva que empregan xuíces, letrados, funcionario e con Fortuny o sistema dos fiscais facilita un maior uso da firma electrónica.

Xunto coa extensión da sinatura dixital outra das medidas de implantación do Expediente Xudicial Electrónico foi a posta á disposición de maxistrados, letrados, fiscais e funcionarios a consulta online de calquera expediente xudicial a través do Visor, unha solución única e  multidispositivo, que está implantada xa desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos. O ano pasado o visor rexistrou 43.000 visitas, un 34% máis que en 2017.

Os expedientes en formato electrónico albérganse no repositiorio unificado xudicial, a pedra angular é da que se serven as novas aplicacións e servizos dixitais (o visor, a sede electrónica, o portal de xustiza...). Centraliza en único punto toda a información xudicial, datos e documentos que se xera diariamente na tramitación de calquera procedemento en calquera órgano xudicial. 

Este repositorio integra máis de  32 millóns de documentos, o dobre que en 2017. Cada día rexistra 40.000 novos documentos e outros 50.000 modificados.

Os galegos poden presentar online, a través da sede xudicial electrónicaprocedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador. 

A través de https://sede.xustiza.gal os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo “a miña carpeta”, que durante 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos.

Plan Senda
Conseguir un plena dixitalización da xustiza e consolidar a implantación do Expediente 
Xudicial Electrónico (EXE), cuxas pezas están todas en marcha na Comunidade. Ese é o obxectivo principal do Plan Senda 2020, que están a levar a cabo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en colaboración cos profesionais do ámbito xudicial galego. O Plan púxose o en marcha en 2015 cunha dotación de máis de 26 millóns de euros ata o 2020.