A Xunta e o Concello de Santiago abren a consulta a operadores para despregar fibra no casco histórico

Martes 12 de Novembro de 2019

A Xunta e o Concello de Santiago abren a consulta a operadores para despregar fibra no casco histórico

• Desde mañá e ata o 22 de novembro poden trasladar o seu interese en participar na consulta
• Tras este primeiro paso, iniciarase unha rolda de xuntanzas cos operadores interesados ata o 16 de decembro
• A resolución contempla un prazo de dous meses hábiles desde a súa publicación para a presentación dos plans de despregamento
• Os proxectos deberán basearse, fundamentalmente, no ‘Catálogo de solucións’ elaborado pola Administración autonómica coa colaboración do Concello compostelán
• O documento ofrece alternativas como o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregamento da fibra óptica a través das redes de saneamento

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe unha resolución conxunta co Concello de Santiago para que os operadores de telecomunicacións poidan presentar proxectos de despregamento de fibra óptica no casco histórico de Compostela, en base ao Catálogo de Solucións Técnicas aprobado este verán polo Goberno galego.
 
Desde mañá e ata o 22 de novembro os operadores poden trasladar o seu interese en participar na consulta a través dun formulario tipo recollido na resolución, que poden remitir ben a través da páxina web da Amtega https://amtega.xunta.gal/consultafo ou a través do correo consultafo@xunta.gal
 
Tras este primeiro paso, abrirase unha primeira rolda de xuntanzas cos operadores interesados ata o 16 de decembro. A resolución contempla un prazo de dous meses hábiles desde a súa publicación para a presentación dos plans de despregamento. Os proxectos que presenten os operadores deberán detallar o modelo de despregamento e de financiamento. 
 
 Catálogo de Solucións
Os operadores formularán os posibles plans de despregamento baseándose, no seu caso, nas alternativas  que ofrece o Catálogo de solucións para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia, elaborado pola Amtega, o operador público Retegal e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. 
 
Para a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar (integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica), elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos. Entre as solucións que ofrece a guía están o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregamento da fibra óptica a través das redes de saneamento.
 
Coa publicación do catálogo e a apertura da consulta  aos operadores, Galicia está a abordar unha problemática presente en toda a Unión Europea para a que ata agora non se ofrecera ningunha solución.