A Xunta dixitaliza o traballo dos forenses do Imelga cun novo sistema informático de xestión e a dotación de equipamento tecnolóxico

Venres 18 de Novembro de 2011

A Xunta dixitaliza o traballo dos forenses do Imelga cun novo sistema informático de xestión e a dotación de equipamento tecnolóxico

Os cidadáns poderán recibir a través de sms o recordatorio das 15.000 citas anuais que xestiona o centro, o que reducirá os custes e as cancelacións

Iniciouse a pilotaxe dun maletín con equipamento tecnolóxico específico para as gardas dos médicos forenses

Este ano complétase a renovación do equipamento informático do Instituto cunha antigüidade superior aos cinco anos

Instalaranse 80 sistemas de videoconferencia persoal e dotarase ao Imelga de 4 equipos de videonconferencia de sala

A Xunta pon en marcha un conxunto de medidas para informatizar o labor dos profesionais do Instituto de Medicina Legal de Galicia. A implantación do sistema informático Simelga, a posta en marcha dun servizo de recordatorio das citas forenses a través de sms, a pilotaxe dun maletín con equipamento tecnolóxico para as gardas forenses e a dotación de novos equipos ofimáticos e de videoconferencia, conforman as principais liñas do proceso de dixitalización do traballo que desenvolven os forenses do Imelga.

Todas estas actuacións suman un investimento de preto de 190.000 euros en 2011 e se integran no Plan Senda para a integración das TIC no eido Xudicial. Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o director do Imelga, Benito López.

Novo sistema informático

Unha das liñas de acción deste proceso de informatización do labor forense é a implantación do sistema informático Simelga, que permitirá dotar aos 109 profesionais do Imelga dun sistema de xestión dos procedementos do traballo forense, garantirá e simplificará o acceso a información e facilitará a homoxeneización dos criterios de recollida de información en todas as áreas do Instituto.

O novo sistema informático é unha evolución do sistema Asklepius do Ministerio de Xustiza pero adaptado ás necesidades específicas dos profesionais desta Comunidade e que será xestionado íntegramente pola Xunta de Galicia. A Secretaría Xeral de Modernización completará en decembro a implantación de Imelga na sede central e nas seis subdireccións territoriais do Instituto.

O novo sistema facilitará aos traballadores do Imelga, que no 2010 atendeu máis de 50.000 casos, a xeración de informes asociados a procedementos e valoracións así como gravar informes e xuntar imaxes asociadas ás valoracións que realizan os forenses. A implantación desta aplicación informática vai acompañada dun plan de formación integral no uso do sistema para os distintos colectivos implicados.

Recordatorio das citas forenses vía sms

A implantación de Simelga complementarase cun novo sistema de envío de recordatorios de citas forenses mediante mensaxería móvil. Esta medida permitirá axilizar o mecanismo de comunicación co cidadán, reducir o custe que supón actualmente este recordatorio e diminuír a cancelación de citas por non presentación. Cómpre destacar que, actualmente, o Imelga xestiona unhas 15.000 citas anuais.

Equipamento

Para facilitar o traballo en mobilidade dos médicos forenses durante as gardas a Secretaría Xeral de Modernización iniciou a pilotaxe dun maletín con dotación tecnolóxica específica dos forenses de garda.

O maletín conta con dous espazos diferenciados, un para albergar o material clínico e outro para o equipamento tecnolóxico. Este segundo apartado incorpora unha cámara fotográfica para documentar os distintos procedementos, un portátil para rexistrar in situ a información precisa para elaborar os informes posteriores á actuación realizada e a impresora para as etiquetas que identifican as mostras recollidas.

Videoconferencias e ordenadores

Dentro do plan de actualización de equipamento informático este ano completarase a renovación dos ordenadores do Imelga cunha antigüidade superior aos cinco anos. Ademais, está prevista a posta en marcha dun novo sistema de videoconferencia persoal para 80 profesionais do Instituto e a dotación de 4 equipamentos de videonconferencia de sala. A instalación destas videoconferencias, que rematará en xaneiro de 2012, é froito do convenio de colaboración asinado coa entidade pública estatal red.es e financiado con fondos FEDER.

Imelga

O Instituto de Medicina Legal de Galicia tense convertido nos seus cinco anos de funcionamento nun auténtico referente e que a súa labor é fundamental para o bo desenvolvemento da actividade da Administración de Xustiza.
No Imelga traballan máis dun cento de profesionais, entre forenses, psicólogos, traballadores sociais, auxiliares de autopsia e funcionarios, tanto na súa sede central de Santiago, como nas seis subsedes das restantes grandes cidade galegas. O ano pasado estes profesionais levaron a cabo máis de 2.000 autopsias e atenderon unha media de 140 casos cada día.

Ademais das autopsias -quizais a parte máis coñecida da labor destes médicos-, os forenses do Imelga son os encargados de emitir calquera informe que poida ser de interese para xuíces e fiscais, sendo as súas investigacións cruciais nos casos de morte violenta ou sospeitosas de criminalidade, en casos de violencia de xénero, en mortes por accidentes de tráfico, na valoración de danos corporais ou na asistencia das persoas detidas.