A Xunta distribúe entre todas as empresas do sector TIC recomendacións en materia de infraestruturas para a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico

Luns 30 de Novembro de 2009

A Xunta distribúe entre todas as empresas do sector TIC recomendacións en materia de infraestruturas para a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico

A guía destaca que entre os proxectos que se poderán financiar con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local están os relacionados co desenvolvemento tecnolóxico e a innovación. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica xa lle remitiu ao presidente da Fegamp este documento co obxecto de que sexa distribuído entre os 315 concellos galegos. O obxectivo é garantir a acción coordinada entre a Xunta e as entidades locais como elemento fundamental para acelerar a incorporación das tecnoloxías da información e a comunicación nos concellos galegos. O Goberno galego tamén pon en marcha hoxe a oficina técnica e-concellos para asesorar ás entidades municipais na aplicación das novas tecnoloxías.

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación tecnolóxica, remitiulles hoxe a todas as empresas do sector TIC galego a Guía de Recomendacións en materia de infraestruturas para a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. O obxectivo desta guía, que tamén lle foi remitida xa ao presidente da Federación Galega de Municipios co obxectivo de que sexa distribuída aos 315 concellos galegos, é garantir a acción coordinada entre a Xunta e as entidades locais e as asociacións do sector, como elemento fundamental para acelerar a incorporación das tecnoloxías da información e a comunicación nos concellos galegos. O documento tamén está dispoñible na rede a través da páxina web http://imit.xunta.es.

Oficina e-concellos 
Ademais, e co ánimo de dar resposta á demanda dos concellos que lle teñen solicitado á Xunta asesoramento en relación con proxectos de infraestruturas de telecomunicacións nos municipios, hoxe ponse en marcha a oficina técnica e-concellos (oficina.econcellos@xunta.es) para prestarlles apoio ás entidades municipais na aplicación das novas tecnoloxías no eido local.

Estas iniciativas teñen por obxectivo garantir a acción coordinada entre a Xunta de Galicia e as entidades locais como factor fundamental para acelerar a incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación nos concellos galegos, e polo tanto, a capacidade de acceso de todos os seus cidadáns e empresas a todos os servizos e posibilidades que a rede lles pode ofrecer.

Infraestruturas necesarias para a administración, sociedade e empresas
A Guía de Recomendacións elaborada pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destaca que entre os proxectos que se poderán financiar con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local están os relacionados co desenvolvemento tecnolóxico e a innovación. Deste xeito, informa que se prevén obras de competencia municipal encamiñadas á creación, equipamento e desenvolvemento das infraestruturas de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, así como as destinadas a mellorar o acceso ás redes e infraestruturas das tecnoloxías da información e das telecomunicacións fixas e móbiles, e tamén a súa utilización.

Nese sentido, a Guía sinala que as infraestruturas son claves para que a Sociedade da Información chegue a todos os cidadáns e contribúen á modernización dos servizos públicos esenciais, así como ao crecemento e progreso das empresas, que atopan no uso das TIC un elemento dinamizador e facilitador dos novos procesos de innovación e, polo tanto, de aumento da súa competitividade.

O documento deseñado polo Goberno galego pon en valor a importancia do Plan Director de Banda Larga de Galicia, que persegue o dobre obxectivo de que a maior parte dos cidadáns e empresas galegas teñan a posibilidade de dispor dun acceso de calidade á banda larga, asegurando un despregamento baseado na eficiencia e na cooperación. Así, apunta que, co obxectivo de maximizar a eficiencia do investimento público cómpre que as actuacións dos concellos se definan na liña de complementar ou favorecer o despregamento planificado desde a óptica autonómica, establecendo así un marco común de extensión de banda larga.

Con este obxectivo, a Guía de Recomendacións ofrece asesoramento aos concellos sobre posibles liñas de actuación dos proxectos con cargo ao Fondo Estatal, así como establece procedementos pouco recomendables desde o punto de vista da eficiencia.