A Xunta destinará 8 millóns á planificación tecnolóxica dos servizos sociais públicos, co obxectivo de contar cunha historia social única e compatible coa sanitaria

Domingo 13 de Outubro de 2013

A Xunta destinará 8 millóns á planificación tecnolóxica dos servizos sociais públicos, co obxectivo de contar cunha historia social única e compatible coa sanitaria

O presidente autonómico destaca que esta iniciativa permitirá un aforro estimado duns 30 millóns cada ano, nos servizos sanitarios; e de 4 millóns de aforro cada ano, nos servizos sociais

Un dos eixos clave deste plan será a creación dun sistema integrado de intercambio de información entre os sistemas sociosanitarios e as administracións local e autonómica

Feijóo salienta, tamén, a modificación do decreto que regula o uso e acceso á historia clínica electrónica, co obxectivo de que antes de fin de ano todos os centros sociosanitarios públicos que dispoñan de persoal sanitario estean xa accedendo e escribindo toda a información clínica dos pacientes na historia clínica electrónica

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta destinará 8 millóns de euros á planificación tecnolóxica dos servizos sociais públicos, con tres obxectivos fundamentais: facer realidade a aspiración dunha historia social única para cada usuario, que poida cruzarse coa historia clínica electrónica e que, deste xeito, permita en consecuencia unha necesaria coordinación -cada vez con máis intensidade- entre o Servizo Galego de Saúde e os servizos sociais; mellorar os servizos que se lle dá aos usuarios dos dispositivos asistenciais, tanto para acceder a eles como para diminuír os trámites e ampliar a oferta; e captar máis financiamento europeo, xa que o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, financiará os gastos por indicadores de persoas atendidas.

No tocante ao aforro, Feijóo destacou que esta iniciativa permitirá un aforro estimado duns 30 millóns de euros cada ano, nos servizos sanitarios; e de 4 millóns de euros de aforro cada ano, nos servizos sociais. “E busca, por suposto, un maior desenvolvemento de Galicia neste eido, buscando ser un referente nacional no que se refire a coordinación sociosanitaria, a coordinación entre os servizos sociais e os servizos sanitarios”, engadiu.

“En definitiva, impulsamos o Plan Trabe que destinará 8 millóns de euros á planificación tecnolóxica dos servizos sociais públicos para garantir a sostenibilidade do sistema; incrementar a súa capacidade para dar cobertura a unha demanda que está en aumento; e modernizar a xestión para reducir tarefas administrativas e prazos de tramitación”, dixo o presidente da Xunta.

Unha das claves do Plan é a creación dun sistema integrado de intercambio de información entre os sistemas sociosanitarios e as administracións local e autonómica. “É dicir, que o traballo social que se fai nun concello que teña unha relación directa e unha información compartida cos servizos sociais que se fan nas deputacións e, sobre todo, na Xunta. Dispoñible para todos os axentes implicados con toda a información relevante e é un paso imprescindible para esa historia social única dos usuarios que poderá integrarse na historia clínica”. 
Outro dos eixos do Plan é a modernización da xestión dos centros asistenciais, orientándoos cara a unha especialización en coidados de larga duración evitando, no posible, as estancias en hospitais. Esta medida irá acompañada da implantación dunha plataforma de teleasistencia social que favoreza o autocoidado preventivo no fogar.

Para acadar estes obxectivos a plataforma prevé servizos como a monitorización do usuario en tempo real, aplicacións de rehabilitación sensorial a través de smart TV ou tablets e servizos de seguimento e localización de persoas con risco de extravío.

A implantación destas solucións tecnolóxicas na xestión dos servizos sociais será clave para maximizar a eficacia do sistema e conseguir maior accesibilidade, menos tempo de espera e máis coordinación.

Con esta finalidade, crearanse ou melloraranse as ferramentas empregadas polos profesionais para a xestión da información e impulsarase a presentación de documentación en formato electrónica, así como as notificacións telemáticas en lugar de empregar o correo ordinario.

Modificación do decreto que regula o uso e acceso á historia clínica electrónica
Así mesmo, e no eido de mellorar cualitativamente os servizos sociais, o titular da Xunta destacou a modificación do decreto que regula o uso e acceso á historia clínica electrónica, con tres cambios salientables: auméntase a capacidade de actuación da Administración sanitaria para a protección da saúde pública, ao permitir o acceso á historia clínica electrónica por razóns epidemiolóxicas ou de protección da saúde pública; recóllese a actualización legal que obriga a que se facilite a historia clínica electrónica completa cando o demande unha autoridade xudicial; e, desde os centros sociosanitarios públicos se poderá acceder, por primeira vez, á historia clínica sanitaria dun galego ou galega.

Deste xeito, os profesionais sanitarios que desenvolven o seu labor nas residencias da terceira idade terán acceso á historia dos pacientes que residen ou están ingresados neses centros. Recoñecéndolles, así, a posibilidade de rexistrar as actividades nos apartados correspondentes aos aspectos sociais e sociosanitarios.

“En consecuencia será a primeira vez na historia do Servizo Galego de Saúde e dos servizos sociais de Galicia, que un médico de primaria ou un médico de hospital -que xa teñen unha historia clínica compartida- compartan toda esa información cun médico que presta servizos nunha residencia da terceira idade”.

Grazas a esta decisión, garántese o continuo asistencial para este colectivo de pacientes, que con carácter xeral son especialmente vulnerables. Este sistema ensaiouse de xeito pioneiro na residencia compostelá de Volta do Castro; e o obxectivo é que antes de fin de ano todos os centros sociosanitarios públicos que dispoñan de persoal sanitario estean xa accedendo e escribindo toda a información clínica dos pacientes na historia clínica electrónica.