A Xunta destaca que a RIS3 permitirá reforzar a posición de Galicia como un dos referentes europeos na innovación en saúde

Xoves 03 de Decembro de 2015

A Xunta destaca que a RIS3 permitirá reforzar a posición de Galicia como un dos referentes europeos na innovación en saúde

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, lembra que un dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia se centra na mellora da calidade de vida e o envellecemento activo.

Resalta que a través do programa de Unidades Mixtas as empresas Esteve, Everis e Roche están desenvolvendo na comunidade proxectos orientados ao desenvolvemento de fármacos contra a dor crónica, á consecución dunha medicina oncolóxica personalizada e á xestión de coidados sociosanitarios.

Lembra que no marco da colaboración de Galicia co Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía se van desenvolver tres proxectos centrados na saúde.

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela (GAIN), salientou hoxe na apertura da Mesa Temática Interrexional sobre saúde e I+D+I que se celebra hoxe e mañá en Santiago que a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia permitirá reforzar a posición da comunidade como referente europeo na innovación en saúde.

Varela, que explicou que precisamente un dos tres retos da RIS3, que guía todo o investimento innovador galego, é converter a Galicia en líder no sur de Europa no eido da mellora da calidade de vida con especial atención ao envellecemento activo, lembrou que Galicia foi xa recoñecida como unha das 32 rexións europeas de referencia dos Estados membros da Unión Europea neste eido.

Sinalou o director da GAIN que para seguir avanzando neste reto a biotecnoloxía contará cunha Estratexia de apoio capaz de consolidar unha industria que emprega a 1.400 persoas altamente cualificadas. Manuel Varela lembrou así mesmo que a través do programa de Unidades Mixtas de Innovación que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria, as empresas Esteve, Everis e Roche están desenvolvendo na comunidade proxectos orientados ao desenvolvemento de fármacos contra a dor crónica, á consecución dunha medicina oncolóxica personalizada e á xestión de coidados sociosanitarios.

Do mesmo xeito, salientou que no marco da colaboración de Galicia co Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga se están a desenvolver tres proxectos relacionados coa saúde:
Cronn, liderado pola Consellería de Sanidade e que ten coma finalidade a creación dun nodo de investigación preclínica e clínica en nanomedicina; o Inventa-2, que pon o foco na elaboración de nanoestruturas para o tratamento e a diagnose do cancro e do ictus, impulsado pola Fundación Ramón Domínguez; e un proxecto liderado polo centro tecnolóxico Anfaco-Cecopesca, que ten como finalidade o aproveitamento dos recursos mariños para a obtención de compostos bioactivos e o deseño de alimentos funcionais para un envellecemento saudable.
Manuel Varela, que sinalou que a compra pública innovadora está moi presente na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, , lembrou tamén iniciativas neste ámbito como Innova Saúde e Hospital 2050.

As mesas temáticas interrexionais son unha iniciativa activada pola Rede de Políticas Públicas de I+D+I, cuxo obxectivo é xerar entre as comunidades autónomas unha reflexión común sobre un tema concreto. Escolleuse Galicia para a celebración da mesa sobre Saúde e I+D+I pola súa relevancia na RIS3 da comunidade.