A Xunta destaca a repercusión económica e cultural que terá o dominio PuntoGal para as empresas galegas e a comunidade

Martes 29 de Maio de 2012

A Xunta destaca a repercusión económica e cultural que terá o dominio PuntoGal para as empresas galegas e a comunidade

A Asociación puntoGal presentou a candidatura do dominio ante o ICANN, co apoio institucional e financeiro da Axencia para a Modernización Tecnolóxica

O obxectivo é que Galicia teña proxección no mundo dixital cun dominio propio baixo o que poderán rexistrarse aquelas entidades, empresas ou persoas que se expresen en lingua galega e que contribúan ao fomento da nosa cultura

A Asociación comprometeuse diante da ICANN a que, unha vez consolidado o proxecto, se reinvistan todos os beneficios en programas que fomenten a lingua propia de Galicia nas novas tecnoloxías

O puntCat, para a lingua e cultura catalás, logrou rexistrar máis de 55.000 identificadores en cinco anos e reinviste os seus resultados na súa obra social

A Asociación puntoGal presentou formalmente a candidatura do dominio .gal ante o organismo competente o Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN). PuntoGal leva seis anos traballando para conseguir que a cultura e a lingua galegas teñan un espazo propio na rede.

Un labor que conta apoio institucional e financeiro da Xunta de Galicia, que desde 2007 achegou máis de 490.000 euros á Asociación para o desenvolvemento das actividades necesarias para a presentación da candidatura. Deste importe, 213.000 euros corresponden ao convenio asinado este ano entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e A Asociación puntoGal para financiar os custos de matrícula (145.000 euros), o aval esixido pola entidade, así como as accións de difusión e participación nas actividades que que o ICANN e outras entidades vinculadas ao regulamento da rede celebrarán nos vindeiros meses.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou esta mañá a repercusión económica e cultural que reportará ás empresas e á Comunidade contar cun dominio propio en Internet. Pereira inaugurou esta mañá a Xornada “A candidatura dun dominio de Internet para a lingua e a cultura galegas”, organizada pola Asociación puntoGal e na que tamén interviu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Os beneficios dun dominio propio

A responsable de Modernización sinalou que cando hoxe alguén dende Galicia rexistra un dominio xenérico a maior parte dos beneficios da operación marchan fóra. A activación de .gal permitirá que a maior parte da repercusión económica directa quede en Galicia, polo que servirá tanto para captar ingresos de fóra como para reducir o volume de diñeiro que marcha ao exterior produto do rexistro de dominios.

Ademais, Mar Pereira destacou que para que as empresas que comercialicen na Rede produtos en galego (como tradutores automáticos, medios de comunicación etc) ou relacionados con Galicia (servizos turísticos, produtos culturais, gastronomía, enoloxía etc.) ao facelo a través de .gal poderán destacarlle dende o primeiro momento a proximidade física ao cliente, ou a súa especialización no mercado ou nos produtos galegos. Isto axudará a aumentar os ingresos das empresas que aposten polos produtos en galego ou relacionados coa cultura galega.

Pola súa banda, o responsable da política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, puxo de manifesto que “acadar o dominio .gal é moi importante para a proxección do galego do mundo, e para seguir gañando espazos de uso da lingua no universo de internet”.

Manuel González González, presidente da Asociación puntoGAL e membro da Real Academia, destacou na súa intervención que o .gal servirá para aumentar o prestixio da lingua galega tanto a nivel internacional como dentro de Galicia, favorecendo a súa transmisión ás novas xeracións. González explicou que o .gal estará dispoñible para todas as webs que empreguen o galego ou que fagan nelas referencia á cultura galega.

Autofinanciamento

PuntoGal será unha iniciativa que se autofinanciará. A Asociación comprometeuse diante da ICANN a que, unha vez consolidado o proxecto, se reinvistan todos os beneficios en programas que fomenten o galego nas novas tecnoloxías. Así o fai xa a Fundació puntCat coa súa Obra Social dende hai tres anos.Por exemplo, na última convocatoria os beneficios dos rexistros dos .cat servirán para financiar proxectos da sociedade da información en catalán que melloren a accesibilidade ás novas tecnoloxías por parte de persoas con discapacidades físico-sensoriais, que axuden a xerar contidos ou que desenvolvan ferramentas baseadas en estándares abertos.

O .cat, para a lingua e cultura catalás, logrou rexistrar máis de 55.000 identificadores dende a súa aprobación hai cinco anos, o que pon de manifesto a viabilidade dos dominios lingüísiticos.

A ICANN prevé un prazo de doce meses, aproximadamente, para dar o resultado das primeiras avaliacións. Polo que, de entrar na primeira quenda de avaliacións e superar o exame, PuntoGal podería estar na rede a finais do próximo ano.

Os dominios, un mercado en crecemento

O mercado de dominios mantense en forte crecemento malia a crise económica. A nivel mundial a taxa de crecemento varía entre o 12 e o 20% nos últimos exercicios. En 2011 rexistráronse máis de 9.400 novos dominios .es en Galicia, un crecemento do 10%, malia que ese ano o PIB da autonomía só medrou o 0,5%. A finais do ano pasado había en Galicia máis de 47.000 dominios rexistrados, cunha taxa de novas altas que oscila en torno a 10.000 novos dominios .es anuais, nun contexto de estancamento ou recesión económica.

Apoios á Asociación puntoGal

A Asociación puntoGal é unha iniciativa sen ánimo de lucro que, constituída co obxectivo de conseguir a creación do dominio .gal en internet, vén realizando nos últimos anos todos os trámites precisos para acadar este obxectivo ante o organismo competente, o ICANN.

En total son máis de 100 as entidades adheridas a puntoGal, incluídas as principais institucións culturais (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega etc.) e educativas (Universidade de Santiago, Universidade de Vigo, Universidade da Coruña etc), xunto con máis de 20 centros de emigrantes noutras comunidades autónomas e noutros países como Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, A Arxentina, Os Estados Unidos, O Uruguai e O Brasil.

Conferencia e coloquio

Durante a xornada, o director da Fundació puntCAT, Jordi Iparraguire, explicou a traxectoria e os beneficios acadados gazas a .cat na conferencia “A experiencia do .cat, o dominio da lingua e cultura catalás".

Posteriormente, celebrouse un coloquio sobre o impacto do .gal na Internet galega no que interviñeron o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, o presidente da Asociación Galega de Empresas de Internet EGANET, Víctor López, Manuel Gago, director do portal do Consello da Cultura culturagalega.org e bloguero, e Marcus Fernández, webmaster da revista Código Cero e membro da directiva da Asociación PuntoGal.