A Xunta destaca a importancia do futuro centro de fabricación avanzada Galicia TurisTic como polo tecnolóxico que axude a impulsar a dixitalización do sector turístico

Mércores 21 de Xullo de 2021

A Xunta destaca a importancia do futuro centro de fabricación avanzada Galicia TurisTic como polo tecnolóxico que axude a impulsar a dixitalización do sector turístico

• Conde asegurou que o proxecto vai fomentar a creación de produtos, servizos e empresas de base tecnolóxica, conxugando innovación, emprendemento e formación
• O Goberno galego está a impulsar sete centros de fabricación avanzada en toda Galicia para potenciar sectores como o turismo, o agroalimentario, o loxístico, o biotecnolóxico ou o das TIC
• A través dun investimento 100% público de preto de 400.000 euros, Galicia TurisTic contará con tres laboratorios e distintas áreas para a formación, demostración a clientes ou para startups

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Vilagarcía á presentación do futuro centro de fabricación avanzada Galicia TurisTic, que actuará como un polo tecnolóxico para impulsar a dixitalización do sector e contribuír á creación de emprego de calidade e reter talento tanto na comarca do Salnés como en toda Galicia.
 
A iniciativa forma parte dos sete centros de fabricación avanzada que está a impulsar a Xunta de Galicia grazas á colaboración público-privada a través dun investimento de case 27 M€ –a Xunta achega preto do 76%–. O obxectivo principal é potenciar sectores como o turismo, o agroalimentario, o loxístico, o biotecnolóxico ou o das TIC para ofrecer toda unha infraestrutura de recursos e servizos tecnolóxicos ás pemes galegas.
 
“Estamos intentando que en Galicia, a través deste modelo de centros de fabricación avanzada, os diferentes sectores, e pensando concretamente na pequena e mediana empresa, poidan acceder a espazos que actúen como elemento dinamizador de novas solucións a través da innovación e a tecnoloxía”, manifestou Conde.
 
En concreto, Galicia TurisTic nace para fomentar a creación de produtos, servizos e empresas de base tecnolóxica na cadea de valor da industria turística galega. Así, a idea é conxugar innovación, emprendemento e formación a partir da dixitalización.
 
A iniciativa, que financia ao 100% a Xunta de Galicia a través dun investimento de preto de 400.000 euros e que verá a luz proximamente en Vilagarcía, xorde do traballo conxunto entre administracións autonómica e local e empresas e entidades como o Clúster de Turismo de Galicia e o de TIC de Galicia; Turismo de Galicia; as Cámaras de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía; a Autoridade Portuaria de Vilagarcía; e a Mancomunidade do Salnés.
 
Nas súas instalacións, que abranguen 275 m², Galicia TurisTic albergará tres laboratorios –de intelixencia artificial e big data; de dispositivos intelixentes; e de realidade virtual e aumentada–; unha área de formación no eido tecnolóxico; unha área de demostración para clientes públicos e privados; e outra de emprendemento para startups.