A Xunta destaca a importancia de facilitarlle aos concellos a rendición das súas contas

Mércores 14 de Decembro de 2011

A Xunta destaca a importancia de facilitarlle aos concellos a rendición das súas contas

Alfonso Rueda asistiu hoxe á presentación do Portal de Rendición de Contas Locais, no Consello de Contas

Mediante esta nova aplicación telemática, os concellos poden coñecer en tempo real o estado de rendición das súas contas

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia de facilitarlle aos concellos a rendición das súas contas, mediante a presentación do novo portal telemático de rendición das contas locais do Consello de Contas de Galicia

Rueda agradeceu a posta en marcha deste novo Portal, xa que mediante esta nova aplicación telemática, os concellos poden coñecer en tempo real o estado de rendición das súas contas, e ademais facilita que os cidadáns poidan estar ao tanto das obrigas dos seus concellos, o que implica maior transparencia nas relacións dos concellos cos seus veciños.

Rueda destacou na súa intervención a importancia dos órganos fiscalizadores, coma son o Consello de Contas e o Tribunal de Contas que axudan aos gobernos a controlar e optimizar mellor o uso de recursos, e agradeceu esta iniciativa que establece un portal único e que lle falicita aos concellos a presentación das súas contas a ambas entidades.

Este novo portal que hoxe se presenta é unha plataforma a través da cal, e mediante acto único, os municipios poñen as súas contas a disposición tanto do Consello de Contas de Galicia, de ámbito autonómico, como do Tribunal de Contas, de ámbito estatal, cumprindo así coa súa obriga, mediante a páxina www.rendiciondecontas.es.

Mediante a busca no portal, accesible tamén desde a propia web do Consello (www.ccontasgalicia.es), calquera interesado pode obter coñecemento da situación de rendición do último exercicio que tivera rematado o seu prazo de rendición, así como da dos anteriores. O Consello de Contas de Galicia continúa así cos seus esforzos por acadar a mellora na transparencia do sector público.

O portal único xorde tras un Convenio asinado en xuño de 2011 entre o Consello de Contas de Galicia e o Tribunal de Contas, tendente a eliminar a dobre rendición das contas dos concellos galegos. Con esta actuación telemática dáse satisfacción tanto á demanda das entidades locais, que ven deste xeito simplificadas materialmente as súas obrigas neste eido.