A Xunta destaca a importancia da ciberseguridade para protexer os servizos públicos e xerar un clima de confianza nos usuarios

Venres 10 de Novembro de 2017

A Xunta destaca a importancia da ciberseguridade para protexer os servizos públicos e xerar un clima de confianza nos usuarios

A directora da Amtega e o director xeral de Emerxencias e Interior participaron hoxe na inauguración da Xornada Intelixencia e Ciberseguridade

A transformación dixital converteu a ciberseguridade nun elemento inherente ao funcionamento de empresas e institucións, que precisan perfís cun alto grao de especialización para implementar os seus plans de seguridade. Estes e outros retos neste eido centran a xornada Intelixencia e Ciberseguridade, que se celebra hoxe na Coruña e en cuxa inauguración participaron a directora da Amtega, Mar Pereira, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor.   

A responsable da política tecnolóxica da Xunta sinalou que a Administración autonómica busca “ofrecer máis e mellores servizos dixitais pero tamén dinamizar o seu uso, xerando un clima de confianza, que require da colaboración conxunta de gobernos, corpos e forzas de seguridade e sector tecnolóxico”.

Alta demanda de perfís especializados

En 2016 o Instituto Nacional de Ciberseguridad (Incibe) contabilizou 115.000 incidentes informáticos a empresas e particulares en España, un 130% máis que os 50.000 rexistrados o ano anterior. Esta estatística sitúa a España como o terceiro país máis atacado do mundo, tras Estados Unidos e Reino Unido. Para afrontar esta realidade, as organizacións públicas e privadas precisan de perfís cun alto grao de especialización difíciles de atopar.

A Unión Europea calcula que en 2025 haberá unha carencia de 825.000 perfís tecnolóxicos, que continuará aumentando se non se toman as medidas para paliala. Desde a Xunta apóstase pola colaboración conxunta entre administracións, universidades e sector TIC para captar talento tecnolóxico.

Adaptación ao novo Regulamento Europeo

Un dos retos actuais para empresas e administracións públicas é a adaptación ao novo Regulamento Europeo de Protección de Datos, que entrará en vigor en maio de 2018.  Esta lei que incorpora novos dereitos para os cidadáns como o dereito ao esquecemento, o consentimento expreso ou a portabilidade dos datos e implica un maior compromiso das organizacións públicas e privadas coa protección de datos.

A Administración autonómica está a abordar este proceso no marco do Plan Director de Seguridade TIC da Amtega. Nos dous últimos anos as medidas deste Plan incrementaron a capacidade de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade e facilitaron unha maior colaboración cos corpos e forzas de seguridade do Estado, achegando información de valor para axudar na investigación de posibles de delitos relacionados co ciberespazo. O Plan incide ademais na concienciación dos empregados públicos, cuxa implicación é fundamental no proceso transformación dixital da Administración.