A Xunta de Galicia traslada a súa decidida aposta polas enerxías renovables ao resto do Estado no marco da Wind Power Conference 2010

Martes 16 de Febreiro de 2010

A Xunta de Galicia traslada a súa decidida aposta polas enerxías renovables ao resto do Estado no marco da Wind Power Conference 2010

O director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria salienta en Madrid que a produción de electricidade con fontes renovables deberá permitir cubrir case o 100% do consumo na Comunidade Autónoma no horizonte de 2015.

Ángel Bernardo Tahoces sinalou na súa intervención que o necesario fomento das enerxías renovables ten que camiñar parello a unha nova dimensión da eficiencia e do aforro enerxético, no que Galicia é pioneira da man das actuacións da Consellería de Economía e Industria.

A Xunta de Galicia, a través do director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, Ángel Bernardo Tahoces, trasladou ao resto do Estado a súa decidida aposta polas enerxías renovables no marco da Wind Power Conference 2010, que se celebrou hoxe en Madrid.

No transcurso dunha mesa redonda, o director de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, acompañado por representantes dos gobernos de Navarra, Castela e León e Cantabria, presentou o exemplo galego en enerxías renovables como unha liña de actuación a seguir no resto do Estado.

Ángel Bernardo Tahoces recordou que o aproveitamento das enerxías renovables terá un papel prioritario no Plan Enerxético de Galicia 2010-2015, establecendo o obxectivo de aumentar nun 60% a xeración eléctrica e nun 16% a xeración térmica a partir destas fontes, e co obxectivo de que a produción de electricidade con fontes renovables deberá permitir cubrir case o 100% do consumo na nosa Comunidade Autónoma no horizonte de 2015.

O director xeral de Industria sinalou na súa intervención que o necesario fomento das enerxías renovables ten que camiñar parello a unha nova dimensión da eficiencia e do aforro enerxético, no que Galicia tamén é pioneira da man das actuacións da Consellería de Economía e Industria.

“Os consumidores non só poden e deben aforrar enerxía, senón que tamén están chamados a producila polo que se coñece como xeración dustribuída, esto é coa produción de plantas de biogás nas explotacións gandeiras, coa construción de bombas de calor xeotérmicas en edificios e vivendas, con parques emepresariais eficientes e xeradores de enerxía e cunha aposta decidida polo coche eléctrico como almacenador da enerxía procedente das renovables”, explicou.

Por último, Ángel Bernardo Tahoces reclamou un marco regulatorio estable para todos os implicados no desenvolvemento das enerxías renovables como único camiño para evitar as actuais diferencias e disfuncións e “poder fixar así industria e xerar emprego”.