Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta de Galicia regula a súa identidade corporativa para unificar a súa imaxe institucional

O Goberno galego aprobou no Consello un decreto polo que se regula o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, no marco dun programa de imaxe institucional que pretende mellorar e unificar a proxección exterior da Xunta de Galicia.

Ata o de agora existían símbolos e logotipos diversos, determinados pola diversidade de entes e organismos que integran o sector público autonómico, que podían producir confusión e falla de identificación, e non ofrecían unha visión homoxénea na súa proxección exterior, nas súas manifestacións externas e na súa relación cos cidadáns. O obxectivo do decreto é que, a través dun esforzo de estandarización, a imaxe da Xunta actúe como un elemento de cohesión, moderno e homoxéneo, facilmente recoñecible para os cidadáns e para o resto das institucións. Os elementos básicos da imaxe son o símbolo constituído polo escudo de Galicia e o logotipo corporativo coa expresión Xunta de Galicia.

A imaxe corporativa institucional deberá figurar en todos os documentos administrativos e comunicacións de tipo xeral expedidos polos departamentos da Xunta de Galicia, as delegacións territoriais e todos os entes que integran o sector público autonómico. Tamén deberá figurar nas publicacións, folletos de información ou divulgación en calquera soporte, así como nos anuncios institucionais en prensa.

A imaxe corporativa institucional aplicarase sempre que proceda a adquisición, reposición ou reedición de calquera elemento que deba exhibila. En todo caso, e para non incrementar o gasto público, seguirán utilizándose ata que se esgoten as existencias de material impreso anteriores á súa entrada en vigor.

No caso de se utilizar en papelería oficial, sinalización de edificios ou portada interior de publicacións, poderá engadírselle á imaxe institucional o nome das consellerías e órganos delas dependentes ou das delegacións ou xefaturas territoriais. Ademais, os entes públicos poderán ser autorizados a utilizar os seus logotipos, sempre xunto á imaxe corporativa institucional.