A Xunta de Galicia reforza a súa aposta pola dixitalización das pemes cunha nova edición de Reacciona TIC

Venres 05 de Outubro de 2018

A Xunta de Galicia reforza a súa aposta pola dixitalización das pemes cunha nova edición de Reacciona TIC

• Pon á disposición do tecido empresarial galego un catálogo de servizos de alto valor engadido para o seu desenvolvemento estratéxico, profesionalización e innovación
• Entre as principais novidades está a incorporación de servizos vinculados a actividades de innovación, a solucións baseadas nos contidos dixitais, a ciberseguridade ou as solucións en mobilidade
• A Amtega e o IGAPE destinan máis de 4,6 millóns de euros ao Programa Reacciona para facilitar ás pemes a súa transición cara á economía dixital, permitíndolles acadar vantaxes competitivas permanentes

A Xunta de Galicia dá un paso máis no seu compromiso co impulso á modernización e a innovación tecnolóxica do tecido empresarial galego, poñendo en marcha unha nova edición de Reacciona TIC dentro Programa Reacciona. A iniciativa, froito da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o IGAPE ofrecerá ás pemes galegas un catálogo unificado de servizos a prezos reducidos orientados a mellorar a súa competitividade a través de  aspecto operativo, estratéxico ou de incorporación de tecnoloxía.

Esta nova edición do programa Reacciona, que conta cun orzamento conxunto de máis de 4,6 millóns de euros ata o ano 2020, introduce como principais novidades a incorporación de servizos vinculados a actividades de innovación e aos relacionados coas novas tendencias dixitais como as solucións baseadas nos contidos dixitais, a ciberseguridade ou as solucións en mobilidade.

Servizos de Dixitalización

Nesta edición o Reacciona TIC ofrece servizos orientados a promover a dixitalización empresarial, comezando pola análise do grao de modernización tecnolóxica e identificación de oportunidades de mellora, resultando na definición da estratexia dixital cara á incorporación de novas solucións dixitais e tendencias tecnolóxicas (cloud, Big Data, social media, etc.).

Ademais as pemes tamén terán acceso a servizos de soporte para a definición e implantación dunha estratexia corporativa para xestionar a ciberseguridade de maneira eficiente e a posta en marcha de medidas de protección; ou para implantar de solucións dixitais innovadoras en mobilidade capaces de agregar valor ás actividades operacionais e de xestión empresarial.

Doutra banda, converxendo cos obxectivos do DICO Mindset (Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia), ofertaranse servizos para a posta en marcha de proxectos ás novas tendencias tecnolóxicas ligadas ao sector dos contidos dixitais. 

En concreto, prestarase un servizo de apoio á adopción de solucións innovadoras con base nos contidos dixitais (realidade virtual, realidade aumentadas, a gamificación ou os serious games) que permitan ás empresas transformar os modelos de xeración de produtos e/ou servizos, así como agregar valor aos procesos de deseño e/ou produción, aos produtos ou aos servizos resultantes. É un servizo para o deseño dunha estratexia de marketing de contidos orientada á mellora da relación empresa-consumidor con respostas personalizadas (vídeo-marketing, mail-marketing, infografías, realidade virtual, xogos dixitais, etc.).

Marco de referencia estratéxico

A Axenda Dixital de Galicia 2020, liderada pola Amtega, que establece como unha das súas liñas estratéxicas a ‘Aceleración da Economía Dixital’ co fin de promover o liderado de empresas que a través da incorporación das TIC, tanto nos procesos internos como de negocio, garantan a creación e absorción de talento e innovación para xerar novas oportunidades e promover así a atracción e o crecemento económico na Comunidade

Ademais esta actuación tamén se aliña coa Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0, liderada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, establecendo novas fórmulas de produción que melloren a súa competitividade impulsando a fabricación de produtos diferenciados e de calidade.