A Xunta converte o portal galiciana.gal na canle de acceso aos fondos da memoria dixital de Galicia

Venres 08 de Decembro de 2017

A Xunta converte o portal galiciana.gal na canle de acceso aos fondos da memoria dixital de Galicia

Unifica nunha mesma plataforma máis de 300.000 obxectos dixitalizados de 9 coleccións, aos que se irán sumando os das restantes iniciativas de dixitalización
Abordarase a xeorreferenciación de 10.000 bens arqueolóxicos, arquitectónicos e etnográficos, 40.000 macrotopónimos e a dixitalización de máis de 1,5 millóns de documentos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Ademais, estanse a dixitalizar preto de 370.000 imaxes e documentos do catastro do Marqués da Ensenada e do diario “El Pueblo Gallego”
Estase a traballar nunha plataforma de recolección e difusión da toponimia de Galicia

A Xunta vén de publicar a nova versión do portal Galiciana, a porta de acceso á plataforma da Memoria Dixital de Galicia. Galiciana.gal inicia a súa andaina con máis de 300.000 obxectos dixitalizados de 9 coleccións procedentes de fondos xestionados pola Xunta - como os da Biblioteca Dixital de Galicia e os do Arquivo Patrimonial de Galicia-  e doutras entidades como as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Padre Sarmiento.

Galiciana.gal irá incrementando os seus contidos a media que se desenvolvan as actuacións previstas na Memoria Dixital de Galicia, unha iniciativa para crear un novo modelo de xestión e conservación do patrimonio cultural galego baseado nas TIC para asegurar a súa conservación, a súa difusión  e a súa accesibilidade desde calquera lugar do mundo.

Esta estratexia impulsada desde o ámbito público, a través da Consellería de Cultura, Educación Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa sociedade galega e con todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego.

A Memoria Dixital de Galicia aséntase en varias medidas, xa en marcha, vinculadas á dixitalización e difusión do patrimonio cultural galego como a posta en funcionamento o pasado ano do Arquivo Electrónico Patrimonial; a Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana; o proxecto transfronteirizo “Geoarpad”, que permitirá xeolocalizar o patrimonio material e inmaterial de Galicia e o norte de Portugal; ou a dixitalización de preto de 370.000 imaxes e documentos do catastro do Marqués da Ensenada e do diario “El Pueblo Gallego”.

Proxecto Transfroteirizo Galicia-Norte de Portugal, Geoarpad

O pasado mes de xuño creouse o Comité de dirección do Proxecto transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal Geoarpad, liderado pola Xunta, en colaboración con outros 12 socios de ambos lados da fronteira.

Entre as actuacións previstas no Geoarpad está a xeorreferenciación de 40.000 macrotopónimos, o que permitirá á Comunidade dispoñer do Nomenclátor de Galicia xeorreferenciado e dispoñible en formatos abertos como única fonte normalizada de referencia para a Administración pública e a cartografía de Galicia.

No caso do patrimonio material, está prevista a xeorreferenciación de 10.000 bens de diferente natureza, principalmente bens arqueolóxicos pero tamén bens inmobles de natureza arquitectónica e etnográfica.

Ademais, Geoarpad contempla tamén a dixitalización de 1,5 millóns de imaxes do patrimonio rexional transfronteirizo e a súa difusión a través de repositorios online autonómicos, nacionais e europeos.

Geoarpad é unha iniciativa cun investimento total de 3,6 millóns de euros, financiados con fondos do programa operativo europeo INTERREG ata o 2019. O proxecto está liderado pola Xunta, a través da Amtega e en colaboración coa secretaría Xeral de Política Lingüística, a Secretaría Xeral de Cultura, a Dirección Xeral de Xustiza e Instituto de Estudos do Territorio, que achegan máis de 1,9 millóns de euros.

A estas entidades súmanse as achegas dos restantes socios: a Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto de Ciencias del Patrimonio (INCIPIT) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a Comunidade Intermunicipal do Minho-Lima (CIM Alto Minho), a Direção Geral do Livro, dos Arquivos e das Bibliotecas (DGLAB), a Universidade do Porto, as Universidades de Tras-os-Montes e Alto Douro, a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte e a Direção Regional de Cultura do Norte.

370.000 imaxes catastrais dos séculos XVIII e XIX

Outra das liñas de actuación na construción da Memoria Dixital de Galicia é a  dixitalización de 370.000 imaxes e documentos procedentes do Catastro do Marqués de Ensenada, do Arquivo da Casa de Comercio e Banca Bengoechea e do xornal “El Pueblo Gallego”. Estes fondos estarán dispoñibles para a súa consulta a través do portal Galiciana. A Amtega e a Secretaría Xeral de Cultura ocuparanse da dixitalización destes documentos, á que destinan un orzamento de 200.000 euros.

Dos 238.000 documentos que se dixitalizarán, uns 11.000 corresponden a 21 libros de entre 1820 e 1874 do Arquivo da Casa de Comercio e Banca Bengoechea, actualmente custodiados no Arquivo de Galicia.

Do Catastro do Marqués da Ensenada dixitalizaranse 189.000 imaxes e páxinas dos Libros Reais e de Persoal de Leigos e Esclesiásticos de entre 1752 e 1754. Estes documentos conteñen información sobre as propiedades destes sectores sociais con croques de situación dos bens raíces  e de cada un dos bens (rústicos,pecuarios, urbanos), así como a filiación  de cada veciño cabeza de familia, co seu estado civil, idade, profesión, estamento e número de fillos.

As 139.000 imaxes restantes procederán do Diario “El Pueblo Gallego” correspondentes ao período comprendido entre 1924 e 1979. Trátase dunha das publicacións máis consultadas tanto en Galiciana como nas bibliotecas públicas galegas.

Toponimia

Outra da liñas de actuación da Memoria Dixital é a nova plataforma de recolección e difusión da toponimia, que se porá en marcha coa publicación dun novo portal e dunha ferramenta de participación cidadá. Actualmente, o Nomenclátor de Galicia conta con 41.409 topónimos e nos últimos dez anos recolléronse preto de medio millón de  microtopónimos na terceira parte do territorio galego, o que chega a representar ata 160  microtopónimos por quilómetro cadrado.