A Xunta contará cunha rede de telecomunicacións sen precedentes que permitirá dar resposta a todas as esixencias dunha administración integramente dixital

Domingo 14 de Febreiro de 2021

A Xunta contará cunha rede de telecomunicacións sen precedentes que permitirá dar resposta a todas as esixencias dunha administración integramente dixital

• Todos os centros contarán con conexión por fibra óptica con velocidades simétricas de 1 Gbs, independentemente da súa localización rural ou urbana
• Reforzarase a capacidade destas infraestruturas para potenciar as canles dixitais de cara aos cidadáns
• Todos os centros educativos de infantil, primaria, secundaria, ciclos formativos e de educación especial contarán con conexións simétricas de fibra de 1Gbps facilitando os novos modelos de clases en liña nos centros educativos
• A Administración terá a posibilidade de contratar conectividade móbil a unha tarifa especial de 500 Gbps ao mes por tan só 12,71 €/mes, co obxecto de poder facilitar a conectividade a alumnos de familias en situación de vulnerabilidade

A Xunta contará cunha rede de telecomunicacións sen precedentes que permitirá dar resposta a todas as esixencias dunha administración integramente dixital. Telefónica vén de gañar o primeiro lote do contrato da súa rede corporativa de telecomunicacións, que inclúe todas as liñas de comunicacións dos centros, o acceso a internet e a telefonía fixa por importe de 33 M€, con máis de 5,1 M€ de rebaixa sobre o importe de licitación. Desta forma, nas próximas semanas tamén se decidirá a adxudicación do segundo lote correspondente á telefonía móbil.

Reforzo da rede de datos

Isto supón un fito histórico na mellora de conectividade da rede corporativa da Xunta de Galicia, xa que o 100% dos centros disporán de fibra óptica con velocidades simétricas, de forma que contarán coas mellores tecnoloxías de conectividade existentes ata a data, tanto en canto á velocidade, como en fiabilidade e rendemento. Isto implicará que o operador faga unha enorme inversión en Galicia, achegando a tecnoloxía FTTH (fibra ata o fogar) a moitas poboacións onde era inviable contratar este tipo de servizos.

Ademais, 2.542 centros (94 % do total) contarán con, polo menos, 1 Gbps simétrico, o que incluirá a totalidade dos centros escolares, o que supoñerá un incremento de velocidade sen precedentes, especialmente na velocidade de subida, necesaria para a impartir clases en liña ou realizar videoconferencias. Tamén se inclúe un plan de mellora anual da velocidade de conexión para que o paso do tempo non poida supoñer unha limitación fronte ás melloras das tecnoloxías do futuro, podendo chegar a duplicar cada ano o ancho de banda das conexións FTTH ata 10 Gbps no 2024.

Estas melloras tamén permitirán potenciar as canles dixitais de cara aos cidadáns.Tamén cómpre destacar a mellora das liñas de respaldo, que son as que entran en funcionamento no caso de que se produza un corte na liña principal, que pasarán a dispoñer de 2.677 liñas de respaldo con velocidades de 350 Mbps ou superior, baseadas en tecnoloxías de fibra óptica e 5G, o que colateralmente supoñerá unha mellora de cobertura inalámbrica 5G en Galicia.

Para todos os casos nos que a liña de respaldo estea baseada en 5G, o operador poñerá á disposición da Xunta de Galicia unha terceira liña adicional para o tráfico de voz, de forma que, mesmo nas circunstancias máis adversas, estea garantido o servizo de telefonía IP (Protocolo de telefonía por Internet) dos centros. Esta mellora ofertada supón 1.333 liñas adicionais ao que solicita no concurso.

Melloras en telefonía fixa

En telefonía fixa renovaranse todas as centrais de telefonía da rede corporativa cunha capacidade de 120 chamadas por segundo, e que implicará unha renovación moi importante dos terminais telefónicos, pasando a contar co 100% das liñas con tecnoloxía IP. Isto será un salto cualitativo moi importante que permite unha maior flexibilidade e eficiencia. Todo o sistema de telefonía será completamente redundante activo-activo, o que significa que garante que non haxa corte de servizo en ningún momento.

Neste ámbito, contémplanse as ferramentas para o emprego dos teléfonos corporativos da Xunta de Galicia desde calquera localización.

O acceso a internet corporativa tamén se ve incrementado de forma moi importante, contando desde o inicio do contrato con equipamento que permitirá chegar ata os 100 Gbps no caso de que sexa necesario.

Novos servizos

Tamén cómpre destacar as prestacións do sistema de videoconferencias ofertado (para 58.500 usuarios), que permite organizar reunións de forma segura de ata 1.000 participantes e organizar seminarios web de ata 3.000 participantes, para todos os usuarios dos ámbitos educativo, corporativo e xustiza. Ademais, é compatible cos sistemas operativos de PC, tablets, smartphones, e tamén coa posibilidade de usar con equipos de videoconferencia de sala.

Inclúese a dotación dunha plataforma de streaming avanzado que posibilita a retransmisión de vídeos en directo, que é necesaria para accións de comunicación en liña.

Adicionalmente, a Xunta terá a posibilidade de contratar conectividade móbil a unha tarifa especial de 500 Gbps ao mes por tan só 12,71 €/mes, co obxecto de poder facilitar a conexión a alumnos de familias en situación de vulnerabilidade.