Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta comeza a renovación dos equipos nos centros educativos que empregan o libro dixital coa distribución de 1.200 ultraportátiles

A finais de xaneiro completarase a substitución de máis de 13.000 portátiles para o alumnado e o reparto de 2.000 para o profesorado dos 154 centros E-Dixgal
En 2018 activarase o Servizo Premium de atención remota e presencial ás familias, alumnado e profesorado implicados na iniciativa
Amplíanse os contidos curriculares coa incorporación da editorial Planeta como terceiro provedor para as materias de 5º de primaria a 2º da ESO
O 94% dos centros que empregan o libro dixital teñen conexións cun mínimo de 100Mbps e o vindeiro ano disporán destas velocidades todos os centros educativos públicos de Galicia

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, iniciaron a pasada semana a renovación do equipamento nos centros adheridos a iniciativa E-Dixgal do Proxecto Abalar. En total, completouse a entrega de 1.200 ultraportátiles nunha vintena de centros que empregan o libro dixital.

A distribución de equipos continuará, de xeito progresivo, ata finais de xaneiro, cando se completará a entrega de máis de 13.000 ultraportátiles para o alumnado e 2.000 portátiles para o profesorado, cos que se renovará o equipamento co que desenvolvían a súa actividade diaria  os 154 centros que empregan o libro dixital.

Os novos equipos dos alumnos poden ser empregados como portátil ou como tableta, son táctiles e traen integradas un amplo conxunto de aplicacións educativas agrupadas por categorías como imaxes en 3D de planetas, táboa periódica ou editor de moléculas para ciencias; dicionarios para as materias de lingua; apps de experimentos e circuitos eléctricos para física ou de operacións e gráficas para matemáticas, entre outras.

A  renovación de equipamento é unha das melloras previstas pola Xunta para impulsar a extensión do libro dixital nos centros educativos galegos, á que se suman a posta en marcha dun Sevizo de Soporte Premium, a ampliación de contidos e a mellora da conectividade dos centros.

Servizo Premium

En 2018 activarase o Servizo de Soporte Premium para as familias, alumnado e profesores dos 154 centros educativos que empregan o libro dixital, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica e online); in situ, con desprazamento ao lugar da incidencia; e a través de puntos físicos de atención.

Os máis de 1.000 profesores, 12.000 alumnos e as súas familias disporán o ano que vén dunha única vía de atención para todas as cuestións relacionados co uso do libro dixital (a través de varias canles (telefónica, correo electrónico, web, app no móvil, ...), dispoñible as 24 horas do día os 7 días da semana. Desde este punto, atenderanse todas as dúbidas, consultas e incidencias que poidan ter os usuarios, resolvéndoas de xeito remoto, se é posible, ou activando os servizos presenciais para que estas se resolvan onde se atopen os usuarios se non fose posible resolvela remotamente.

O novo Servizo Premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou profesor para aquelas incidencias que requiran unha atención presencial.

Outra das opcións que se contemplan para o servizo, é a dispoñibilidade dunha rede de puntos físicos de atención, abertos en horario comercial, nos que os alumnos e as súas familias poidan resolver consultas, dúbidas ou incidencias sobre os ordenadores ou o uso das plataformas e servizos dispoñibles.

Novos Contidos

Respecto aos contidos, a principios de 2018 a editorial Planeta incorporarase como terceiro provedor de contidos curriculares dixitais para as materias de 5º de primaria a 2º da ESO, sumándose aos actuais, Netex e Edebé. Ademais, está en fase de licitación o centro de produción de contidos educativos dixitais, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma contidos innovadores. E tamén está en proceso de licitación o contrato do provedor de contidos en inglés.

Mellora da conectividade

A mellora das infraestruturas de telecomunicación é outro dos aspectos clave na estratexia de innovación educativa. Neste momento, o 94% dos centros que empregan o libro dixital teñen conexións cun mínimo de 100Mbps. En total, máis de 825 centros públicos, preto do 76%  do total, dispoñen de alo menos esta velocidade, que en 2018 chegará ao 100%, dos centros educativos públicos de primaria e secundaria. Entre xullo e novembro a porcentaxe de centros públicos que dispoñen de 100Mbps incrementouse do 46% a preto do 76%.

Plan de formación dixital

Outra das medidas é o desenvolvemento dun plan continuo de formación dixital a docentes. Entre setembro e novembro impartíronse máis de 20 cursos nos que 430 profesores recibiron formación sobre cuestións técnicas e metodolóxicas relativas sobre a educación dixital.

Investimento

O goberno galego investirá un total de 27 millóns de euros no curso 2017-2018 no desenvolvemento de todas estas liñas de actuación para consolidar a educación integramente dixital en Galicia.