Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta comeza a recibir esta semana os 14.502 ordenadores do Plan Educa Dixital destinados ao alumnado en risco de exclusión tecnolóxica

• A medida “Posto educativo no fogar” forma parte do programa “Educa en Dixital Galicia”, que é o resultado dun acordo entre a Xunta, Red.es e o Ministerio de Educación e Formación Profesional
• A Xunta comezará a distribución dos equipos de xeito inmediato a partir da súa entrega por parte de Red.es, que anunciou que os enviará en varias quendas ata maio
• A Amtega e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade xa dispoñían dun fondo propio de case 5.000 ordenadores portátiles con kit de conexión para atender as necesidades máis inmediatas como consecuencia da pandemia


A Xunta de Galicia comeza esta semana o reparto de 14.502 ordenadores portátiles cun bono de datos para a conexión a internet aos centros educativos públicos da Comunidade, destinados a alumnado en situación de risco de exclusión tecnolóxica.

Esta medida, denominada Posto educativo no fogar, enmárcase no programa Educa en Dixital Galicia, que foi asinado pola Xunta de Galicia, Red.es e o Ministerio de Educación e Formación Profesional a través de fondos FEDER  e coa cofinanciación da comunidade autónoma

Galicia foi das primeiras comunidades en asinar o convenio con Red.es, e polo tanto, de adherirse á iniciativa para dar resposta ás necesidades das familias mais vulnerables. A Xunta entregará os equipos aos centros a medida que os reciba por parte de Red.es, entidade encargada de compralos e distribuílos en todo o Estado. O compromiso expresado pola Xunta é comezar o envío do equipamento aos centros de xeito inmediato  despois da súa entrega por parte do Estado.

Os centros educativos serán os encargados de repartir os equipos entre o alumnado que se atope en situación de risco de exclusión. A entrega realizarase mediante a formalización dun acordo temporal de cesión coa familia. O préstamo non poderá exceder o tempo de duración do curso académico. Salvo cando os responsables dos centros consideren que se dan circunstancias particulares que así o recomenden, o alumnado beneficiado por esta medida deberá devolver os ordenadores ao remate do curso. O centro tamén poderá solicitar a devolución no caso de que cambien as circunstancias que motivaron a necesidade do préstamo.

Para afrontar os casos urxentes polas necesidades de uso das tecnoloxías dixitais derivadas da situación creada covid-19, a Xunta de Galicia xa dispoñía dun fondo propio de preto de 5.000 portátiles con kits de conexión para alumnado con máis necesidades. Esta actuación formou parte do plan de continxencia ante as limitacións de mobilidade provocadas pola pandemia.

Ademais, a Xunta dispón de 20.600 kits de conexión a internet con bono de datos de 10 meses para atender ao alumnado en risco de exclusión dixital, unha cifra que se podería ampliar, en función das necesidades, con bonos de 500 Mbps, no marco do novo concurso de telecomunicacións.