A Xunta comeza a elaboración dun plan para modernizar o Sistema Galego de Servizos Sociais e avanzar cara o Expediente Social Único

Domingo 22 de Abril de 2012

A Xunta comeza a elaboración dun plan para modernizar o Sistema Galego de Servizos Sociais e avanzar cara o Expediente Social Único

O obxectivo é integrar as TIC no sistema para mellorar as prestacións, simplificar procedementos, reducir os prazos de tramitación e compartir información e recursos entre todas as administracións

O Plan establecerá as necesidades tecnolóxicas para conseguir estes obxectivos e fomentar o autocoidado preventivo no fogar, optimizar os recursos existentes e garantir a sostibilididade do sistema

O proxecto implicará aos colectivos, centros, entidades e profesionais do sector e ás administracións locais

Está previsto que os resultados deste traballo se dean a coñecer en outubro

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Traballo e Benestar están a colaborar na elaboración do Plan Sectorial para a Modernización Tecnolóxica do Sistema Galego de Servizos Sociais.

O obxectivo é crear unha estratexia integral de modernización tecnolóxica no eido da atención social para mellorar a prestacións, simplificando trámites, reducindo os prazos de tramitación e compartindo información e recursos entre todas as administracións a través do Expediente Social Único, que permitirá a abordaxe integral dos usuarios do sistema.

O plan fará foco no avance do autocoidado preventivo no fogar mediante servizos de teleasistencia avanzada e na mellora da atención integral ás persoas beneficiadas compartindo en rede toda a información entre centros de atención, traballadores sociais, centros de saúde e profesionais asistenciais.

Ademais, a integración efectiva das novas tecnoloxías no sistema de servizos sociais permitirá a utilización de sistemas avanzados de análise e predición de necesidades para anticiparse ás mesmas.

O plan, que se prevé rematar en outubro, definirá as necesidades tecnolóxicas para conseguir estes obxectivos, implicando no proceso de elaboración todo o sector, desde as Administracións, aos centros de atención, profesionais colectivos na atención social e que permita unha mellor xestión das prestacións sociais axilizando os tempos de resposta e optimizando os recursos das diferentes administracións.

Mellorar a calidade e a capacidade de atención
A posta en marcha deste plan, que ten como chave a integración das TIC na prestación dos servizos sociais, contribuirá á sostibilidade do sistema mellorando a capacidade e calidade de atención, reducindo custes administrativos, optimizando os recursos existentes e garantindo o mantemento e mellora das prestacións no futuro.

O comité de dirección do proxecto, encabezado pola directora da Amtega, Mar Pereira e a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, está integrado por representantes do Consorcio Galego de Servizos Sociais, do Servizo Galego de Saúde e da Dirección Xeral de Administración Local, que mantiveron unha primeira xuntanza para esta semana para establecer as necesidades de partida do Plan.

Impulso do tecido empresarial e do sector TIC
As medidas que estableza o plan contribuirán ao desenvolvemento dun tecido empresarial de excelencia no eido da asistencia social especializada e ao incremento e mellora da formación e capacidades dos seus profesionais.

Ademais, suporá un forte impulso ao sector TIC galego que poderá desenvolver proxectos innovadores no eido sociosanitario ao abeiro do Plan.